Resposta conxunta ás tentativas de intimidación da mineira australiana de Virilongo e San Finx

Verdegaia, Ecoloxistas en Acción e a Comunidade do Monte Veciñal de Grixoa de Esternande (Santa Comba) súmanse para denunciar a máis recente tentativa de intimidación de Rafaella Resources, a mineira australiana que está detrás das minas de estaño e volframio de Varilongo e San Finx. As tres entidades foron denunciadas pola empresa ante a Garda Civil por supostamente ter accedido a unha parcela que a mineira viña ocupando ilegalmente ata o mes pasado, feitos que xa foron trasladados ao Xulgado de Instrución de Negreira.

Na realidade, a empresa recoñece na propia denuncia que se trata dunha parcela municipal sobre a que non ten ningún dereito de disposición, a pesar do que mantiña ilegalmente bloqueado o acceso mediante un cadeado mesmo despois de que o Concello de Santa Comba instase á mineira en febreiro a abandonar un edificio que viña ocupando sen autorización.

A denuncia produciuse despois de que a Comunidade de Montes de Grixoa de Esternande, titular da parcela conforme o expediente de clasificación do monte vecinal, organizase unha intervención de plantación de carballos o pasado 19 de marzo xunto coas Brigadas Deseucaliptizadoras, iniciativa de voluntariado que promove Verdegaia desde 2018 e que conta con máis de 1.000 participantes.

No escrito presentado ante a Gardia Civil, a empresa australiana denuncia “que además de plantar árboles se dedicaron a cortar el tallo de las acacias existentes para dejarlas secar”, ignorando que tanto a acacia negra como a mimosa, dúas especias procedentes de Australia, están incluidas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras cuxa posesión está terminante prohibida pola Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade.

Preitos estratéxicos contra a participación pública

En realidade, o feito de que se incluíra a Ecoloxistas en Acción na denuncia cando esta entidade non garda relación ningunha coas Brigadas Deseucaliptizadoras, evidencia como o obxectivo da mineira non é outro que tentar intimidar e coartar os movementos ecoloxistas e veciñais que se opoñen ás ilegalidades da mineira. Ecoloxistas en Acción non participa das Brigadas pero si foi responsable pola iniciación do expediente de expulsión da mineira do edificio que viña ocupando, e é por iso que a meten no mesmo saco.

Esta pauta responde ao que se denominan “preitos estratéxicos contra a participación pública” (ou SLAPP nas súas siglas en inglés), acción xudiciais iniciadas polas empresas coa intención de intimidar e silenciar as críticas sumindo aos adversarios en batallas xudiciais. Esta práctica xa foi levada á práctica en 2017 pola agora filial da mineira australiana, Tungsten San Finx, cando denunciou sen éxito a Verdegaia, logo de que o colectivo realizara fotos nas instalacións da mina que levaron á imposición de sancións administrativas á empresa por obras ilegais.

Resposta contundente

As tres entidades denunciadas advirten de que responderán con contudencia, unha vez que a propia actuación da empresa pode ser constitutiva dun delito de denuncia falsa, tipificado no artigo 456 do Código Penal. As accións deberán agardar a que por parte do Xulgado de Negreira se dite auto de sobresemento.

En todo caso, os colectivos implicados anuncian que, fronte ás tentativas de intimidación da empresa, non darán nin un paso atrás nas distintas acción xudiciais e administrativas que manteñen fronte as ilegalidades cometidas nas minas de Varilongo e San Finx, así como en defensa da integridade do monte veciñal por parte da Comunidade de Montes de Grixoa de Esternande.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s