ALCOA non pode marchar de San Cibrao sen saldar a súa débeda ambiental coa Mariña

A decisión de ALCOA de pechar a planta de San Cibrao sementa serias dúbidas sobre o futuro ambiental da comarca e o destino da balsa de lamas tóxicas. Actualmente a balsa aínda non conta cun proxecto  de peche e clausura definitivo, nen cun plano de descontaminación para unha dunha comarca maltratada por anos de permisividade das administracións con esta empresa.

A poucos días do décimo aniversario do desastre ambiental e humano provocado polo derrubo da balsa de lodos vermellos de Ajka (Hungría), ADEGA volve advertir que os riscos da balsa de lamas de Alcoa son reais e que as consecuencias dun suceso similar na Mariña poderían ser moito máis catastróficas que no caso húngaro.


Malia á necesaria urxencia que aquel episodio debera ter imprimido nas Administracións para deseñar unha solución para a balsa de ALCOA, nin a Xunta nin a multinacional foron capaces de despexar aínda as incertezas que penden sobre a súa restauración e a descontaminación dos terreos da factoría logo de 35 anos de actividade. Isto sumado á actual actitude de despotismo que está a demostrar a empresa fan presaxiar o peor: que ALCOA marche deixando o seu pasivo ambiental, tendo este que ser asumido outra volta pola sociedade galega.

Desde ADEGA, apelamos unha vez máis ás adminstracións galega e estatal para que freen calquera intento por parte de ALCOA de marchar de San Cibrao sen saldar a súa débeda, non só social, senón tamén ecolóxica coa Mariña. ALCOA debe afrontar todos os custos de estabilización e restauración da balsa e da completa descontaminación e rexeneración dos terreos. O contrario, suporía ser cómplice dun tremendo calote ambiental e social, logo de anos de prebendas, manga ancha e subvencións públicas a eito a unha das empresas máis contaminantes de Europa.

Un proxecto de selado pantasma e 14 anos de escurantismo da Xunta

En xullo pasado a Xunta denegou a ADEGA o acceso ao proxecto de selado e clausura da balsa de lamas vermellas mencionado na documentación da Autorización Ambiental Integrada (AAI), alegando que se atopaba “en curso de elaboración”. A tramitación deste proxecto, chave para garantir unha correcta restauración e peche da balsa, comezou en 2006 cun anteproxecto ao que seguiu un proxecto en 2014, unha addenda en 2015 e unha actualización en 2019, probabelmente para atender aos sucesivos recrecementos da balsa.


Hai xa pois 14 anos que a Xunta tramita un documento que debería recoller as actuacións, condicións técnicas e garantías para que a balsa non supoña un perigo para a contorna logo de rematada a actividade. Xa que logo, tecnicamente a día de hoxe, e con ALCOA a piques de marchar, non hai un Plano de selado e clausura da balsa aprobado.

A pasividade da Xunta ante unha balsa que fai augas

ADEGA tamén solicitou información sobre os controis efectuados pola Xunta na balsa de lamas vermellas e a revisión destes informes amosa preocupantes conclusións:

  • O volume de auga que recolle a balsa é 6 veces superior ao previsto (1,5 millóns de m3), o que fai que a depuradora non teña capacidade para tratar todo o volume sobrante. Por este motivo, desde o ano 2017, a Xunta vén autorizando a ALCOA verter máis auga ao mar e con maiores cantidades de Flúor.
  • Recentemente, cando menos en 2018 e 2019, rexistráronse numerosos episodios de importantes deficiencias no funcionamento da balsa: altos contidos de flúor na auga encorada; bombeos que funcionan por baixo do requerido; o insuficiente tratamento dos lixiviados; o aumento de filtracións ou o rexistro de perigosas aproximacións da auga aos diques de contención.

Á vista destes informes (ver cadro dereita), a Xunta é coñecedora das numerosas eivas que presenta actualmente a balsa de lamas debidas, principalmente, a unha deficiente planificación e xestión por parte de ALCOA.

Uns seguros e garantías financeiras con cantidades ridículas

O vindeiro domingo, 4 de outubro cumpriranse 10 anos desde que unha balsa de lamas vermellas rachaba en Ajka (Hungría) matando a 10 persoas, ferindo a varios centos e causando danos económicos estimados en 200 millóns de € segundo o Ministerio de Medio Ambiente húngaro. A balsa de ALCOA en San Cibrao acubilla unhas 40 veces máis lamas que a que se verteron en Hungría.

Para afrontar a súas obrigas ambientais fronte a eventuais accidentes, ALCOA tan só ten presentado un aval bancario duns 5,7 millóns de €, ao que habería que engadir un seguro de responsabilidade civil doutros 5 millóns de $ por sinistro e ano. Sobre os custos de restauración da balsa, ALCOA di ter unha reserva de cartos na súa contabilidade (é dicir, cartos “virtuais”, sen obriga legal de achegalos se marcha) por importe de algo máis de 15 millóns de € e que caduca en 2025.

Xa que logo, se a empresa marchase sen facer fronte ás súas obrigas ambientais para a restauración da contorna afectada, logo de décadas de actividade, a Xunta só podería recuperar 5,7 millóns de € do aval ao que obriga a Lei 26/2007 de responsabilidade medioambiental. E se houber un accidente, só podería reclamar a ALCOA 5 millóns de dólares. Lembremos que os custos que o accidente de Hungría supuxo para o seu goberno ascenderon a 200 millóns de €, polo que, a todas luces, os avais e seguros contratados por Alcoa para resarcir un eventual desastre ambiental son insuficientes, e para acadar unha compensación xusta desde o punto de vista económico, a Administración tería que iniciar longos procesos xudiciais, como aconteceu co caso Aznalcóllar ou co Prestige, que xa todas sabemos como acaban.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s