ADEGA-Ferrolterra pula polo tren de proximidade no Día Mundial Sen Coches

ADEGA-Ferrolterra anima á cidadanía a que, neste 22 de Setembro, Día Mundial Sen Coches, deixe o coche particular na casa e cambie os seus hábitos no referente á súa mobilidade, favorecendo o uso de sistemas alternativos menos ou nada contaminantes, entre eles o tren, para deste xeito, mitigar o cambio climático e para írmonos preparando para a nova mobilidade. Lembra que o uso xeneralizado, masivo e abusivo do coche particular é o responsábel en grande medida do quecemento global. Segundo cifras do Ministerio para a Transición Ecolóxica, o 25% do total de  emisións de GEI procede do tráfico e, delas, un terzo concéntrase en aglomeracións urbanas.

A pegada do coche privado

O coche privado é o sistema de transporte máis caro e o máis ineficiente desde o punto de vista enerxético, alén de ser o que máis contamina. Consome o dobre que o metro e case cinco veces máis que o autocarro. E a grande parte da contaminación urbana ou das cidades débese ao uso do coche particular, responsábel do 80% das emisións de NO2 e o 60% das emisións de partículas.

O 30% da superficie urbana está ocupada polo coche particular, restando espazo público, liberdade e comodidade á cidadanía e é a quinta causa de mortalidade por accidentes no Estado español (a primeira, da mocidade). Ademais disto, preto de 40.000 persoas morren todos os anos por mor da contaminación procedente do vehículo rodado.

Tamén é o responsábel do 80% do ruído nas cidades, do colapso circulatorio e, en moitos casos, da ineficacia do transporte público.

O tren de proximidade, imprescidíbel para Ferrolterra

Desde ADEGA-Ferrolterra queremos aproveitar este día, para demandar e promover na comarca o bo funcionamento dun dos transportes públicos menos contaminantes e máis eficientes: o tren de proximidade. A pesar de que a comarca de Ferrolterra ten case 200 mil persoas usuarias, o FEVE está abandonado á súa sorte polo goberno central e non ofrece uns servizos óptimos, malia que para concellos como San Sadurniño-Cerdido ou Moeche este sistema de transporte é imprescindíbel. Debemos demandar máis competencias para deseñar un tren galego de proximidade e máis investimento para a colocación e mantemento da infraestrutura ferroviaria.

O tren de proximidade ten unha pegada ambiental moitísimo menor que o vehículo privado. Segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente, o automóbil ten unha pegada de CO2 por persoa e quilómetro de 104 gr, mentres que a do tren é de 14 gr. Ademais, un tren de 8 vagóns equivale ao aforo de 15 autocarros e perto de 250-800 coches. Fronte o transporte por estrada, responsábel do 90% (54% turismos e motos) das emisións producidas polo transporte,  o tren representa só o 0.3%.

Avance rápido do quecemento global

Estamos nun momento onde o cambio climático está sendo máis rápido do a ciencia predicía. Este ano foi o máis quente desde que se teñen rexistros do clima. As científicas esperan que para o 2035 o Ártico non teña xeo mariño no verán. Ao mesmo tempo, os osos polares poderían desaparecer antes do ano 2100. En Finlandia, estase a comprobar que as aves teñen ciclos de reprodución máis curtos e crían antes, debido ao cambio climático. Os trópicos estanse a expandir cara o Mediterráneo e o sur Australia e California con todo o que isto pode supoñer e o quecemento dos océanos debido ás emisións de CO2 está a influír de forma relevante nas pescarías.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s