Xunta e Estado renuentes a liberar os nosos ríos de encoros caducados

Este 14 de marzo é o Día Internacional de acción polos ríos, anteriormente día de loita contra os encoros. Galiza é un dos territorios europeos con maior presión hidroeléctrica nos seus ríos (ver imaxe, crédito European Rivers Network), mais as administracións galega e española amosan pouco entusiasmo por liberalos.

Ducias de encoros curtucircuitan a rede fluvial galega, algúns con máis de 100 anos en funcionamento. Malia que a Directiva Marco da Auga e a Lei galega de Protección e Defensa dos Ríos obrigan a manter en bo estado ecolóxico as nosas masas de auga, sinalando as barraxes como un factor chave do seu deterioro, as administracións amósanse renuentes a iniciar de oficio procedementos de caducidade das concesións. Moitos destes encoros atópanse ademais dentro de espazos protexidos, afectando a ríos e humidais chave para o mantemento dos servizos ecosistémicos e a loita contra a mudanza climática.

Preguiza ou complicidade coas eléctricas?

Porén, Xunta e Ministerio demóranse na recuperación das concesións e aproveitamentos que xa ultrapasaron o prazo máximo. Non só iso, senón que como denunciou recentemente ADEGA, deixan caducar os procedementos por non resolvelos nos 18 meses que establece a Lei de Augas. Foi o caso da central de Ponte Inferno, no río Verdugo, concedida en setembro de 1899 e explotada por Naturgy. Augas de Galiza non concluíu o expediente de extinción en prazo e caducou. Tras as denuncias de ADEGA e PLADEVER, a Xunta iniciou un novo expediente de extinción a ver de desta volta logra rematalo en prazo. Agardamos tamén que coas 8 centrais xa caducadas ou que caducarán antes de 2025, incluidas dúas grandes no Tambre (tamén de Naturgy), a Xunta non se amose tan preguiceira…

Pola súa banda, as demarcacións hidrográficas de competencia estatal tampouco son propensas a recuperar concesións extinguidas e naturalizar as canles. E cando o fan, en troques de obrigar á concesionaria a restituir o río eliminando as barraxes e demáis elementos artificiais que o alteraron por veces máis dun século, deciden sacar a concurso unha nova concesión, prolongando aínda máis a condena do río. Isto é o que vén de facer a CH Miño-Sil no caso da central do río Loña (Pereiro de Aguiar, Ourense). Unha explotación que data de 1897 (123 anos) vén de ser declarada extinta e, en troques de recuperar o río obrigando á concesionaria (ENEL) a derrubar encoro, tubaxes e demáis edificios, a CH Miño-Sil decide convocar concurso público para explotar o aproveitamento.

Chama a atención que no expediente, ENEL alegou contra a extinción que entendía que a concesión era “a perpetuidade”… Máis grave é a posición da Oficina de Planificación da propia CH Miño-Sil que emitíu informe declarando que “non atopa inconvinte para a posíbel continuidade da explotación”. Semella que 123 anos non son suficientes…
Este proceder, unha estafa e unha bulra de lei, repítese tamén noutras demarcacións hidrográficas do Estado: concesións extintas que en troques de derrubalas, sácanse a concurso, resultando nalgúns casos que é a antiga concesionaria a nova adxudicataria!

ADEGA e AEMS-Ríos con Vida vimos de recorrer a decisión da CH-Miño Sil co encoro do Loña, agardando que a variada lexislación de protección dos ríos prevaleza sobre a cobiza da concesionaria e a miopía da Confederación. E polo que atinxe ás numerosas concesións caducadas ou próximas a caducar nos vindeiros anos, non hai xustificación para que non se derruben e recuperen os ríos. En todo caso, a reversión ao dominio público e a eventual continuidade da explotación debería facerse –previa avaliación ambiental- a unha empresa pública, para que fora a propia sociedade a beneficiaria directa da electricidade xerada polos nosos ríos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: