A FEG chama á manifestación do vindeiro 5 de xuño, Día do Medio Ambiente, contra a invasión eólica en Galiza

O manifesto Eólica, Así Non, reclama a paralización inmediata dos proxectos eólicos en tramitación e un novo modelo eólico.

Uns 50 colectivos e plataformas ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais, sindicais de toda Galiza, entre organizacións convocantes e adheridas, fan un chamado a toda a sociedade galega para que participe na Gran Marcha contra a invasión eólica de Galiza que terá lugar o vindeiro sábado 5 de xuño en Santiago de Compostela, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. 

No marco do actual proceso de transición ecolóxica de cara a unha economía e un sistema descarbonizados para poder afrontar a mudanza climática, os colectivos promotores do manifesto “Eólica, Así Non”, apoian as enerxías renovábeis, incluída a eólica, mais non á costa da destrución do territorio. Reclaman o desenvolvemento dun novo modelo enerxético e de implantación da enerxía eólica en Galiza que sexa descentralizado, baseado na soberanía enerxética, no fomento do aforro, da eficiencia enerxética e do autoconsumo, e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega.

O xeito en que o actual goberno da Xunta de Galiza concibe e permite a implantación eólica no país está fundamentado na desregulamentación legal, no abuso das empresas enerxéticas ás poboacións afectadas, na destrución do patrimonio público e colectivo, tanto ambiental, cultural como paisaxístico, e en intereses de carácter privado e especulativo.

As máis de 20 entidades convocantes da gran marcha contra a invasión eólica, entre as que se encontra a FEG,  expoñen neste manifesto as dez premisas fundamentais que se han de seguir no deseño dun novo marco normativo para o desenvolvemento eólico de Galiza. Entre estas destacan: a moratoria urxente dos novos proxectos e a derrogación do plan sectorial eólico, a protección dos servizos ecosistémicos chaves para afrontar a loita climática, a soberanía enerxética, a ampliación da Rede Natura 2000, o estrito cumprimento da normativa ambiental, o fomento do autoconsumo, un trato xusto para as comunidades afectadas e para o rural ou a participación pública efectiva.

O manifesto “Eólica, Así Non” permanecerá aberto ata o Día Mundial do Medio Ambiente a novas adhesións de colectivos, entidades ou plataformas que apoien as súas reclamas e o obxecto da manifestación do día 5 de xuño en Santiago de Compostela. As entidades e colectivos que se queiran sumar, poderán achegar o seu apoio a través do seguinte formulario: https://forms.gle/tT96JwRjJkZh5dKG6

O 5 de xuño, vémonos en Compostela!

As organizacións convocantes prevén unha asistencia masiva a esta manifestación que partirá da Alameda de Santiago ás 12 do mediodía do sábado 5 de xuño. A marcha transcorreará polas rúas compostelás ata chegar á Praza do Obradoiro na que se lerá o manifesto e se gardará un minuto de silencio simbólico por todos aqueles territorios do país que xa foron destruídos ou se están vendo ameazados pola ocupación eólica.

A marcha contará co pertinente servizo de orde para garantir o cumprimento de todas as medidas de seguridade obrigadas diante da actual situación de pandemia. As persoas que queiran participar nesta gran marcha deberán gardar a mínima distancia de seguridade e levar posta sempre a máscara.

Entidades convocantes

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza – ADEGA, Amigos da Terra, Confederación Intersindical Galega – CIG, Federación Ecoloxista Galega – FEG, Federación Rural Galega – FRUGA, Verdegaia, Rede do Patrimonio Cultural, Rede Galega por un Rural Vivo, Aldeas Libres de Macroeólicos-Non ao Macroparque Ordes-Curtis, Amigas das Árbores de Ourense, Asemblea do Suído, Asociación de Veciños O Outeiro de Sanamede de Monte – Afectados Troitomil de A Baña, Asociación Roxín Roxal , Asociación O Sorriso de Daniel, Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”, Calo rural, Colectivo A Rula, Plataforma pola protección da serra do Galiñeiro, Plataforma pola Recuperación do Sar, Quijote de Outes, Rede do Rural, Salvemos A comarca de Ordes, Sos Encrobas.

Entidades que apoian a marcha

Sociedade Galega de Historia Natural – SGHN, Sindicato Labrego Galego – SLG, Alarma na Terra de Montes , Asoc. Amigos do Patrimonio de Castroverde, Asociación A volta Grande do Courel, Associaçom Cultural O Quilombo, Asociacion para a Custodia do Bosque Atlantico Betula, Asociación pola Defensa da Ría – APDR, Colectivo Ecoloxista do Salnés – CES, Club de Montañismo Montañas de Trevinca, Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, Co-mando Ghichas, Contramínate, Eiquí Eólicos Non, Galicia Ambiental, Instituto de Estudos Miñoráns – IEM, Patrimonio dos Ancares, Plataforma Defensa do Sur da Dorsal Galega, Pataforma non eólicos Bustelo, Campelo Monte Toural, Plataforma de veciñ@s afectad@s Eólicos Vila de Cruces, Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza O Bierzo, Rente ao Couce, Sos Groba, Salvemos o Támega, SOS Suído Seixo. Mina Alberta Non, Stop Eólicos Negueira.

EÓLICA, ASÍ NON!

MANIFESTO POR UN NOVO MODELO DE DESENVOLVEMENTO EÓLICO PARA GALIZA

Atopámonos nunha situación de espolio enerxético, na que Galiza volve ser territorio de sacrificio diante dun modelo oportunista e fraudulento de proxectos eólicos fragmentados para esquivar a normativa legal e que invaden o noso espazo de vida. Centos de proxectos que devalúan as economías locais, prexudican a calidade de vida das persoas, degradan as comunidades que vivimos no rural, atentan á titularidade da terra e á explotación dos seus recursos polos seus propietarios a título individual ou comunitario deteriorando ademais o medio natural, a paisaxe e o patrimonio.

O desenvolvemento masivo, sobredimensionado e sen planificar das instalacións eólicas a grande escala, e en ausencia de políticas de aforro e eficiencia da enerxía, supón múltiples impactos, impactos que son irreversíbeis. Non hai excepcións á súa localización: proximidade ás vivendas, invadindo tanto zonas de interese agrogandeiro como espazos naturais protexidos, e mesmo literalmente colocados enriba de petróglifos, de patrimonio irrecuperábel unha vez asentada a infraestrutura.

O actual sistema para a implantación da enerxía eólica en Galiza segue rexéndose por unha planificación sectorial caduca (finais dos anos 90) e por unha lexislación que favorece o oligopolio enerxético fronte aos dereitos das comunidades locais afectadas e o interese colectivo. Unha normativa agravada pola Lei galega de fomento da implantación de iniciativas empresariais de 2017 e pola Lei de simplificación administrativa deste mesmo ano 2021. Son as “Leis de Depredación”, que permiten axilizar a tramitación e posta en marcha dos novos proxectos eólicos restrinxindo a participación pública, facendo irrelevante a conservación do medio natural e do patrimonio, e outorgándolle ás empresas dereitos de usurpación das terras.

Neste momento xa superamos os 100 concellos con parques eólicos, temos máis de 4000 aeroxeradores instalados nos nosos montes… 4000 dise moi rápido!, pero cada unidade de muíño, só para a súa superficie de uso vertical, precisa dunha superficie maior á que ocupa a Praza do Obradoiro compostelá. Galiza conta co 14% da potencia eólica instalada no Estado español, malia que representa menos do 6% da súa superficie. Ten o maior nº de aeroxeradores por habitante do Estado español. Aquí, en 2020, a potencia instalada atinxiu os 130 kW/km2, fronte os 54 kW/km2 do Estado español, ou os 72 kW/km2 de Alemaña.

Cunha produción renovable (eólica e hidroeléctrica) que supera o consumo actual, o 28% da electricidade producida segue a exportarse fóra do país, mentres o subministro á cidadanía, empresas e industrias galegas seguen a ser dos máis caros do Estado. Tamén en 2020, a potencia eólica instalada superou a potencia hidroeléctrica, polo que Galiza se atopa diante dun novo proceso de colonización enerxética que no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras e montes mentres se mantén a moita xente na pobreza enerxética. Galiza necesita ter soberanía sobre dos seus recursos e capacidade para decidir o modelo de desenvolvemento a implantar para que este reverta na maioría social do país.

As plataformas e colectivos que asinamos este manifesto estamos a favor das enerxías renovábeis, pero sempre que sexan sustentábeis, non á costa da destrución do medio ambiente e comprometendo a calidade de vida das galegas e galegos. Demandamos un novo marco normativo que contemple e cumpra sen excepcións as seguintes dez premisas de cara a un novo modelo de desenvolvemento eólico na Galiza:

  1. Moratoria das instalacións en tramitación, sexan competencia da Xunta ou do Estado español, e redacción dun novo Plano Sectorial Eólico sometido a avaliación ambiental estratéxica.
  2. Protección dos servizos ecosistémicos que prestan a biodiversidade e a xeodiversidade, chaves para amortecer os efectos da mudanza climática e para aumentar a resiliencia dos ecosistemas dos que depende a vida.
  3. Ampliación da superficie protexida de Galiza. Só o 11,5% da supeficie galega está ambientalmente protexida. Reclamamos unha vez máis á Administración galega que cumpran co mandado da UE e que amplíe dun xeito urxente os espazos naturais protexidos en Galiza como Rede Natura 2000, únicos espazos nos que a día de hoxe se prohíbe por lei a instalación de novos proxectos eólcos.
  4. Unha transición ecolóxica ordenada, xusta e ao servizo do país. Rexeitamos que á costa do territorio galego, as grandes industrias contaminantes aproveiten a ocasión do negocio eólico para facer o seu lavado verde, sen ter previamente reparado a súa débeda ecolóxica nin resolto o impacto social xerado. O pobo galego debe ser quen decida sobre o aproveitamento dos seus recursos e o seu modelo económico, capaz de procurar un equilibrio territorial e ambiental, que evite a destrución de emprego e a emigración, e que pule pola enerxía como ben básico ao servizo do pobo.
  5. Fomento do aforro, a eficiencia e a autosuficiencia e soberanía enerxética, o fomento do autoconsumo, a produción á pequena escala e a xestión pública galega. A transición enerxética debe partir dun plan orientado á redución das necesidades da sociedade e medidas de xestión da demanda. Fronte á produción ilimitada, os recursos enerxéticos de Galiza deben basearse en criterios de aforro, eficiencia e autosuficiencia enerxética. Cómpre apostar por proxectos de produción e autoconsumo a pequena escala, reducindo distancias entre xeración e consumo, evitando o transporte innecesario da enerxía coas perdas que este ocasiona.
  6. Data de caducidade para as concesións eólicas existentes . Esiximos que o dereito á explotación do vento en Galiza, como recurso natural de caracter público, sexa outorgado a través de concesións con data de caducidade.
  7. Capacidade local de decisión. Os parques eólicos son considerados por defecto de “utilidade pública”, malia ser de iniciativa privada, prevalecendo por riba de calquera outro dereito e implantándose sen diálogo social. Apoiamos que propietarios/as das terras afectadas teñan capacidade de negociación coas promotoras dos parques eólicos e que se elimine o dereito da expropiación directa.
  8. Esiximos unha normativa xusta para a sociedade, non a favor do lobby eólico. Deben derrogarase as “leis de depredación” que fan imposible que a consulta pública dos proxectos sexa participativa, real e efectiva. Esiximos tamén a prohibición da fragmentación dos proxectos eólicos e do seu uso como vía para esquivar as avaliacións de impacto ambiental. Así mesmo, é imperativo adaptar a normativa eólica para facela compatible coa normativa ambiental, de patrimonio e da paisaxe.
  9. Cumprimento da normativa para a protección do medio ambiente. Esiximos do Goberno Galego a aprobación urxente dos plans de conservación de especies en perigo e vulnerábeis, e a actualización e catalogación das especies no listado de Réxime de protección especial. O goberno debe esixir Estudos de Impacto Ambiental de calidade, independentes e non fraudulentos.
  10. Paralización e prohibición dos muíños eólicos próximos a núcleos de poboación. O actual modelo eólico prevé que aeroxeradores -que hoxe superan os 150 metros de altura- se coloquen a 500 metros das vivendas, unha distancia claramente insuficiente que ten efectos na calidade de vida das persoas, fomentando o empobrecemento da sociedade rural, depreciando os seus bens materiais, culturais e ambientais, constituíndo unha motivación máis para abandonar un rural que nos últimos 30 anos xa perdeu 2000 núcleos de poboación. Este muíños constitúen unha intensa contaminación acústica, risco de incendio, e impactos das infraestruturas auxiliares. Reclamamos ademais a retirada daqueles que aeroxeradores que xa se atopen nesta situación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: