A FEG presenta unha reclamación contra o certificado de xestión forestal sustentable FSC concedido á Entidade Galega Solicitante da Certificación Forestal (EGS)

A Federación Ecoloxista Galega ven seguindo dende o ano 2020 o proceso para a
certificación da xestión forestal sustentable baixo estándares FSC do grupo de certificación denominado Entidade Galega Solicitante da Certificación Forestal (EGS). Nun principio certificáronse dúas unidades de xestión pero, dende entón téñense introducido no certificado, sen control nin comprobación, centos de parcelas nas que os monocultivos de eucalipto son unha parte moi importante.

O proceso de certificación FSC lévase a cabo por medio da realización de auditorías por parte dunha empresa especializada, neste caso AENOR, que comproba se se compren os 10 principios que establece o sistema FSC, o cumprimento destes principios indicaría que a empresa ou, neste caso, grupo de certificación realizan unha xestión forestal sustentable. No caso de EGS, AENOR asegura que realizou as auditorías pero a realidade é que o incumprimento de 5 dos 10 principios de certificación resulta demasiado evidente como para dar crédito á empresa certificadora.

O sistema de certificación FSC é un sistema aberto no que os grupos interesados poden participar nos procesos de concesión do certificado, pero neste caso EGS negouse a proporcionar á FEG a información básica para poder analizar a xestión nas súas parcelas.

Aínda así, hai aspectos que son evidentes e reveladores do carácter insustentable da xestión forestal que se leva a cabo nos monocultivos agrupados en EGS. Xa que logo, trala negativa a proporcionar información elemental e a comprobación dos incumprimentos de principios por parte do grupo da Entidade Galega Solicitante da Certificación, a Federación Ecoloxista Galega ven de presentar unha queixa diante daempresa certificadora AENOR, solicitando a suspensión do certificado e a prohibición de utilización do selo nos produtos elaborados a partir da madeira de eucalipto de EGS, a queixa realízase en base ao incumprimento de 5 dos principios de certificación do FSC.

En síntese os incumprimentos de principios teñen que ver en primeiro lugar coa falla
de solvencia e as carencias das auditorías realizadas, que carecen dun contido
elemental mínimo, carencia que pretende ocultar a impactante xestión que se realiza
nos montes indebidamente certificados. Pero o fundamental da reclamación é o
incumprimento dos principios que teñen que ver coa sostibilidade ambiental; estes
incumprimentos refírense a aspectos non permitidos polo FSC como o cultivo dunha
especie invasora e pirófita (que utiliza o lume no seu ciclo de vida) o que está
causando graves danos ao favorecer os incendios e que ameaza con provocar unha
auténtica catástrofe como xa ten ocorrido no noso entorno ou en Portugal. Tamén se
fai notar a destrución de solos fértiles pola erosión provocada polo uso de maquinaria
pesada ou pola desprotección dos mesmos que provocan os incendios, a perda de
biodiversidade, de recursos hídricos e de paisaxes naturais.

Un aspecto fundamental da reclamación ten que ver coas elevadas emisións de CO2
asociadas á plantación de eucaliptos para a produción de pasta de papel, o único
destino dos cultivados por EGS. De acordo cos datos publicados polo fabricante, ENCE,
emítense unhas 700.000 toneladas anuais no proceso, contribuíndo de forma
importante ao cambio climático.

A Federación Ecoloxista Galega fai notar que, o falseamento do proceso de certificación
baixo estándares FSC, supón un engano ao consumidor acerca da xestión realizada
pola empresa; en efecto, cando un comprador se fixa nun produto co selo do FSC,
pensa que o mesmo está elaborado a partir de madeira que procede de plantacións
ben xestionadas. Sen embargo, no caso de produtos elaborados a partir dos eucaliptos
que producen os membros de EGS, está claro que as súas plantacións provocan un
elevado impacto ambiental, económico e social e son absolutamente insustentables.

A FEG, está comprobando, que son moitas as plantacións de eucalipto para pasta de
papel que se están certificando de modo fraudulento para beneficiar a ENCE, qu
mellora os seus ingresos cando se comercializan produtos elaborados a partir da pasta
que fabrican e que portan o selo de xestión forestal sustentable do FSC. Na actualidade,
estase a producir en Galicia un fraude masivo na certificación forestal e estanse
a certificar de modo falseado milleiros de monocultivos de eucalipto que provocan un
grave e irreversible impacto ambiental e incumpren os propios principios do FSC.

É necesario denunciar este engano ao consumidor que busca favorecer unha xestión
forestal sustentable e que compra produtos tras os que hai graves incendios, erosión,
emisión de contaminantes, perda das paisaxes ou perdas de recursos hídricos. É
necesario mudar a xestión forestal en Galicia cara un sistema sustentable no tempo que,
sen enganos nin destrución, permita aproveitar a riqueza dos nosos montes.

Deixar un comentario