Asociacións de toda Galicia lanzamos esta ALERTA AMBIENTAL

A XUNTA INTENTA APROVEITAR O ESTADO DE ALARMA PARA SACAR ADIANTE 1000 PROXECTOS INDUSTRIAIS ESPECIALMENTE CONTROVERTIDOS NUN MOMENTO NO QUE A CIDADANÍA NON TEN GARANTIZADOS OS SEUS DEREITOS

O Consello da Xunta do xoves 30 de abril do 20201 aprobou reactivar a tramitación administrativa en materia de avaliación ambiental de 975 proxectos que estaban paralizados polo Estado de alarma. Froito diso, e cando aínda existe unha seria crise sanitaria e a poboación segue confinada e sen poder desenvolver as súas actividades de forma normalizada, a Xunta de Galicia dita unha Orde, publicada no DOG2 deste 4 de maio, para que comecen a correr os prazos de exposición pública destes proxectos industrias de grande impacto.

A XUNTA REACTIVA OS PROCEDEMENTOS DE PROXECTOS INDUSTRIAS DE GRANDE IMPACTO AMBIENTAL

Os proxectos que se inclúen na Orde son vertedoiros, plantas de xestión de residuos, proxectos de parques eólicos e subsestacións eléctricas, liñas de alta tensión, factorías que emiten gases de efecto invernadoiro, etc.

Trátanse de proxectos especialmente sensibles e controvertidos que xeran un gran rexeitamento social polas súas características pouco respectuosas coa máxima de ‘Aire, auga e terra limpas’ para o noso territorio, ou o que é o mesmo, de grande impacto ambiental, pero tamén social e económico. Detrás destes proxectos están medianas e grandes empresas (moitas veces foráneas) que pretenden facer un gran negocio cos recursos da nosa terra e que actúan únicamente en beneficio propio sen ter en conta as persoas e as contornas afectadas.

PARTICIPACIÓN CIDADÁ LIMITADA POLO ESTADO DE ALARMA

O Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo do 20203, polo que foi declarado o Estado de alarma, estableceu con carácter xeral a suspensión dos termos e dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. Só contempla, como forma excepcional, que se poidan acordar, mediante resolución motivada, a continuación daqueles trámites que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

Da mesma maneira, o Estado de alarma impide que cidadanía galega poidamos reunirnos, organizar asambleas, actos informativos, debater en grupos grandes físicos, movernos con total liberdade dentro do territorio… O que se traduce en que afrontar un informe de impacto ambiental destes proxectos en colectivos veciñais e en condicións para contrastar toda a información, vírase imposible.

Con este Decreto, o Goberno do PP vai seguir dándolle curso e facilidades a todos eses proxectos de grande impacto e contaminantes. Proxectos que organizacións cidadás e veciñanza seguimos con atención para que se realicen con garantías, denunciando as ilegalidades e avogando polo ben común. Con esta Orde, Alberto Núñez Feijóo trata descaradamente de deixarnos aos galegos e galegas en situación de indefensión e dificulta, aínda máis, a participación da cidadanía nos procedementos administrativos, para beneficio e lucro destas empresas privadas.

O PP intenta beneficiar con esta Orde os intereses das promotoras de proxectos de grande envergadura, e intenta deixar fóra da condición de interesadas a todas as asociacións ambientalistas, veciñanza próxima máis directamente afectada, veciñanza non tan próxima que tamén estaría afectada, persoas que viven máis lonxe pero queren persoarse no procedemento administrativo porque teñen algún interese lexítimo que defender, etc.

ESIXIMOS A PARALIZACIÓN DA ORDE DITADA POLA XUNTA

Por todo o exposto parécenos dunha gravidade extrema que a Xunta decida continuar coas tramitacións destes proxectos que comprometen a nosa saúde, o noso medio e a nosa economía en pleno Estado de alarma, limitando a resposta cidadá lexítima e facilitándolle os trámites a estas empresas privadas. Está claro que os proxectos contaminantes que a Xunta pretende reactivar non cumpren os requisitos de interese xeral indispensables que se esixen en pleno Estado de alarma.

Baixo estes elementos, non é admisible que se reactiven as tramitacións, pois non terían todas as garantías previstas na lexislación. Por iso reclamamos que, atendendo ao Estado de alarma, se paralice de inmediato o efecto da Orde ditada pola Xunta, até que non recobremos a total normalidade social.

1 Aquí a referencia do Consello da Xunta. Na páxina 11, 12 e 13 pódese ver o referente a este tema: https://www.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=1417255&name=DLFE-36813.pdf
2 Aquí pódese consultar a Orde publicada no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200504/AnuncioG0532-270420-0003_gl.pdf
3 Aquí o Real Decreto: https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2020-3692

Colectivos promotores que asinan este escrito:

A Rente do Chan – Pladever

Asociación A Picouta – Trazo

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza – ADEGA

APEOM Outes

Asociación contra o vertedoiro de Lesta

Asociación Cultural Brisas do Quenllo

Asociación galega Cova Crea

Asociación Petón do Lobo

Asociación Pola Defensa da Ría

Casalonga limpa de residuos

Asociación Víctimas de la Justicia

Colectivo Arroutada

Comisión de Asociación contra as minas da Terra Cha

Comisión de seguemento da minaría e defensa do rural Frades Mesía

ContraMINAcción

Ecoloxistas en Acción Galiza

Federación Ecoloxista Galega FEG

Greenpeace

Grupo de Estudos dos Animais Salvaxes GEAS

Fundação Montescola

Plataforma de afectad@s polo vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes

Plataforma pola recuperación do Sar

Plataforma Quijote Outes

Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON

Plataforma Vida e Ría ou Minaría

Salvemos a comarca de Ordes

Salvemos as fragas de Catasós

Sindicato Labrego Galego

Salvemos o Iribio

Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins

Xente do rural Ponteceso

Verdegaia

Aqueles colectivos que queiran unirse a esta denuncia, poden facelo enviando un mail a alertaambientalgalega@gmail.com

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s