Outro ano máis, aproveitando a celebración do Día Europeo da Rede Natura 2000 e do Día Internacional da Diversidade Biolóxica, reivindicamos a protección efectiva da biodiversidade a través dos espazos naturais protexidos. E, entre eles, subliñamos a importancia das Zonas Especiais de Conservación e das Zonas de Especial Protección para as Aves, áreas imprescindibles para a creación da Rede Natura 2000.
- Porque é imperativo para dar cumprimento ás directivas europeas de Hábitats e de Aves.
- Porque é imprescindible para a biodiversidade europea no seu conxunto.
- Porque é unha oportunidade para restaurar hábitats degradados.
- Porque é positiva para o desenvolvemento rural.
Así e todo, a nivel galego a RN2000 segue paralizada nun ridículo 12% da nosa terra, fronte ao 27% do global do estado. Non existe apenas conectividade entre espazos naturais, e as medidas necesarias para garantir a neutralizar impactos e ameazas non están a ser aplicadas. Este feito xerou non só un déficit importante na conservación dos hábitats naturais en Galicia, coa conseguinte perda dos servizos ecosistémicos asociados, senón que deu orixe a dous procedementos de infracción por parte da UE por ter incumprido as obrigas de ampliar a RN2000.
A destacar, a denominada “Infraestrutura Verde de Galicia” foi recentemente presentada coa vocación de crear “unha rede de espazos naturais e seminaturais planificados estratexicamente para ofrecer unha ampla gama de servizos ecosistémicos”. Ademais de incluír espazos xa protexidos (“zonas núcleo”), esta infraestrura identifica corredores ecolóxicos e zonas de amortecemento, que inclúen hábitats de interese comunitaria e especies ameazadas e/ou protexidas. Poñendo no mapa unha selección dos tipos corredores máis importantes para a biodiversidade, ademais das zonas de amortecemento e núcleo, obteríamos unha interesante rede de espazos que podería funcionar como proposta de ampliación da RN2000 no territorio terrestre galego. Aliás, algúns dos límites destes novos espazos son coincidentes con propostas de ampliación da RN2000 en 2008 e 2011.Pasariamos a 830.182 hectáreas de territorio baixo o paraugas da RN2000, o que supón o 28,0% da parte terrestre galega. Sumado aos espazos naturais protexidos, poderíamos situarnos xa nunha porcentaxe de mínimos, se ben aceptable e esperanzadora.

Proposta ampliación RN2000
Para finalizar, e tal e como se sinalou o ano pasado (Manifesto ecoloxista: “A ampliación da Rede Natura galega non pode agardar máis”), esta protección debería ir da man dun correcto manexo dos espazos, apoiada en plans de xestión e unha vixilancia efectiva -con maior persoal- destas áreas protexidas. A restauración de hábitats naturais en todos os espazos protexidos da Rede Natura 2000, sexan Zonas Especiais de Conservación ou Zonas de Especial Protección para as Aves, debería ser tamén prioritaria, en liña co establecido no Regulamento de restauración da natureza que obriga aos estados da UE a restaurar como mínimo o 30 % dos hábitats en mal estado para 2030, o 60 % para 2040 e o 90 % para 2050.
O presente manifesto estará aberto a novas adhesións de entidades e colectivos ata o 4 de xuño.
Adhesións en vixias@gnhabitat.org | 981135014
Asinan este comunicado pola incorporación da infraestrutura verde de Galicia na obrigada ampliación da Rede Natura 2000:
