Carta aberta a Agustín Nogueira

Sr. Nogueira, veño de ler o seu escrito “ENCE… y sr Masa” publicado o pasado día 15 nalgún medio de comunicación e debo recoñecer que -deixando de lado o seu dubidoso estilo e calidade literaria- tenme sorprendido; sorpréndeme a profundidade e sutileza do título, pero sorpréndenme máis algunha das afirmacións que verte no seu texto.Sorpréndeme, con efecto, un parágrafo no que afirma “la Plataforma que represento trabaja con conciencia, responsabilidad y la seriedad que convierte a ENCE en todo lo que representa”, pois con independencia do que Vde. pretenda dicir con esta frase valeira de contido, non se pode dubidar de que identifica, de forma explícita, á chamada “Plataforma de apoyo a la industria en la comarca de Pontevedra” con ENCE, algo que vimos dicindo desde a APDR e que Vdes. negaban de forma reiterada. Desde hoxe sabemos xa que Plataforma e ENCE, a mesma cousa é!

Pero entrando xa no que se supón é obxectivo do seu texto, direille que ten razón cando afirma que se fala moito da “economía circular” e mesmo sen saber de que se trata; abonda con ler as liñas coas que Vde. trata de definila, para confirmalo! Segundo Vde., “se trata de un proceso de producción de materiales que se reutilizan y se revalorizan, como el eucalipto”, un proceso que pouco o nada ten que ver coa economía circular e que representa un sistema de economía lineal puro e duro que, no caso de ENCE, supón a súa transformación en pasta de papel.

Porque no cerne do sistema de economía circular atópanse conceptos coma o de produción e consumo sostíbel e responsábel; trátase de sistemas baseados na redución do consumo de materias primas e dos residuos xerados, na reutilización e na reciclaxe, que supoñen ademais a redución da contaminación e a rendibilización dos residuos, uns conceptos que chocan de fronte co xeito de actuar de ENCE.

Unha empresa que consume case 40.000 m3 de auga diariamente e arredor de 1.300.000 tm de eucaliptos ao ano, que verte diariamente uns 40.000 m3 de augas residuais cargadas de materia orgánica e coliformes á Ría, ou que emite enormes cantidades de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, pódese considerar sostíbel e responsábel? Como considerar a empresa ENCE, que queima aceites usados na súa planta de biomasa, exemplo de economía circular? Pode alguén considerar sostíbel e responsábel o modelo de explotación empregado por ENCE nos nosos montes?

E trabúcase de novo, non sei se por simple ignorancia ou -como creo- conscientemente, cando di que se vai aprobar unha nova Lei de Costas. A Lei de Costas de 1988, que pretendía garantir os dereitos da cidadanía sobre o dominio público marítimo-terrestre, foi modificada no ano 2013 polo Partido Popular para introducir unha serie de cuestións que -é o caso das prórrogas- eliminaban boa parte deses dereitos ao converter, na práctica, as concesións nestes espazos en propiedades privadas. O único que se ten anunciado agora é a modificación do Regulamento polo que se rexe a Lei para eliminar as contradicións existentes entre ambos os dous textos legais, e é na Lei do 2013 onde se recolle que ningunha instalación poderá permanecer en dominio público máis alá de 75 anos, reservando as posíbeis prórrogas a aquelas instalacións que, pola súa natureza, teñan que estar nestes espazos públicos; é o caso das instalacións de acuicultura!

E cústame admitir que descoñeza Vde. que as bateas de mexillóns non están afectadas pola Lei de Costas! porque, contrariamente ao que afirma Vde., estas instalacións réxense pola Lei 6/2009 que modifica á Lei 11/2008 de Pesca de Galicia.

Para rematar, direille que non sei se Pontevedra me necesita ou non, pero si sei a quen lle gustaría verme fóra; en todo caso, mentres ENCE sega na Ría e mentres non se solucionen a multitude de problemas ambientais que ten a nosa comarca, en Pontevedra seguirá facendo falta unha asociación que -como a APDR- manteña acesa a esperanza nun futuro mellor, un futuro para a nosa economía e a calidade de vida que pasa pola desaparición da fábrica de ENCE da nosa Ría e das nosas vidas.

Pontevedra, 21 de decembro de 2019

Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s