O último fin de semana de Novembro, 29 e 30, a Federación Ecoloxista Galega promove un encontro arredor da problemática dos lumes en Casaio (Carballeda de Valdeorras), no albergue e centro de actividades Eco dos Teixos. Como xa fixeramos despois da vaga de lumes que afectou á contorna do Courel en 2022, impulsamos este espazo co obxectivo de compartir inquedanzas, coñecementos, experiencias, recursos, demandas, etc. Tratamos de xuntar todo aquilo que poden achegar os colectivos ecoloxistas e as comunidades locais.
Nesta ocasión buscamos tamén darlle un sentido práctico que xira sobre o eixo de como dende as comunidades se pode actuar para previr e enfrontarse mellor a un fenómeno, o dos grandes incendios, que vai marcar o futuro de moitas delas. Ante as carencias en iniciativas das administracións, pensamos que é preciso valorar as accións que se poden emprender dende este ámbito comunitario e dende a sociedade civil para protexer os lugares e formas de vida no rural, así como os ecosistemas que os sustentan.
Partimos de entender as comunidades como algo global, non só cun sentido produtivista, senón como unha rede de relacións na que se mestura o económico co identitario e cultural, a xeografía co emocional, o social e político co familiar, o xénero co coidado do territorio e a educación. Con esta perspectiva queremos traballar nesta xornada.
Programa:
Sábado 29
16 – 17h Proxección do documental “Doe o Courel”, de Xacobe Meléndrez.
17 – 19h Boas prácticas das comunidades na prevención dos lumes e o coidado dos ecosistemas.
19 – 20:30h As aldeas ante o lume. Necesidades e recursos en caso de incendio.
Domingo 30
10-14h Roteiro pola contorna de Casaio para recoñecer o estado das zonas afectadas nos lumes deste verán.
Anotarse mediante este formulario de inscrición antes do 22 de novembro:
https://forms.gle/7Hvmzt2kG61Kzo2S9
(Nota: os pagos da durmida e xantares efectuaranse directamente ao albergue nos propios días do encontro)
