2002-2020 Nunca Máis Prestige. Testemuños para o recordo

  • 18 anos despois da catástrofe do Prestige nas costa galega, Ecoloxistas en Acción lembra o sucedido e publica testemuños de testemuñas da marea negra e tamén da marea branca de solidariedade.
  • A organización ecoloxista, a través da súa federación galega, rememora aqueles días de chapapote e bágoas, pero sen esquecerse da onda de solidariedade que conmoveu á sociedade.

Un funesto 13 de novembro de 2002 produciuse o maior desastre ecolóxico da historia de Galicia. Unha terrible noite de temporal, o petroleiro monocasco Prestige sufriu unha vía de auga cando navegaba a 28 millas (52 km) do cabo Fisterra. As autoridades españolas comezaron un rocambolesco periplo remolcando o barco ata que se partiu en dous o día 19 de novembro.

Como consecuencia diso, chegaron ás nosas costas varias decenas de miles de toneladas de fuel  oil (chapapote), que logo se estenderon por toda a costa cantábrica e o sur de Francia, producindo unha das maiores mareas negras da historia. As ondas de fuel e morte bateron contra os cantís da Costa da Morte, contra as Illas Cíes e Ons, contra as enormes e solitarias praias desde A Lanzada ata  Nemiña.

Ante a incompetencia e a falta de medios da Xunta e o Goberno central, centos de mariñeiros lanzáronse a defender as rías, pescando coas súas redes e as súas propias mans o chapapote. A sociedade civil  autoorganizada, as confrarías de pescadores, as mariscadoras, as asociacións, foron as que deron resposta á catástrofe #ante a incomparecencia das autoridades.

Xerouse tamén unha onda de solidariedade en todo o Estado e en moitos países, acudindo miles de persoas voluntarias: unha marea branca fronte á marea negra, para limpar de chapapote as costas galegas, traballando durante varios meses. Foron días de bágoas e dor, de mentiras e rabia que espertaron no pobo galego unha onda de indignación que asolagou a praza do Obradoiro seis veces na histórica manifestación do 1 de decembro de 2002.

200.000 paraugas repetiron como un eco a frase máxica ‘Nunca  Máis’. Orgullo e dignidade, vestidas de negro e azul, dun pobo que gritaba ‘basta’ á burla negra de desastres ecolóxicos que periodicamente azoutaban as costas galegas. Polycommander, Urquiola, Andros Patria, Casón, Mar Exeo, a lista da infamia, nomes cravados na nosa memoria colectiva como o chapapote nas rocas. Oito dos trece maiores accidentes con verteduras de petróleo no últimas seis décadas producíronse nas costas de Galicia.

A mobilización da sociedade galega, articulada na ampla plataforma Nunca  Máis chegou ata a Porta do Sol, cunha enorme marcha cara a Madrid para esixir xustiza, respecto e reparación: “Estabamos fartos de que nos tomasen o pelo cos ‘ hilillos de plastilina’ e as ‘praias espléndidas'”, afirma Cristóbal López Pazo, portavoz de  Ecoloxistas en Acción de Galiza.

O Goberno e a Xunta tentaban minimizar o alcance da traxedia para ocultar a súa pésima xestión. A realidade, que lles azoutaba na cara, era a absoluta carencia de recursos e medios, a súa total incompetencia para acometer a protección e limpeza das zonas contaminadas. Esa onda  movilizadora que abarcou moito máis alá do movemento ecoloxista, asolagando centros de ensino, centros de traballo, cada porto e cada balcón producindo un auténtico sismo que espertou a nosa conciencia como pobo e devolveunos a dignidade.

18 anos despois os efectos da vertedura do Prestige aínda están presentes na Costa da Morte, podéndose observar aínda a primeira ollada. Aínda queda chapapote baixo a area. Atopámonos #ante outra proba máis de como, cando se produce un gran desastre ecolóxico, os seus efectos perduran durante anos ou mesmo décadas. Por iso, é necesario que se adopten por parte das autoridades todas as medidas necesarias para evitar que se volvan a producir este tipo de accidentes.

Convén lembrar que o 70% do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galicia, uns 40.000 barcos ao ano, e aproximadamente un de cada tres (38 ao día) transporta mercadorías perigosas, ademais do seu combustible. Lembremos o accidente do  quimiquero  Blue  Star na Ría de Ares o ano pasado.

Ecoloxistas en Acción e a súa federación galega,  Ecoloxistas en Acción, reclaman unha rápida e adecuada actuación, xusto o contrario do que se fixo co Prestige, para evitar que o accidente pase a converterse nunha catástrofe ambiental:

“É necesario mellorar a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima, así como o aumento da cantidade e calidade das inspeccións dos buques que atracan no litoral de Galicia. Hai pequenos Prestige diarios, en forma de  sentinazos. Temos tamén que romper con este modelo dependente do petróleo, cuxas desgraciadas consecuencias para o planeta coñecemos. Teñamos sempre presentes estas imaxes, fagamos memoria desta traxedia, pero tamén desta loita, para que un desastre así non volva repetirse nunca  mais”.

Ligazón a testemuños e infografías: https://www.ecologistasenaccion.org/155804/2002-2020-nunca-mais-prestige/

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s