A FEG solicita a exclusión de plantacións de eucalipto da lista de proxectos de absorción do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico

A Federación Ecoloxista Galega ven de remitir ao MITERD, unha queixa pola inclusión no denominado “REXISTRO DE PEGADA DE CARBONO, COMPENSACIÓN E PROXECTOS DE ABSORCIÓN DE DIÓXIDO DE CARBONO”, que este Ministerio elabora a partir das solicitudes presentadas, de plantacións de eucaliptos destinados á obtención de celulosa, e ten solicitando a baixa dun total de 59 proxectos desta natureza en Galicia que tiñan sido indebidamente incluídos nela.

O papel dos sistemas forestais na absorción de CO2 pode ser importante de cara a diminuír a súa concentración na atmosfera cando é transformado en formas orgánicas estables e perdurables que pasan a constituír sumidoiros de carbono. De cara a reducir as emisións e incrementar as absorcións por estes sumidoiros creouse o REXISTRO DE PEGADA DE CARBONO, COMPENSACIÓN E PROXECTOS DE ABSORCIÓN DE DIÓXIDO DE CARBONO por medio do RD. 163/2014 do 14 de marzo. No Artigo 7 do mesmo indícase que “inscribiranse as absorcións de CO2 xeradas no territorio nacional en proxectos de actividades relacionadas co uso da terra, cambio de uso da terra e silvicultura que supoñan o aumento do carbono almacenado”.

Pero, a pesar de que as árbores nas plantacións absorben CO2 por fotosíntese fixándose o carbono durante o crecemento das árbores e transformándose na materia orgánica que constitúe la biomasa forestal viva, débese ter en conta que o nivel de preservación de esta materia orgánica resulta determinante á hora de avaliar a incidencia dunha actividade forestal no ciclo do carbono e cuantificar a cantidade de CO2 efectivamente absorbido e emitido. Así, no caso dos Eucalyptus cuxa madeira é destinada á obtención de celulosa, como ocorre nas plantacións indebidamente rexistradas, o período de tempo hasta que esta materia orgánica se degrada de novo é moi breve tras a tala e o carbono é devolto nun tempo moi curto de novo como CO2 á atmosfera.

Tal e como indica o “Regulamento da UE 2018/841 do Parlamento Europeo e do Consello referido á inclusión das emisións e absorción de gases de efecto invernadoiro resultantes do uso da terra, o cambio do uso da terra e a silvicultura no marco da actuación en materia de clima e enerxía hasta 2030″, que establece a metodoloxía para o cálculo dos fluxos de carbono entre a atmosfera e os sistemas naturais, o período de “semioxidación”, é dicir, o tempo que tarda en reducirse á metade da cantidade inicial o carbono almacenado na madeira utilizada para obter celulosa é de 2 anos, co que podemos asegurar que ao cabo de 4 anos a inmensa maioría do carbono contido na madeira ten sido xa devolto á atmosfera en forma de CO2. Polo tanto, nestes casos non hai ningún tipo de retirada efectiva de CO2 cara ningún tipo de sumidoiro. Polo contrario, tendo en conta as emisións procedentes da mecanización, o transporte e do propio procesado industrial da madeira, veñen a resultar unhas avultadas emisións netas, segundo declara a papeleira ENCE que é o principal dos destinatarios da madeira producida en los proxectos que se denuncian, cuxa madeira é procesada nas instalacións desta empresa pasteira nas localidades de Pontevedra e Navia (Asturias) e que emite unas 700.000 toneladas anuais de dióxido de carbono nos procesos de fabricación da pasta segundo se pode comprobar nas súas propias declaracións de emisións de GEI. É importante sinalar que estes datos de emisión non suman as emisións directas en incendios forestais nin as orixinadas en procesos oxidativos asociados á frecuente erosión de solos en eucaliptais queimados ou recen plantados. Esta ecuación é válida tamén para a cada vez maior cantidade de madeira de eucalipto levada por Navigator ás súas factorías en Portugal e sería igualmente válida para o eucalipto que alimentaría a factoría de Altri se esta chegara a construírse.

Entón, non procede a inscrición destas plantacións como Proxectos de Absorción de Dióxido de Carbono de acordo co establecido no Real Decreto 163/2014 xa que se incumpriría o mesmo no seu aspecto máis esencial, o establecido no seu artigo 7 xa que os proxectos aos que a FEG se refire na súa queixa non “supoñen o aumento do carbono almacenado”, moi ao contrario, supoñen unhas elevadas emisións netas de CO2.

Xa que logo, a Federación Ecoloxista Galega ven de solicitar al Ministerio para la Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico, como entidade responsable da toma de decisións acerca da preinscrición e inscrición dos proxectos de absorción no REXISTRO DE PEGADA DE CARBONO, COMPENSACIÓN E PROXECTOS DE ABSORCIÓN DE DIÓXIDO DE CARBONO, a baixa inmediata dos falsos proxectos de absorción e a non admisión no futuro como proxectos de absorción a plantación ou a reposición por rebrote para o cultivo de árbores do xénero Eucalyptus con destino á fabricación de celulosa.

Deixar un comentario