A Xunta outorga unha “autorización” de vertidos encuberta á mina de San Finx

Catro anos despois de que a filial de Sacyr que se fixo coas concesións da histórica mina de San Finx se vira obrigada a solicitar permiso para o vertido as augas ácidas de mina, a Xunta outórgalle unha autorización encuberta baixo o eufemismo de “medidas cautelares” que ademais implica amparar a ocupación do cauce natural do río con dúas novas balsas de residuos mineiros construídas ilegalmente en 2011.

As medidas, autorizadas pola Directora de Augas de Galicia e ata fai pouco concelleira do Partido Popular en Santiago, Teresa María Gutiérrez, contemplan a instalación dunha “planta piloto de tratamento”, en teoría para tratar de forma experimental 2.000 litros por hora durante dous meses, pero fontes da empresa xa se gababan a finais de decembro que “la autorización de vertidos está al caer“, en referencia a estas “medidas cautelares”.

En 2017 a mineira perforou unha nova 5ª planta no sector “Buenaventura” da mina, por debaixo do nivel de inundación, debendo realizar bombeos continuos de drenaxes ácidas que foron vertidos ao cauce sen tratamento a pesar de carecer de autorización de vertido e declaración de impacto ambiental. ContraMINAcción teme que, con esta autorización encuberta, se reanude ilegalmente o achique das labores mineiras inundadas.

Ademais, a xuizo de ContraMINAcción, esta autorización non só é ilegal ao darse no marco dun procedemento cuxo prazo de resolución finalizou hai 3 anos e que, por tanto, está caducado, senón que evidencia a conivencia da Xunta coa mineira. “A mineira leva anos vertendo de xeito ilegal sen que se incoara un só procedemento sancionador, a pesar de constatarse que os altos niveis de cadmio, cobre e cinc presentes no río son resultado directo das verteduras da mina”. Por iso, anuncian accións legais inmediatas contra as autoridades e funcionarios de Augas de Galicia.

Denúnciase ademais que se produza esta autorización cando se constatou a continua mala fé da empresa, achegando datos falsos e conxeturas sen base científica, como a suposta existencia dun “fondo natural” de substancias contaminantes que impediría cumprir os limites de contaminantes que impón a lexislación, para o que Tungsten San Finx S.L. se valeu de informes emitidos polo profesor xubilado Felipe Macías, desmentidos por unha revisión rigurosa feita pola Universidade da Coruña. O proxecto de “planta piloto”, que supostamente pretende validar resultados experimentais de laboratorio, forma parte da estratexia de fraude permanente.

Ante iso, as únicas “medidas cautelares” que debería ter imposto a Xunta, desde o primeiro momento no que constatou a existencia de verteduras en 2016, eran as destinadas a impedilas, incluíndo o selado dos transversais de desaugue da mina mediante ‘bulkheads’, e o taponado de chimeneas e pozos de ventilación, permitindo a reinundación das plantas baleiradas ilegalmente desde 2008 e creando condicións anaerobias que minimicen os procesos de xeración de drenaxes ácidas de mina.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s