A FEG presenta alegacións á autorización ambiental de Greenfiber

A Federación Ecoloxista Galega presentou alegacións ao anuncio do 20 de febreiro de 2024, da Secretaría Xeral de Industria, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA), a declaración de utilidade pública e o proxecto para a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas, no concello de Palas de Rei, promovido por Greenfiber, SL.

Sobre o marco legal do proxecto:

  • Non se recolle no relatorio legal ao que se axusta o proxecto a normativa vixente sobre o Plan
    Hidrolóxico de Galicia para o tercer ciclo 2022-2027
  • Non se contempla no marco legal a norma que recolle as disposicións de seguridade nos movementos de terras con indicios de minerales fibrosos, especificamente o Decreto 396/2006 de 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto

Sobre o Estudo de Dispersión Atmosférica dos contaminantes xerados pola celulosa

  • A modelización da dispersión de gases contaminantes non é válida
  • O Estudo de Dispersión Atmosférica dos contaminantes xerados pola celulosa, non informa das concentracións de gases cando se dan condicións atmosféricas de inversión térmica. Tampouco se atopa no informe ningún estudo estatístico sobre o número de días con inversión térmica, fenómeno cunha influencia crítica no efecto da contaminación por gases e partículas sobre a bacía do Ulla e a posterior chuvia ácida cando se recuperen as precipitacións

Sobre o impacto da vertedura das augas da celulosa sobre o río Ulla e o encoro de Portodemouros, considerando o salto térmico, a calidade da auga e o caudal de vertido

  • Os resultados presentados sobre a temperatura máxima acadada no río despois do punto de vertido non son veraces. Nos datos da estación obsérvase que o caudal do río ao longo do ano mostra grandes variacións, acadando valores moi baixos ao final do verán e outono.
  • O valor límite que marca o Plan Hidrolóxico Galicia Costa para o incremento da temperatura da auga na zona de vertido supérase amplamente nos meses con pouco caudal. O valor límite do incremento de temperatura, dado en termos absolutos, non pode superar os 3ºC trala zona de dispersión
  • Debemos engadir que actualmente o encoro de Portodemouros non está en bo estado. Ten contaminación por fósforo, entre outros, e numerosos episodios de eutrofización. Actualmente Portodemouros incumple a Directiva Marco de Augas (Directiva 2000/60/CE) que obriga a ter en bo estado os ríos, lagoas, encoros, masas de auga de transición e costeiras, cunha última prórroga ata 2027
  • Non se presenta ningún modelo matemático que recolla, a futuro, nos vindeiros anos/decadas, os efectos acumulativos das verteduras no encoro de Portodemouros, no río Ulla e a súa bacía de influencia

Sobre o impacto das emisións e os produtos químicos utilizados na saúde e seguridade da poboación

  • Non se presenta un plan de proteción da saúde e seguridade pormenorizado para os sectores de poboación máis vulnerables dentro da Área de Influenza Directa (AID).
  • Non se presenta un Plan de Emerxencia e Evacuación, para o entorno escolar e o resto da poboación da AID, a aplicar en caso de accidente, explosión ou incendio na factoría que afecte a tanques ou contenedores de produtos químicos altamente perigosos
  • Non se presenta un plan de actuación e medios dispoñibles para intervir, en caso de accidente grave no entorno urbano da vila de Melide, dalgún dos vehículos que provean de material químico á celulosa.
  • A forma de almacenamento e descarga do material químico perigoso que utilizará a celulosa non está claramente especificado no EIA. Non se informa da capacidade e número dos tanques que almacenarán os produtos subministrados en solución, especificamente: hidróxido de sodio, ácido sulfúrico, peróxido de hidróxeno e osíxeno licuado. Non se informa da capacidade e número dos contenedores que almacenarán os produtos químicos subministrados en polvo a granel: sulfato de magnesio, sulfato de sodio e carbonato de sodio. Tampouco se informa do tipo de camións que van transportar os produtos en polvo a granel, en que condicións e como se van a descargar, así como que medidas se van a adoptar para garantizar que o po non sexa emitido á atmosfera.
  • Movemento de terras moi contaminadas na construción da celulosa. Non se informa da previsión de executar diferentes campañas xeolóxicas e xeotécnicas de recoñecemento do terreo tanto na fase de redación do EIA como na fase de execución da obra. Os sondeos e catas na parcela na que se intenta levantar a celulosa son imprescindibles, pois o substrato ultrabásico serpentinítico está enriquecido con formacións de minerais fibrosos. A aparición de minerais tipo asbesto nas excavaciones, xeraría riscos potenciais para a saúde no ámbito laboral e na poboación da zona AID.

Sobre a obtención de fondos públicos para o proxecto GAMA que presenta a empresa Greenfiber S.L.

  • O obxectivo dos fondos do PERTE de descabonizaciónd, os que pretende obter financiación o proxecto GAMA de Greenfiber, é o fomento da descarbonización dos procesos industriais e a mellora ambiental. Pero, unha das condicións que o PERTE de descarbonización establece para financiar proxectos de captura, almacenamento e uso do carbono é “que estes proxectos non contraveñan o principio de DNSH”. O Principio DNSH (Do No Significant Harm) (Non Fagas Ningún Dano Significativo), é unha condición definida pola Comisión Europea que obriga a realizar unha autoavaliación que asegure que a inversión non afecta negativamente a un, ou varios, dos 6 obxectivos medioambientais definidos no Regulamento (UE) 852/2020 relativo aos investimentos sustentables: mitigación do cambio climático; adaptación ao cambio climático; uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños; transición para unha economía circular; prevención e control da contaminación; proteción e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.
  • Altri/Greenalia “obvia” no trámite de exposición pública do estudo de impacto ambiental que as instalacións van ocupar un terreo proposto pola Xunta de Galicia nos anos 2008 e 2011 para ampliación da Rede Natura 2000
  • Greenfiber oculta no seu proxecto a presenza, dentro das fincas ocupadas pola celulosa, de tres especies catalogadas como “En perigo de extinción”
  • O feito de atoparnos cun proxecto industrial en zonas da Rede Natura 2000 fai que o principio de cautela, que debe garantizar por encima de outros intereses a protección e integridade dos espacios protexidos, quede en papel mollado.
  • É importante coñecer que, dentro do Marco de Acción prioritaria para a Rede Natura 2000 en Galicia, a UE ten asignado importantes cantidades de fondos públicos para o seu coidado (Proyecto Life+ Margal-Ulla, coidado da RN2000, inventarios de poboacións…), ademais dos fondos Feader e Feder por un valor de perto dun millón de euros. Proxectos que conlevan unha serie de compromisos adquiridos pola Xunta de Galicia. Un dos copromisos é conservar as poboaciones de dúas das especies máis ameazadas de Galicia: Margaritifera margaritifera e Galemys pirenaicus e sentar as bases para a conservación do Sistema fluvial Ulla-Deza.
  • Greenfiber decidiu instalar o seu proxecto de fábrica de celulosa e fibra téxtil a carón do río Ulla, en Palas de Rei, e non do Miño, nalgún punto entre Outeiro de Rei e Portomarín, porque os permisos para abastecerse do Ulla dependen da Xunta, mentres que no Miño, son competencia do Estado. No seu estudo de impacto ambiental chega a afirmar que “polo feito de ser un cauce internacional, cuxa xestión non depende da administración autonómica, fixo pensar que os outorgamentos de concesións de aproveitamento e vertido ían ser máis difíciles”.

Atendendo ás consideracións antes expostas, SOLICITAMOS

Que por parte deste organismo se DENEGUE a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI), se REXEITE o estudo de impacto ambiental (EIA), se DENEGUE a declaración de utilidade pública e se REXEITE o proxecto para a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas, promovido por Greenfiber, S.L. e se arquive o expediente.

1 Comments Add yours

Deixar un comentario