A APDR considera inadmisíbel o informe presentado onte por ENCE

Recollen os medios de comunicación o resume dun Informe presentado por ENCE para tratar de xustificar a súa permanencia en Lourizán, un Informe que entendemos non é máis que un novo intento de chantaxear á poboación e ás distintas administracións para tratar de conseguir por esta vía algo que a Lei prohibe expresamente, a permanencia dunha fábrica de pasta de papel en terreos de Dominio Público Marítimo-Terrestre (DPMT).

Resulta inadmisíbel, en primeiro lugar, que se fale dun Informe “independente” cando foi realizado pola Consultora IDOM, a mesma que elaborou o Informe que ENCE enviou no seu día á Audiencia Nacional; trátase dun Informe de parte! Pero, máis alá desta primeira conclusión, desde a APDR queremos analizar aqueles aspectos nos que ENCE pretende basear a súa ilegal esixencia.

O obxectivo fundamental da empresa é tratar de demostrar que non existe na Galiza ningún outro emprazamento alternativo a Lourizán porque ningún deles reúne as condicións necesarias para a instalación da fábrica. Diremos en primeiro lugar que, aínda que fose certa esta afirmación, nunca esta falta doutro emprazamento viábel debería implicar a autorización para seguir en Lourizán. Con efecto, nada teñen que ver estas condicións co contemplado na Lei de Costas ao definir que instalacións ou actividades poden estar en DPMT. A Lei é moi clara, reserva este espazo público a aquelas que “pola súa natureza” teñan que estar en terreos demaniais; non di polo seu interese ou comenencia, nin polas dificultades técnicas para atopar outro emprazamento, nin polo número de traballadores ou impacto socio-económico que represente para a zona en cuestión,… Non! Neste sentido, debemos indicar que “a natureza” dunha fábrica de pasta de papel non obriga á súa instalación neste dominio, e a proba máis evidente é que “no Estado español, ningunha outra empresa do sector está en DPMT”! Así pois, ningunha administración debe considerar os criterios avanzados por ENCE para adoptar -ou esixir- decisións alleas aos criterios establecidos na Lei. Pon en evidencia, ademais, a propia IDOM que o actual emprazamento de ENCE na Ría non se axusta ás normas legais, xa que incumpre as Directrices de Ordenación do Territorio ditadas polo Goberno galego, un requisito indispensábel para unha empresa destas características.

Sorprende que se teña buscado emprazamento alternativo para unha planta “como a de ENCE- Lourizán”, porque resulta evidente que, de se construír unha nova fábrica de pasta de papel na Galiza, as súas características deberían ser ben diferentes ás da actual, unha fábrica obsoleta que -tal como indica a propia empresa- debería acometer importantes modificacións no sistema produtivo, modificacións que afectan a algún dos requisitos considerados por IDOM á hora de buscar novo emprazamento e que, porén, non se tiveron en conta.

Neste sentido, as necesidades de superficie, auga, e mesmo enerxía, deberían ser moi inferiores ás que hoxe ten a fábrica de ENCE; pararémonos nun destes aspectos por consideralo importante e mesmo -segundo se deduce do Informe de IDOM- limitador á hora de buscar emprazamentos alternativos. Estamos a falar das necesidades de captación de auga. Diremos, en primeiro lugar, que o dato aportado por IDOM para a nova empresa (entre 7,5 e 10 m3/seg. ou o que é o mesmo, entre 648.000 e 864.000 m3/día) é absolutamente esaxerado; de feito, na revisión da AAI de ENCE, do ano 2018, fálase de 1,5 m3/seg. (129.600 m3/día), un dato que invalida, por si mesmo, o Informe da Consultora. Pero, ademais, debemos considerar aquí o compromiso de ENCE de diminuír o consumo de auga, asegurando que inicialmente chegaría a reducilo até o 10% do consumo actual, unhas condicións que, como mínimo, deberían esixírselle á nova empresa. Con seguridade, de ter considerado estes valores, as conclusións do Informe de IDOM serían outras ben diferentes. E o mesmo se pode dicir das necesidades enerxéticas, xa que calquera instalación actual aspira a ser autosuficiente neste aspecto.

E resulta unha burla para quen vimos soportando desde hai demasiados anos a presenza de ENCE en Lourizán, que á hora de rexeitar novos emprazamentos se teña en conta algún criterio que -é o caso do impacto ambiental, paisaxístico ou a densidade de poboación- non se considera para desbotar a presenza de ENCE na nosa Ría. Que razón pode levar a que a cidadanía da nosa comarca teña que soportar uns impactos que non se consideran aceptábeis noutras localizacións?  

Na APDR non imos permitir que, por intereses empresariais, a fábrica permaneza por máis tempo en Lourizán, porque é fundamental para a recuperación da Ría e da economía comarcal pero tamén porque sería ilegal e, ademais, contrario á lóxica e ao interese xeral!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create a website or blog at WordPress.com

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: