ADENCO presenta as actividades das XXVIII Xeiras Micolóxicas do Condado

As Xeiras Micolóxicas do Grupo Ecoloxista ADENCO chegan este ano a súa  vixésimo oitava edición, realizándose de maneira ininterrumpida desde a constitución do colectivo en 1990. As Xeiras son un referente no mundo da micoloxía no sur da Provincia de Pontevedra e supuxeron no seu momento a chegada da ecoloxía á micoloxía, con actividades abertas á sociedade, dirixidas a nenos e adultos, co propósito de descubrir o reino dos fungos, que aínda hoxe esconde segredos destacables.

O Grupo Ecoloxista Adenco desenvolverá no último fin de semana de outubro, como vén sendo costume, varias actividades no Concello de Mondariz Balneario, epicentro histórico no mundo da micoloxía no sur de Galicia. Así, as persoas interesadas, poderán participar nun roteiro micolóxico guiado polos montes do concello, un obradoiro práctico de identificación de cogomelos e ver e aprender cunha exposición de cogomelos durante os próximos 28 e 29 de outubro.

“Intentamos introducir novas temáticas nas actividades, sen esquecer o pasado, adicándolle este ano tempo aos cogumelos galegos en xeral e ao relacionado cos cogumelos en Mondariz, como levamos facendo desde hai case tres décadas” indicou Anxo F. Saborido, Presidente de Adenco.

ACTIVIDADES MICOLÓXICAS EN MONDARIZ BALNEARIO

Como sempre, a última fin de semana de outubro é o punto de comezo das actividades. E como sempre é o Concello de Mondariz Balneario onde comezamos. O sábado, ás 10:30h, desde o Concello, sairemos ao monte a recoller diferentes especies. Pola tarde, desde as 19:00h, na Biblioteca do Concello, procederase a clasificalas, nun obradoiro de identificación de cogomelos que precisará de inscrición previa e terá número de asistentes limitado. O domingo pola mañá, entre as 11h e as 14h, exporanse as diferentes especies recollidas nos montes da Comarca nos soportais do Concello.

Deixar un comentario