A “APDR” responde á Confederación de Empresarios de Galicia

No contexto da campaña que ENCE, Xunta de Galicia e PP están a desenvolver nos medios de comunicación para tratar de conseguir que ENCE permaneza na Ría saltándose a legalidade, unha campaña orquestrada arredor da falacia de que a Administración do Estado elaborou o proxecto de Lei de Cambio Climático co obxectivo último de sacar ENCE da Ría, tocoulle onte a quenda de intervención á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) que, en palabras do seu presidente, Sr. Vieites, “lamenta que ENCE se vaya por motivos ideológicos y no técnicos”. E insiste -niso se centra a amentada campaña- na necesidade de modificar o artigo 18 do proxecto de Lei, un artigo que utiliza unha formulación que se repite en moita da lexislación aprobada no Estado español sen que teña levantado esta polvoreira!

Non lembramos na APDR ter escoitado á CEG falar de inseguridade xurídica cando o PP elaborou a Lei de Costas do 2013 que contemplaba excepcións ao seu cumprimento nin ao Regulamento do 2014, que mantén a mesma formulación que o artigo 18 que agora entenden xera incerteza!

Pero, máis alá destas e outras incoherencias, todo indica que cando fala de “motivos técnicos”estase a referir a “motivos ambientais”, e atrévese a afirmar, neste sentido, que quedou acreditado que ENCE non incumpriu o título da concesión; e debería saber que nese título fíxase como límite para a Demanda Bioquímica de Osíxeno (DBO) un valor de 20 ppm, límite que foi superado de forma ampla e continuada até 2008 e de forma esporádica até o ano 2019, de acordo cos datos aportados pola Xunta de Galicia. Así mesmo, os incumprimentos da lexislación no que fai á DQO (Demanda Química de Osíxeno) son constantes até o ano 2017 e esporádicas até o 2019. A condena por delito ecolóxico responde a esta realidade! O que pasa, Sr. Vieites, é que os fallos e expedientes aos que Vde. fai referencia, baséanse no cumprimento dos máximos fixados na Autorización Ambiental Integrada (AAI), na que a Xunta de Galicia -pregándose ás esixencias de ENCE- fixa valores de vertido até tres veces superiores aos permitidos pola lexislación, tanto para estes parámetros como para algún outro.

En calquera caso, Sr. Vieites, con independencia do comportamento ambiental de ENCE, ou do número de empregos que crea e que destrúe, o que está hoxe en cuestión é se ENCE pode continuar ou non en Lourizán, algo que tamén ten que ver co cumprimento da Lei, non cos “motivos ideolóxicos” aos que Vde. alude para apoiar a súa permanencia. No ano 1988, dítase a Lei de Costas e ENCE obtén unha prórroga de 30 anos para buscar novo emprazamento, porque a Lei reserva os terreos de dominio público marítimo-terrestre para aquelas actividades que, pola súa natureza, teñan que ocupalos, que non é o caso de ENCE. E cando no ano 2013 o PP, por “motivos ideolóxicos”, modifica a Lei de Costas coa chamada Ley de protección y uso sostenible del litoral, non muda esta formulación, que segue vixente non por capricho, senón pola necesidade de protexer o dominio público. E tampouco é un “capricho ideolóxico” o prazo máximo de 75 anos (incluídas prórrogas) fixado para as concesións! Ese prazo vén establecido na Ley de Patrimonio de las Administraciones Públicas, non polo artigo 18 que tanto lles preocupa a Vdes.! Que lles leva a pensar que ENCE non ten porque cumprir a lexislación de Costas?

E trata de xustificar Vde. a permanencia de ENCE en Lourizán co ridículo “argumento” de que “ninguén ten presentado ningún emprazamento concreto para trasladala”; pero, desde cando hai que buscarlle emprazamento ás empresas cando remata a súa concesión? ENCE, e só ENCE, é quen ten que buscalo, ninguén máis! ENCE ten que abandonar a Ría e, en cumprimento da Lei, recuperar a zona que hoxe ocupa para deixala tal como se atopaba no momento da súa chegada; porque esa zona pública, por definición e por lei, pertence ao conxunto das galegas e galegos!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: