Neste mes de agosto de 2025 todo o sur de Europa está a sufrir unha intensa vaga de lumes, dende Galiza até os Balcáns. Para comprender o que sucede hai que ter en conta moitas variábeis, pero dende a Federación Ecoloxista Galega queremos pór o foco nalgunhas cuestións relevantes e dar a seguir algúns puntos básicos en relación ao que habería que facer e o que non en materia de coidado do territorio e prevención de lumes.
Comecemos por analizar brevemente a nosa situación específica neste contexto:
Entre as conclusións dos documentos de traballo do Cuarto Inventario Nacional Forestal (IFN4), recóllese, como vén sucedendo dende hai décadas, que Galiza é unha das áreas máis forestadas da península Ibérica, o que a sitúa tamén entre as principais a nivel europeo. Os estudos previos do IFN4 estimaban no 2009 unha superficie de uso forestal do 68% do total do noso territorio. Dentro desta, un 70% estaría arborada. Estas cifras aumentan no caso da provincia de Ourense, cun 80% da súa extensión baixo a categoría de uso forestal (aínda que tamén é a que presenta maior cantidade de monte desaborado, en especial nas zonas de montaña). Segundo este documento non semellaría que respecto ao IFN3 teña aumentado moito esta superficie en extensión, pero si en cantidade de pés existentes, é dicir, máis árbores e de maior porte. Galiza é a segunda comunidade que máis volume de madeira con codia ten nas súas masas arboradas, despois de Castela e León, pero ademais destaca ao medir o incremento anual dese volume respecto ao IFN3. Do total dese incremento, o 27% foi debido ao noso territorio.
Segundo recolle o documento do Plan de Prevención e Defensa contra Incendios de Galiza (Pladiga) deste ano 2025, tirando datos do Inventario Forestal Continuo de Galiza (IFCG), un 60% da nosa superficie arborada está formada por especies de eucaliptos e coníferas (en especial piñeiros), sexa en masas específicas ou mixtas. Hai que remarcar que non existe moita claridade no manexo destes datos, pois os do IFN4 son de 2009 e a extensión das masas de eucalipto e piñeiro foi notábel nos anos posteriores, mesmo a pesar da pseudo-moratoria ás plantacións da primeira especie que a Xunta decretou en 2021 e que remata este ano. Nun documento asinado en 2018 por numerosos colectivos ecoloxistas e sociais, con achegas á primeira revisión do plan forestal galego xa se estimaba que a superficie de eucaliptais, puros ou mesturados, podería superar ás 500.000 ha.
En canto á propiedade dos montes, algo máis dun 32% son montes veciñais en man común, figura que destaca na provincia de Ourense (case un 40% do total), e que ten menor presenza na da Coruña. Destas comunidades, sobre un 40% teñen a súa xestión en mans da Xunta, polo que hai que relativizar a carencia de montes públicos como razón dunha suposta pouca marxe de acción da Administración. Por outra banda, case un 65% dos montes son propiedade privada individual, en mans de máis 450.000 persoas propietarias cunha media de 3 ha por parcela (e segundo recolle o documento de diagnose da primeira revisión do plan forestal galego, un 80% teñen menos de 0,5 ha). Unha parte importante desta propiedade non é clara e co abandono do rural e o envellecemento da poboación, este problema só fará agravarse.
En xeral, na estatística da evolución dos incendios na Galiza dende que se comezaron a rexistrar nos anos 60 e 70 do século XX ata hoxe, viña diminuído o número total de hectáreas afectadas. Dos grandes lumes de finais dos 70 e sobre todo os anos 80, con especial virulencia no 1989, con case 200.000 ha afectadas, pasamos a totais anuais que tenden a moverse por debaixo das 30.000 ha. Aínda así temos picos como o do 2006 que se aproximou ás 100.000 ha, 2017, con máis de 60.000, ou 2022 con máis de 50.000. Por desgraza, este ano 2025 vai camiño de marcar de novo unha cifra terríbel, que cando redactamos esta nota supera, só no verán, as 90.000 ha segundo a Xunta e as 150.000 segundo o programa Copernicus. Ademais, esta análise de cifras totais é limitada na marxe temporal representada e agocha outros factores como por exemplo que os recursos de prevención e extinción de incendios tamén evolucionaron respecto dos que se contaba fai corenta ou cincuenta anos. De feito, nos últimos vinte anos existe un estancamento na mellora das cifras á vez que están a aumentar os factores de risco, o que explica eses picos periódicos e os cambios na natureza dos incendios.
Unha cuestión de fondo que pode anotarse é que o lume sempre formou parte das ferramentas tradicionais de xestión do territorio, en especial para traballos de conversión de usos da terra e eliminación de biomasa. Este uso tradicional estaba vencellado a unhas paisaxes agrarias moito máis vizosas, con moita menor presenza da masa forestal e dende logo de especies con gran potencial de ignición como as de plantación que se estenderon durante o século XX e neste inicio do XXI. Iso non quere dicir que tanto pola acción humana como por factores naturais (máis excepcionais) o lume non supuxese un risco. Pero é evidente que o panorama muda en paralelo ao abandono do sistema rural tradicional, a un modelo poboacional moito menos ligado á lóxica do territorio (tanto na situación das vivendas e infraestruturas, como nos usos do solo) á extensión das plantacións forestais, e máis recentemente, ao cambio climático.
Aquí é onde volvemos ao inicio do texto. A degradación do mundo rural e o cambio climático sitúan todo o sur de Europa nunha mesma situación de risco extremo fronte aos lumes. Galiza, e en xeral o norte peninsular, que parecerían libres desta situación pola influencia atlántica, non o está en absoluto. De feito, a mediterraneización do noso clima, con veráns máis secos e calorosos, xunto á existencia de abondosa humidade entre o outono e a primavera, así como a orografía do terreo, presentan un escenario moi preocupante, en especial ante lumes como os chamados de sexta xeración. Sabemos que a xestión de todo isto non é sinxela, nin pode resolverse nunha lexislatura ou sen acordos políticos amplos. Máis tampouco podemos aceptar que esa complexidade leve a que teñamos que conformarnos con ver arder o territorio.
Hoxe, todos os informes coinciden no factor humano como o máis relevante para comprender o inicio dos lumes, sexa por accidentes, neglixencias ou de xeito intencionado. O que non sinalan son a existencia de tramas criminais ou epidemias de piromanía, como insisten en sinalar os cargos políticos nas súas declaracións. Sábeno perfectamente, unha xestión neglixente (cando menos) do territorio e da prevención dos lumes, na que as administracións teñen moita responsabilidade, sería a mellor pista a seguir para revisar as causas. A política forestal da Xunta dende fai décadas tivo de feito un sentido totalmente contrario ao que debería facerse. En lugar de apoiar o mantemento das paisaxes mixtas e os aproveitamentos multifuncionais do monte, centrou os seus esforzos nunha visión produtivista baseada nos monocultivos forestais, da que casos como o do proxecto de Altri son unha boa manifestación. Mentres esmorece a gandaría extensiva e amplas zonas do rural, a única aposta clara que defendeu a Administración galega para os montes foi esa.
Non é este un conflito entre conservación da natureza e modo de vida rural, non é certo que ardan as montañas por seren territorios protexidos, nos que non se pode actuar, como tampouco que non ardan os eucaliptais das áreas máis próximas ás costas por estaren ben xestionados. Tanto unha idea como a outra agochan simplificacións, erros e posturas interesadas. Primeiro porque noutros anos temos visto grandes lumes en áreas da provincia de Pontevedra ou no Barbanza. Segundo, porque existen outras razóns a termos en conta como que a continuidade das masas forestais nestas áreas é menor, pola propia densidade de urbanización ou da rede viaria. Recalcamos que factores como os climáticos e o abandono das actividades rurais tradicionais nos montes si explican máis a situación do que acontece en Galiza se o vemos con perspectiva. Aínda así, hai que recoñecer que tamén os bosques autóctonos vólvense nestas circunstancias máis vulnerábeis ao risco de lumes e que é preciso telo en conta na xestión da biomasa.
A queima das zonas arboradas é unha das imaxes de máis impacto, pero a perda das matogueiras, os danos á fauna (e non só aos mamíferos senón tamén aves, invertebrados ou microorganismos) e en especial a degradación do solo, deberían preocuparnos aínda máis. Os resultados son as mortes de seres vivos, a destrución de ecosistemas, a liberación de CO2 á atmosfera, a perda de solo fértil, etc. Por outra banda, os lumes son un elemento máis a sumar a outros que nos sitúan ante unha crise ambiental de consecuencias moi duras, das que só estamos a ver o inicio. Non podemos aceptar dos gobernos, sexa cal sexa o seu ámbito, nivel competencial ou cor política, que non fagan disto a súa prioridade. Fronte a correntes que negan o cambio climático ou todo o interese creado en elevar o gasto militar, os lumes que estamos a vivir estes días deixan claro onde está a verdadeira inseguridade, a que supón vivir de costas á natureza.
Neste sentido, queremos anotar algunhas ideas que poden ser relevantes sobre o que se debería facer e o que non ante esta situación. Temos que asumir que os lumes seguirán existindo, precisamente por iso hai que afrontar esta realidade durante todo o ano e no longo prazo.
- Urxe comezar canto antes con actuacións de protección dos solos en zonas queimadas antes de que se produzan precipitacións intensas e de restauración de sistemas forestais para asentar a protección.
- As queixas e protestas dos membros de servizos de extinción revelan a existencia de graves problemas laborais, de formación e de seguridade que teñen que resolverse para dignificar este servizo que debe manterse activo durante todo o ano con tarefas de prevención fora das temporadas de proliferación de incendios.
- Fomentar a formación da poboación en materia de prevención dos lumes e de actuación ante situacións de emerxencia. Dotar de medios precisos ás aldeas para facilitar as tarefas dos servizos de extinción en caso de seren precisos. Impulsar a educación ambiental en relación aos valores dos montes e montañas e a como protexelos.
- Débese buscar unha paisaxe diversa, con franxas de pasto, cultivos, masas de frondosas, que evite a perda de biodiversidade e favoreza que en caso de lumes o avance das lapas sexa menor e polo tanto o risco de acabar fóra de control sexa mínimo.
- É necesario diminuír a combustibilidade nos sistemas forestais reducindo e mantendo control das superficies ocupadas por pirófitas, nomeadamente eucaliptos e piñeiros para evitar a propagación dos lumes. Non se pode subvencionar a expansión destas especies pirófitas e deberíanse favorecer a vexetación máis resistente ao lume e resiliente fronte ás novas condicións de emerxencia climática. Evitar todo tipo de proxectos, como o actual de Altri, que afonden na liña de converter os nosos montes en espazos de plantación de monocultivo forestal.
- Favorecer e acadar un medio rural vivo e un monte que aporte diversidade de usos e produtos con modelos de produción agrícola e gandeira de pastoreo en réxime extensivo e de proximidade con capacidade de subsistencia fronte a unha agricultura e gandería intensivistas e industrializadas.
- Actuar durante todo o ano no control da biomasa, no mantemento dos camiños, nas franxas de seguridade respecto das aldeas e casas. Nisto deben implicarse todos os axentes, comunidades, particulares e administracións. A propiedade privada, tendo en conta o noso contexto, non debería estar por riba desta necesidade. É preciso pór terra a disposición de quen a queira e poida traballar ou fomentar a presenza do gando nos montes, evitando o seu abandono.
- Alí onde a realidade demográfica impón este escenario de abandono, debe favorecerse unha renaturalización axeitada, evitando a expansión sen control de especies arbóreas como eucaliptos, piñeiros ou acacias, e fomentando a formación de masas de bosque autóctono, con moita máis capacidade de manter a humidade mesmo nos veráns. Aínda neste caso, é importante ter en conta que o cambio climático tamén fai vulnerábeis a estes bosques, polo que é preciso manter franxas que permitan evitar que lumes orixinados en áreas de coníferas, eucaliptos ou matogueiras contiguas cheguen a propagarse a estes bosques.
- É necesario continuar favorecendo a redución dos niveis de gases de invernadoiro na troposfera esixindo políticas eficaces de redución de emisións e favorecendo a absorción a almacéns estables. Neste sentido un monte poboado con especies autóctonas resistentes ao lume acumula importantes cantidades de carbono en forma de materia orgánica reducindo a concentración de CO2 na atmosfera.
- Sociedades hiper-urbanizadas, baseadas no consumo crecente de recursos e enerxía, asentadas na mobilidade internacional e desvinculadas do local, do territorio e a natureza, están na orixe do que está a suceder. O abandono do mundo rural e o cambio climático son dúas das súas consecuencias e os lumes que estamos a ver, só un corolario lóxico. Cómpre entender estas dinámicas globais e actuar sobre elas para non rematar na frustración e a desesperanza, e para poder encaixar os lumes actuais nun marco explicativo máis amplo. Xa non é suficiente dicir que os lumes apáganse en inverno. O desafío é moito maior. Dende Galiza, como territorio afectado polas consecuencias destas dinámicas, teríamos pedir un cambio de modelo socioeconómico cara outro que nos re-ligue ao noso medio natural.
Federación Ecoloxista Galega, 21 de agosto de 2025
