A FEG naceu despois dun proceso de progresivo afortalamento da coordinación do movemento asociativo ecoloxista galego, proceso iniciado a mediados dos anos 80 coa celebración de asembleas periódicas para o encontro e o debate.
O movemento asociativo ecoloxista galego xurdiu a comezos dos anos 70, coa creación da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Desde o inicio dos anos 80 xurdiron grupos ambientalistas en diversas cidades e vilas de todo o país, moitos dos cales decidiron agrupar esforzos primeiro na AGENG e posteriormente na FEG.
En 1990 xurde a AGENG como coordinadora estábel. Dende ese ano a AGENG-FEG promoveu ou participou en numerosas campañas e accións de defensa ambiental a nivel galego e apoiou actividades desenvolvidas polas súas asociacións membros a nivel local.
No ano 1996 Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galiza (AGENG) pasa a denominarse FEG.
Entre as accións desenvolvidas pola FEG e polas asociacións que a constitúen podemos salientar a promoción de senllas iniciativas lexislativas populares en defensa dun ordenamento e aproveitamento adecuado dos montes e da redución, a reutilización e a reciclaxe dos residuos, a loita contra proxectos ou instalacións ambientalmente inaceptábeis (complexo Celulosas-ELNOSA en Pontevedra e varios proxectos de celulosas, encoros de Navia e de Sela, numerosas minicentrais hidroeléctricas, parques eólicos da serra do Xistral, incineradora de lixo de SOGAMA SA…) ou a defensa de espazos naturais de elevado interese (Illas Cíes, Dunas de Corrubedo, Fragas do Eume, Marismas de Baldaio, Enseada do Umia-Ogrobe, Ribeiras do río Louro, Serras do Courel, Ancares, Xistral, Lastra, Candán, etc, etc).
O labor de sensibilización social e de presión política das asociacións de defensa ambiental galegas está detrás de moitos dos logros ambientais conseguidos en Galicia, como os planos de reciclaxe e compostaxe do lixo dalgúns Concellos, a paralización de numerosos proxectos e actividades ambientalmente agresivos ou a creación de parques naturais como os das Illas Cíes, Fragas do Eume ou Dunas de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.
Historia da FEG (Terra nº14)