Ecoloxismo activo

As accións da nosa vida cotiá inciden no medio ambiente. Cómpre sermos conscientes das repercusións ambientais da nosa conducta diaria e actuarmos responsabelmente. Os principais responsábeis das solucións dos problemas ambientais son os poderes políticos e económicos, mais iso non implica que, ademais de presionalos para que tomen as decisións adecuadas, non teñamos nada que facer como consumidores/as e traballadores/as. A suma de moitas accións individuais correctas pode ter efectos moi positivos.

Neste capítulo fornecemos algunhas suxerencias, entre outras posíbeis, que achamos deben ser tomadas en consideración para que o noso estilo de vida sexa menos destructivo para o ambiente do que dependemos. Todo o que facemos contra o ambiente, máis cedo ou máis tarde, vólvese na nosa contra.

Transporte

O transporte é un dos principais factores de consumo de enerxía. O automóbil privado, o avión e o tren de alta velocidade son os medios de transporte máis prexudiciais para o ambiente. Os coches degradan as nosas vilas e cidades: perda de espazos de uso público, rúas pensadas para a circulación en veículos de motor con paseos estreitos polos que é difícil camiñar, ruído,….

– O modo de transporte máis san, ecolóxico e barato é camiñar. As cidades galegas son de pequeño tamaño, polo que podes ir a moitos sitios andando e en pouco tempo.
-A velocidade media en vehículos particulares nas cidades é baixa. En distancias curtas, compensa camiñar e non mover o coche. O teu peto, a túa saúde e o medio ambiente de tod@s agradecerancho.
-Unha boa forma de moverse nas vilas e cidades é utilizando a bicicleta. Non vale a desculpa do mal tempo, xa que noutros países téñenno igual ou peor que nós e o seu uso é maior. No noso país apenas utiliza este medio un 8% da poboación, mentres que nos Países Baixos chega a un 40%.
-Se non podes ou non queres andar a pé ou en bici, a mellor opción é o transporte público.
-No caso de utilizares o coche procura compartilo.
-Utiliza preferentemente o ferrocarril convencional e o autobús para os desprazamentos interurbanos. A bicicleta pode ser unha alternativa en distancias curtas.
-A maior velocidade, maior consumo de combustíbel. Respeita as normas de tráfego, especialmente as limitacións de velocidade.
-Se o coche vai estar detido varios minutos é mellor apagar o motor.
-O consumo de combustíbel do coche será maior se non vixías a súa posta a ponto, se viaxas coas xanelas abertas, se levas baca sen carga ou se os pneumáticos están en mal estado ou sen a presión debida.
– Na compra dun coche ten en conta que os máis pequenos e os de menor cilindrada son os menos prexudiciais para o ambiente. Se non o vas utilizar moito, é posíbel que economicamente non che compense comprar un. Ten presente todos os gastos que conleva un automóbil (seguro, reparacións, combustíbel, aparcamento, impostos,…).

Electricidade

A electricidade é unha enerxía limpa no lugar de consumo, mais a súa producción e distribución causan enormes danos ambientais. Grande parte do consumo de electricidade ten lugar no sector doméstico, polo que os/as consumidores/as temos un papel importante na diminución do consumo eléctrico.

– A calefacción eléctrica é a máis contaminante, aínda que a contaminación se produza lonxe dos nosos fogares. A utilización da electricidade para producir calor nas nosas casas (calefaccións, quentadores, cociñas) é moi ineficiente. Só debemos utilizar a electricidade para aqueles usos nos que é insubstituíbel. A calefacción menos impactante é a de gas natural. A de gasóleo é menos mala cá de carbón.
– Para reducires o gasto en calefacción mellora o illamento térmico da túa casa, por exemplo, instalando cristais ou xanelas dobres. Regula adecuadamente a temperatura. Cada grao menos conleva un aforro do 5%.
– Na compra dos electrodomésticos opta polos de menor consumo eléctrico, especialmente no caso da lavadora e do frigorífico. Prescinde de electrodomésticos innecesarios (espremedores, coitelos, abrelatas, cepillos de dentes…).
– Desconxela o frigorífico regularmente, xa que a capa de xeo aumenta o consumo. Deixa a porta aberta só o tempo preciso e non metas nel cousas quentes.
-Usa lámpadas compactas de baixo consumo. Son máis caras pero aforran até o 80% da electricidade e duran moito máis. Porén, non é recomendábel substituír as lámpadas normais se están acesas pouco tempo e se se apagan e acenden con frecuencia.
– Non deixes acesas innecesariamete lámpadas ou electrodomésticos.
– A fabricación de aluminio require unha cantidade enorme de electricidade. En Galicia, a factoria Alúmina-Aluminio de San Cibrao (Mariña luguesa) absorbe nada menos que a cuarta parte de toda a electricidade consumida, desfrutando dunha tarifa especial moi reducida. Evita o consumo de aluminio sempre que sexa posíbel.
– Contrata a potencia acorde co teu consumo medio. Aforrarás unha parte importante do recibo da luz e non darás argumentos para a construcción de novas infraestructuras eléctricas.
– Estudia a posibilidade de instalar na túa vivenda paneis solares para producir auga quente e/ou electricidade. Solicita información á FEG.

Alimentación

A produción intensiva e a importación de todo tipo de alimentos é ambientalmente negativa. A agricultuta intensiva require a utilización de moitos productos químicos (herbicidas, abonos…), contaminando as augas e o solo, reducindo a diversidade biolóxica e ameazando a saúde de labreg@s e consumidores/as.

-Consume productos do país. Estes alimentos son os producidos polos labregos da túa comarca. Ten en conta que, ademais de axudares ao desenvolvemento económico e social da túa zona, evitas os custos ambientais que significa o transporte de produtos a longas distancias. Fíxate ou pide información sobre o seu lugar de orixe.
-Procura consumir alimentos biolóxicos, cultivados sen agrotóxicos. O seu proceso de producción é máis respeitoso co medio e coa saúde dos que os consumen.
-Come alimentos da temporada. É máis probábel que sexan producidos na túa comarca e non requiren a permanencia en cámaras durante moito tempo, conservando a súa riqueza alimenticia.
– Procura non consumir productos conxelados e envasados pola cantidade de aditivos que poden levar. No caso de mercalos, elixe aqueles que leven menos.
-A dieta rica en froitas, verduras, hortalizas e cereais é máis san e ecolóxica que a que abusa da carne e do pescado. Procura evitar o consumo de carne producida en grandes granxas de cría intensiva. Son contaminantes, tratan aos animais como se fosen máquinas e producen carne de baixa calidade.
-Non consumas peixes de talla inferior á permitida legalmente. 1 Kg de cariocas menores de 27 cm poden chegar a ser 90 Kg de pescada.
-Asegúrate de que os alimentos que comes están libres de manipulación xenética e esixe o seu etiquetado. Os alimentos modificados xeneticamente poden conlevar riscos importantes para a saúde humana e o ambiente.
– A construcción de piscinas para a cría de camaróns en países tropicais implica a miúdo a destrucción de mangues, bosques litorais de grande valor ecolóxico. Non consumas camaróns tropicas se non estás seguro/a de que o seu cultivo non provocou a destrucción de mangues.
-Á hora de elaborares os productos na casa, procura non cociñalos moito tempo para que non perdan vitaminas. Cociña coa louza tapada e a lume baixo, aforras enerxía e a comida ten mellor gosto. Se necesitas aforrar tempo, as olas a vapor consumen menos enerxía.
-Non cociñes con louza de aluminio (ollo tamén ás cafeteiras!). Ao utilizala ti tamén vas comendo parte do aluminio.

Residuos

A xeración crecente de lixo é un dos principais problemas da nosa sociedade. En Galicia xa producimos unha media de perto de 1 Kg/hab/día de lixo. Os residuos domésticos son un excelente indicador do desbaldimento imperante nos países máis desenvolvidos. Estímase que por cada tonelada de residuos domésticos xerada, prodúcense 5 máis durante o proceso de fabricación dos productos e 20 máis no punto de extracción (minería, agricultura,…).

– Se es un consumidor crítico e responsábel, axudarás á reducción de residuos. Evita o consumo superfluo e innecesario. Non te deixes levar pola publicidade.
– Aproveita adecuadamente os alimentos coa finalidade de reducires ao mínimo posíbel a fracción orgánica do lixo, que na actualidade supón practicamente a metade en peso do total do lixo. Se tes horta ou xardín, podes elaborar o teu propio compost. A FEG pode fornecerche información sobre a autocompostaxe.
– Merca productos sen exceso de envases e embalaxes. Rexeita os artigos con varios envoltorios.
– Procura levar da casa a bolsa da compra, de tea ou de papel resistente.
– Tenta comprar productos de longa duración, que poidan ser lavados e/ou reparados. Os productos de segunda man poden ser unha alternativa válida.
– Opta polos productos envasados en materiais máis ecolóxicos: vidro e papel antes que plástico, metais ou mesclas como os Tetra-Briks. Ten presente que o PVC (policloruro de vinilo) é o plástico ambientalmente máis prexudicial.
– Clasifica adecuadamente os residuos no fogar (papel e cartón, vidro, restos orgánicos, pilas, envases, etc.) e usa correctamente os contentores destinados aos mesmos. Así posibilitarás a reciclaxe destes materiais, reintroducíndoos nos seus ciclos productivos e reducindo a contaminación.
– Escolle productos reciclados e/ou con materiais reciclados. Non é o mesmo reciclado que reciclábel. Un producto reciclábel pódese reciclar, alomenos en teoría, mais non necesariamente está feito con materiais reciclados.
– Evita, na medida do posíbel, a producción de residuos perigosos (aceites, pilas botón ou con mercurio e cadmio, pinturas, vernices, deterxentes, medicamentos, etc). No caso de xerares algúns deles, non os mistures co lixo común: recólleos por separado e lévaos aos contentores adecuados.

Auga

A media da demanda urbana de auga, no seu conxunto, é duns 400 litros por habitante e día no Estado español. O aforro de auga conleva un aforro de enerxía, reduce a contaminación e evita a construcción de novas infraestructuras (encoros de abastecemento, sistemas de bombeo, depuradoras,…) custosas e impactantes sobre o medio.
– Evita botar compostos tóxicos polo retrete: aceites, restos de pintura e vernices, disolventes, etc.
– Nun baño empregamos moita máis auga que nunha ducha. Pecha a billa mentres lavas os dentes ou te enxabonas na ducha. Podes introducir un recipiente (botella,…) na cisterna do inodoro para reducir a cantidade de auga descargada
– Utiliza a lavadora e o lavavaixelas só cando sexa necesario e estean cheos. Merca, na medida do posíbel, aqueles aparellos que consuman menos auga.
– Hai dispositivos técnicos que nos permiten utilizar máis eficientemente a auga: billas e alcachofas de ducha aforradoras de auga e cisternas con sistemas de regulación do vaciado.
– No lavado dos utensilios de cociña, enche o fregadeiro con auga, bota a cantidade xusta de xabrón e, despois do lavado, aclara con auga fría. Deste xeito podemos aforrar até un 20% de auga e enerxía.
– Utiliza só a cantidade de auga necesaria na rega de plantas, xardíns e cultivos. Rega preferibelmente ao amencer ou ao anoitecer, cando é menor a evaporación da auga.

Limpeza doméstica

Manter limpo o fogar pode conlevar unha maior suciedade do contorno se utilizamos innecesariamente ou abusamos de certos productos químicos.
– Se utilizas a lavadora só cando teñas unha carga completa de roupa, aforrarás auga e electricidade.
– A limpeza e a brancura non melloran por usares máis deterxente. Proba a lavar cunha cantidade menor á que recomenda o fabricante.
– Non é algo extraordinario que os deterxentes sexan biodegradábeis, como parecen indicar os fabricantes. O importante é o tempo de degradación dos tensoactivos (normalmente derivados do petróleo) dos deterxentes na natureza. Utiliza xabóns naturais ou deterxentes das liñas ecolóxicas que diminuan o tempo necesario para a súa biodegradación.
-Os deterxentes para a louza conteñen compostos con concentracións grandes de fosfatos. A maioría son deterxentes derivados do petróleo, non xabóns. Substitúeos por xabóns neutros ou adquire productos ecolóxicos.
-Productos de limpeza tradicionais coma a lixivia, o amoníaco, a sosa ou augaforte, son compostos perigosos tanto para a saúde como para a natureza. A lixivia pode cambiarse por bórax, unha sal mineral que é un excelente e inocuo limpador – desinfectante – desodorizante. O amoníaco que conteñen os limpadores en pó, debe substituírse por productos como o bórax e o bicarbonato sódico. A sosa produce queimaduras graves. É a base dos limpa-fornos. Un método alternativo é abrandar as paredes do forno con auga despois de usalo. Logo restregarémolas con disolucións de bicarbonato.
– Os ambientadores sintéticos poden producir alerxias e deteriorar o sentido do olfato. É mellor ventilares os cuartos, colocares plantas aromáticas, vaporizadores de aceites esenciais ou disolucións de vinagre.
– Medio limón ao que se lle inserten cravos de olor ou testos de albahaca (asubiote) nas ventás son bos espantadores de insectos.
– Non empregues aerosois, mesmo aínda que non conteñan gases destructivos da capa de ozono.

Aseo persoal e cosméticos

Os cosméticos e productos de aseo, ademais de viren sobrempaquetados por razóns de mercado, o que pode duplicar o seu prezo final, poden causar problemas de toxicidade e contaminación.

– Elixe as presentacións en barra (desodorizantes, crema de afeitar…) ou os pulverizadores manuais.
– As compresas ou tampóns, e calquera outro residuo sólido, nunca deben terminar no inodoro.
– Para lavares o cabelo utiliza champus suaves baseados en herbas ou xabóns neutros. Os champus anticaspa elaborados a partir de sulfuro de selenio son moi contaminantes. – Para o coidado da pel son preferíbeis os xabóns naturais ou neutros.
– Pénsao antes de comprares cosméticos. Para manteres un aspecto atractivo nada é mellor cá unha dieta san, auga limpa e ausencia de estrés.
– Non compres cosméticos ou artigos para a hixiene persoal se son dunha marca que experimenta os seus productos con animais.

Comercio xusto

O comercio xusto é un movemento internacional que pretende establecer unhas relacións comerciais equitativas entre o Norte enriquecido e o Sur empobrecido, eliminando intermediarios e especulacións das empresas multinacionais.
O comercio xusto aplica diversos criterios: apoio a cooperativas ou formas de traballo asociado, transparencia e información de todos os actores, lazos comerciais a longo prazo, pagamento de prezos dignos previamente pactados, respecto ao ambiente, reinvestimento dos beneficios na comunidade (educación, saúde,…), proceso productivo non sexista, ausencia de explotación do traballo infantil,…

Inseparábel do comercio xusto é o consumo responsábel. Este toma en conta as consecuencias sociais e ambientais da producción. As preguntas chave dun consumidor responsábel son: Quen e en que condicións produciron este obxecto de consumo?, Que impacto ambiental ocasiona a producción e o consumo dese producto? Onde van parar os cartos que pagamos e en que proporción? A diferencia do consumo compulsivo e individualista, o consumo responsábel basease na información sobre o proceso de producción e as consecuencias que xera.
Actualmente, a competitividade internacional fundaméntase na degradación dos estándares laborais e ambientais por parte das grandes empresas. Nós, como consumidores e consumidoras do Norte, formamos parte da engranaxe do sistema. Unha resposta é empregarmos o instrumento do consumo para contrarrestarmos o poder omnímodo das multinacionais.

No centro de ensino

Converter o centro nunha escola ecolóxica é unha tarefa de toda a comunidade escolar: profesorado, alumnado, persoal non docente, pais e nais. O centro escolar, como lugar de aprendizaxe e convivencia, constitúe un marco inmellorábel para desenvolver unha serie de prácticas que se traducirán en modelos de vida máis respectuosos co medio.

– Ocúpate, na medida das túas posibilidades, de que a Educación Ambiental teña o papel que lle corresponde no Plano Educativo do Centro (PEC).
– Colabora e participa na constitución dun Taller de Educación Ambiental para converter o teu centro nunha ecoescola.
– Esixe das autoridades académicas a realización dunha ecoauditoría no centro, previa á elaboración dun Plano de Xestión Ambiental. Nela analizaranse a xestión de residuos na escola, o uso de auga e enerxía, etc.
– Colabora na organización de campañas de recolla de papel usado, pilas e outros materiais, na escola e no contorno inmediato.
– Coida os espacios exteriores do centro, contribuindo á plantación de diferentes especies vexetais autóctonas e axudando nas tarefas periódicas de limpeza.
– Promove a reducción de residuos e a utilización de materiais reciclados: venda de productos con envases retornábeis e/ou productos minimamente envasados na cafetería do centro escolar, uso de papel reciclado,….
– Procura que o nivel de ruído sexa o mínimo posíbel: a calidade de vida no centro incrementarase significativamente e as molestias ao vecindario serán menores.

No traballo

As actividades de moitas empresas causan danos ambientais graves. Os/As traballadores/as poden contribuír a mellorar o comportamento ambiental das empresas nas que traballan, o que será positivo tanto para as súas condicións de traballo como para o futuro da empresa (maior aceptación social, reducción de custos de producción,…). Se es propietario/a dunha empresa ou autónomo/a, a túa responsabilidade na diminución do impacto ambiental será maior.

– Coñece, esixe e colabora no cumprimento das normas de seguridade e hixiene no traballo.
– Se tes que estar exposto a sustancias químicas perigosas, infórmate ben sobre os seus riscos para a saúde humana e o medio ambiente e aplica as medidas de precaución precisas. Se existen alternativas ecolóxicas á súa utilización, reclama a súa implementación.
– As empresas deben cumprir sempre a lexislación ambiental. O desenvolvemento de planos de reducción de residuos e de aforro e mellora da eficiencia na utilización da auga e da enerxía, ademais de diminuír o impacto ambiental, reduce custos de producción.
– Se traballas nunha oficina, procura adoptar comportamentos que favorezan a reducción, a reutilización e a reciclaxe de residuos e o aforro de electricidade.
– Se es agricultor/a, procura diminuír ou eliminar a utilización de pesticidas e de fertilizantes inorgánicos. Na aplicación dos fertilizantes, segue os consellos do Código de Boas Prácticas Agrarias elaborado pola Consellería de Agricultura. Se practicas unha agricultura máis ou menos tradicional, non che será difícil reconverter a túa explotación á agricultura ecolóxica, o que pode aumentar os teus ingresos.
– Practica unha pesca e un marisqueo responsábeis. As riquezas do mar non son inesgotábeis.

De viaxe

As viaxes permítennos coñecer outros lugares e outras culturas, posibilitando un achegamento e disfrute da natureza. Porén, as actividades turísticas poden causar impactos ambientais moi negativos.
– Non sempre o máis afastado é o máis interesante. Lembra eses lugares da nosa terra aos que sempre desexaches ir e que aínda non coñeces.
– Elixe modelos de turismo sostíbeis, rexeitando outras alternativas vacacionais agresivas co medio natural e a cultura do lugar visitado.
– Procura optar por sistemas públicos de transporte nas túas viaxes, preferentemente polo ferrocarril convencional. Ás veces é mais económico ir en transporte público e despois, se for necesario, alugar un coche no lugar de destino para realizar pequenos desprazamentos.
– Evita as prácticas impactantes no contorno: recolle sempre o lixo e lévao até un lugar axeitado (papeleira, contentor), non fagas lume agás nos lugares permitidos, non fagas ruídos molestos,…
– Viaxar non é so deslocarse dun lugar a outro, implica tamén o coñecemento das culturas que imos visitar. Prodúcese un intercambio entre persoas de diferentes culturas que é moi enriquecedor para todos/as. Como parte deste intercambio, procura consumir produtos deses lugares, coñecer a súa música, literatura…
– As vacacións poden ser aproveitadas para colaborar en proxectos de carácter social ou ambiental, no noso país ou no estranxeiro. Infórmate nalgunha organización non gobernamental.
– A observación e a fotografía da fauna son preferíbeis á súa caza ou pesca.
– Observa escrupulosamente as normas de protección dos espacios naturais protexidos: non utilizar vehículos por lugares non permitidos, non sairse dos sendeiros marcados, non recolectar animais e plantas, etc.
– Non compres productos feitos con marfin de elefantes ou coberturas de tartarugas, corais ou plantas e animais salvaxes ameazados de extinción. Na actualidade existen máis de 800 especies de animais e plantas cuxo comercio internacional está prohibido.

Varios

– Se é posíbel, compra móbeis elaborados con madeiras producidas de forma ecoloxicamente sustentábel. Elixe os productos coa certificación do FSC (Consello de Administración Forestal), apoiada polas principais organizacións ecoloxistas internacionais. Rexeita sempre os productos elaborados con madeiras tropicais non certificadas. Evita o mobiliario feito con materiais plásticos.
– Se es propietario forestal, estudia detidamente a posibilidade de plantares especies autóctonas (castiñeiro, carballos, bidueiro,….). Mesmo se o único que procuras é rendibilidade económica a non moi longo prazo pode ser unha alternativa interesante.
– O ruído é unha forma de contaminación moi nociva. Sé consciente do ruído que fas, especialmente durante a noite. Se conduces un coche, substitúe os bucinazos por ráfagas luminosas sempre que sexa posíbel, sobre todo nas cidades.
– Rexeita os abrigos de pel. Son prendas de luxo, absolutamente prescindíbeis, cuxa confección precisa da morte e da cría en condicións deplorábeis de moitos animais.
– Non compres máis roupa da necesaria e opta preferibelmente pola confeccionada con fibras naturais.
– Se é posíbel, compra móbeis elaborados con madeiras producidas de forma ecoloxicamente sustentábel. Elixe os productos coa certificación do FSC (Consello de Administración Forestal), apoiada polas principais organizacións ecoloxistas internacionais. Rexeita sempre os productos elaborados con madeiras tropicais non certificadas. Evita o mobiliario feito con materiais plásticos.
– Se es propietario forestal, estudia detidamente a posibilidade de plantares especies autóctonas (castiñeiro, carballos, bidueiro,….). Mesmo se o único que procuras é rendibilidade económica a non moi longo prazo pode ser unha alternativa interesante.
– O ruído é unha forma de contaminación moi nociva. Sé consciente do ruído que fas, especialmente durante a noite. Se conduces un coche, substitúe os bucinazos por ráfagas luminosas sempre que sexa posíbel, sobre todo nas cidades.
– Rexeita os abrigos de pel. Son prendas de luxo, absolutamente prescindíbeis, cuxa confección precisa da morte e da cría en condicións deplorábeis de moitos animais.
– Non compres máis roupa da necesaria e opta preferibelmente pola confeccionada con fibras naturais.

descarga