A FEG naceu despois dun proceso de progresivo afortalamento da coordinación do movemento asociativo ecoloxista galego, proceso iniciado a mediados dos anos 80 coa celebración de asembleas periódicas para o encontro e o debate.
O movemento asociativo ecoloxista galego xurdiu a comezos dos anos 70, coa creación do Grupo Ornitolóxico Galego (GOG) en 1973, que despois daría lugar á Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), e de ADEGA en 1974 (constituída legalmente en 1976). Desde o inicio dos anos 80 xurdiron grupos ambientalistas en diversas comarcas, cidades e vilas de todo o país, moitos dos cales decidiron agrupar esforzos de maneira informal na Asemblea de Grupos Ecoloxistas e Naturalistas de Galiza (AGENG) que en 1990 se transforma en coordinadora estábel e en 1996 daría lugar á actual Federación Ecoloxista Galega.

Desde a súa constitución a AGENG-FEG promoveu ou participou en numerosas campañas e accións de defensa ambiental a nivel galego e apoiou actividades desenvolvidas polas súas asociacións membros a nivel local.
Entre as accións desenvolvidas pola FEG, e polas asociacións que a constitúen, podemos salientar a promoción de senllas iniciativas lexislativas populares en defensa dun ordenamento e aproveitamento adecuado dos montes e da redución, a reutilización e a reciclaxe dos residuos, a loita contra proxectos ou instalacións ambientalmente inaceptábeis (complexo Celulosas-ELNOSA en Pontevedra e varios proxectos de celulosas, encoros de Navia e de Sela, numerosas minicentrais hidroeléctricas, parques eólicos da serra do Xistral, incineradora de lixo de SOGAMA SA…) ou a defensa de espazos naturais de elevado interese (Illas Cíes, Dunas de Corrubedo, Fragas do Eume, Marismas de Baldaio, Enseada do Umia-O Grove, Ribeiras do río Louro, Serras do Courel, Ancares, Xistral, Lastra, Candán, etc, etc).
O labor de sensibilización social e de presión política das asociacións de defensa ambiental galegas está detrás de moitos dos logros ambientais conseguidos na Galizaa, como os planos de reciclaxe e compostaxe do lixo dalgúns Concellos, a paralización de numerosos proxectos e actividades ambientalmente agresivos ou a creación de parques naturais como os das Illas Cíes, Fragas do Eume ou Dunas de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.
Queres saber máis da historia da FEG?
Podes ver as seguintes seccións:
Boletín Terra da FEG (1998-2006)
En 2021 celebramos os 30 anos da constitución da AGENG-FEG, Celebración do 30 + 5 Aniversario da FEG que foi recollido nos medios de comunicación:
- A Federación Ecoloxista Galega, 30 anos de loita e activismo polo ambiente en Galicia (Galicia Confidencial, 22/09/2021)
- A Federación Ecoloxista Galega fai 30 anos celebrando as loitas gañadas e as que “foron, canto menos, loitadas” (Praza Pública, 22/09/2021)
