
Durante o mes de agosto deste ano se estivo a facer unhas obras de ancheamento do vial costeiro preexistente no lugar dos Leirós, en Vilalonga (Sanxenxo). Ditas obras tiveron como consecuencia a corta de vexetación e vertido de terra ao mar próximo.
O lugar de Os Leirós localízase na Zona de Especial Protección dos Valores Naturais: ”Complexo Ons – O Grove”, nun espazo natural protexido a nivel internacional pertencente á Rede Natura 2000.
Os proxectos realizados en Rede Natura 2000 deben pasar por un proceso de avaliación ambiental e información pública. O CES non ten constancia de dito procedemento.
Esta é unha zona de descanso e alimentación de aves acuáticas de protección internacional. O CES considera importante a ordenación do uso público dunha área natural protexida, xa que o desfrute e coñecemento do medio por parte dos veciños e turistas é crucial para a súa conservación, pero este desfrute non debe impactar naqueles valores naturais que deron pé a súa protección.
Se a intención destas obras é a adecuación dun acceso para peóns (cuestión que descoñecemos) o CES considera que hai alternativas para a práctica de sendeirismo e cicloturismo máis sostibles, empregando a rede de camiños xa existente, como as rutas xa marcadas na zona pola propia Consellería de Medio Ambiente.
O CES solicitou a través de tres escritos ao Servizo provincial de Costas, da Consellería de Medio Ambiente e ao Concello de Sanxenxo que aporten información sobre:
–A que proxecto e fin responde dita actuación, así como os seus promotores.
-Que se nos dea información sobre os termos de autorización ou licencia que as 3 entidades deberon
dar para dita obra.
– Se nos dea información do estado de tramitación do proceso de avaliación ambiental e información
pública que dito proxecto debería ter asociado e do que o CES non ten constancia.
Ao marxe desta información, o CES solicitou que dita actuación se corrixa canto antes: se recollan as terras vertidas ao mar e se deixe medrar de novo a vexetación das beiras do camiño para que volva ser un camiño de non máis de 2m de ancho. Que en xeral non se promova o uso de camiños costeiros no espazo Rede Natura 2000 Ons-O Grove que se achegan aos pousadeiros das aves acuáticas e das súas zonas de alimentación.
Tamén solicitamos información sobre as características e estado de tramitación do plan anunciado na prensa en agosto sobre a Rehabilitación do litoral norte do Concello de Sanxenxo, xa que o litoral de Vilalonga acolle grandes valores ambientais que precisan dun coidado especial e que ao estar incluído no espazo natural protexido debe ser alterado o menos posible.
As solicitudes foron entregadas o 8 de setembro e a día de hoxe non foron contestadas por ningunha das administracións requeridas.