O QUE PRECISAMOS DE CARA AO 2026 E É URXENTE COMEZAR.
O día 14 de agosto, un incendio iniciado no Porto, na provincia de Zamora, progresou rapidamente chegando á contorna do Teixedal de Casaio que se viu rodeado polas lapas. O lume estendíase e quería chegarse á vila de Santa María de Casaio e a veciñanza vixiaba día e noite que non atravesara o río. Durante 5 días, o Goberno galego mantivo oculta e incluso negou a existencia deste incendio para evitarr ter que declarar o nivel 3 de risco. Os medios de extinción, cando se enviaron, foron claramente insuficientes. 5000 hectáreas foron consumidas polo lume coa inacción dos responsábeis da administración. Deixouse abandonada a poboación, sen auxilio en momentos de perigo. Nunca se tiñan levado a cabo medidas de prevención que puideran ter amparado os sistemas forestais nin a cidadanía que se esforza por manter a vida nas serras. Aínda o 6 de setembro nun novo gran incendio arderon 850 hectáreas, afectando ao entorno de Valborraz, onde están os restos das minas dos alemáns.
Os días 29 e 30 de Novembro, a Federación Ecoloxista Galega organizou en Casaio, no albergue Eco dos Teixos, un encontro no que participaron membros de comunidades de montes, bombeiros e gardas forestais, membros de asociacións veciñais, ecoloxistas e cidadanía das zonas afectadas. Os dous grandes temas de debate foron as boas prácticas en prevención de lumes e as dificultades para desenvolvelas, así como analizar o que debería facerse para que unha vez que se produce un lume as aldeas estean o mellor preparadas posíbel.

Deste encontro tiráronse unha serie de reflexións e conclusións que queremos compartir como propósitos nos que sería importante e urxente actuar de cara ao novo ano 2026.
Boas prácticas das comunidades na prevención dos lumes e o coidado dos ecosistemas.
No relativo á prevención abordáronse tanto medidas xa en marcha e que parecían eficaces como outras que están comezando a levarse a cabo por parte da poboación, algunhas administracións e en moitos casos dende as comunidades de montes. Tamén ideas para desenvolver no futuro. O primeiro a destacar é que as solucións deben adaptarse ás diferentes zonas de Galicia dada a diversidade xeográfica, ecolóxica e climática existente. Imos enumerar algunhas destas propostas e problemas que poden presentar e que saíron nos debates deste encontro.
a) Creación de balsas de auga que faciliten a extinción de se producir o lume. Habería que reforzar unha boa rede de depósitos ben sinalizados, accesíbeis e suficientes en número, xa que ante as condicións extremas dun lume haberá balsas ás que non se poida acceder.
b) Mantemento das faixas primarias, secundarias e terciarias en boas condicións, algo básico e especialmente relevante nas secundarias, de protección dos núcleos habitados. Este é un asunto complexo, xa que o concepto de monte limpo é controvertido e pode chocar cos seus valores naturais. Ábrese aquí un debate que debe ser tratado con fondura e incluíndo múltiples olladas, en especial cando se trata de zonas que contan con algunha medida de protección. Moitas comunidades quéixanse das dificultades para realizar tarefas que serían importantes de cara á prevención de lumes, pero tamén é certo que un bosque precisa manter unhas dinámicas naturais para poder sosterse como tal, e que unha intervención humana moi agresiva pode xerar un dano con graves consecuencias. O que non pode darse en todo caso é a inacción nunha cuestión central ao falarmos de lumes.
c) Hai problemas relevantes na xestión da biomasa en relación ao factor humano. Un é a dificultade para identificar e contactar con moitas persoas propietarias e as consecuencias legais que pode ter intervir neste tipo de parcelas. Ante iso hai comunidades que prefiren actuar de igual modo, pero sería importante que a Administración facilite os mecanismos legais para facelo, xa que as dinámicas demográficas e sociais acrecentan cada ano esta situación. Outra está nas malas prácticas nas que mesmo cae en moitas ocasións a Administración, facendo podas e limpezas de biomasa de gran porte, pero deixando os restos miúdos deses traballos no propio lugar, convertidos en combustíbel ante un lume. É moi gravoso economicamente manter faixas de protección pagando desbroces polo que deben establecerse outros sistemas máis sustentábeis, en especial co manexo de gando.
d) Utilización de gando en extensivo pode aportar beneficios no sentido da eliminación de combustíbel na prevención se está axeitadamente deseñada e proporcionada. É unha das medidas máis presentes en moitas iniciativas que se están a dar dende as comunidades de montes interesadas nun cambio de modelo de xestión, pero é preciso un apoio para que poida despregarse, chegar a acordos entre intereses diversos, contar co persoal e os medios para o manexo do gando e en especial pór en valor esta actividade como un elemento económico, non só de xestión do territorio, asociado a unha recuperación da potencialidade produtiva do rural.
e) O establecemento de barreiras que impidan a expansión do lume, como interrupcións da vexetación, é polo de agora escaso e ineficaz por mal deseño ou falta de mantemento. É importante considerar e fomentar o valor da propia vexetación, na súa diversidade, como elemento protector. Cursos de auga, bosques de ribeira, fragas con capacidade para reter humidade na época estival, etc., son áreas que poden conter o lume ou cando menos retardar o seu avance.
f) A diversificación nos sistemas forestais está comezando a ser promovida por cada vez máis comunidades de montes e valórase que pode implicar non so beneficios da prevención senón tamén unha mellora no aproveitamento dos recursos que o monte pode proporcionar. No camiño da diversificación apóstase pola substitución de plantación de pirófitas por especies autóctonas.
g) Ferramentas existentes poden resultar útiles, mesmo que precisen algunha revisión. No encontro falouse das aldeas modelo, que deben estar xestionadas de modo sustentábel e con filosofía preventiva, e tamén se recordou o potencial das UXFOR, que foron desmanteladas co cambio de goberno na Xunta, en 2010.
h) Necesidade de incrementar o grao de concienciación sobre a defensa dos montes e da terra, da responsabilidade dos propietarios nesta defensa e en definitiva do amor ao territorio como factores protectores fronte aos lumes. Tamén o fomento do asociacionismo de base demostra ser un elemento defensivo ao tecer as redes sociais que favorecen a adopción de medidas de xestión preventiva.
i) Vese imprescindíbel a modificación da política forestal que na actualidade favorece os monocultivos de especies pirófitas ao servizo das grandes empresas que procesan piñeiros e eucaliptos. Estas políticas forestais están a incrementar o risco de incendio e a favorecer o abandono do rural. A extensión dos monocultivos impide a obtención dunha variedade de recursos que permita a supervivencia das comunidades rurais que fican expostas ao maior risco de incendios. A xestión forestal que se leva a cabo nestas plantacións resulta negativa: os restos de podas, desbroces ou eliminación de brotes incrementan a combustibilidade do monte e a utilización de maquinaria pesada degrada mecanicamente o solo, empobrecéndoo e favorecendo os procesos erosivos.
l) Vese necesario sensibilizar acerca da necesidade de conservar e valorizar o territorio para evitar o abandono do rural. Neste sentido é necesario mellorar a información e fomentar os valores ambientais, sociais, económicos, históricos, ecolóxicos e paisaxísticos dos ecosistemas e sistemas forestais.

As aldeas ante o lume. Necesidades e recursos en caso de incendio.
Esta parte da xornada foi acompañada polo relato da comunidade de montes de Roblido (A Rúa), da situación que sufriron nesta parroquia fronte aos incendios de agosto. Da angustia vivida que supuxo unha resposta traumática para os habitantes da zona. Esta situación supuxo tamén unha aprendizaxe dramática de cara ao futuro e permite ver o que sería necesario para defender preventivamente aldeas e vilas. Salientamos ideas básicas xurdidas deste encontro.
a) A sociedade debe adoptar medidas de autoprotección e tomar decisións para enfrontar o risco diante da inacción da Administración. É necesario que se leven a práctica os plans de autoprotección nas aldeas e vilas que a propia lexislación recolle. Porén, non hai tempo que perder se estes non chegan. Trátase de ter xa a preparación e formación precisas para afrontar o risco con medidas de actuación seguras que eviten danos físicos ás persoas e aos bens e edificacións. Que todos os habitantes saiban como actuar con seguridade para defender as vidas e os seus bens por medio de protocolos de acción que minimicen os danos e riscos no caso de que o lume se produza. Estas medidas deben ser difundidas para coñecemento de toda a poboación local. O persoal especialista na extinción dos lumes debe contar entre as súas tarefas profesionais, e recoñecido como parte delas, este tipo de tarefas de educación e divulgación. Traballar coas escolas, o asociacionismo veciñal, as comunidades de montes ou todo tipo de dotacións, como as de saúde ou as residencias de maiores, é imprescindíbel.
b) É preciso revisar a relación dos servizos de extinción coa poboación local. A poboación local non ten a preparación, os medios nin a responsabilidade de actuar como axentes forestais, pero tampouco pode obviarse que é a que coñece a fondo o territorio e ten moito que dicir e achegar neste tipo de situacións. A xestión das evacuacións, a protección das casas, a circulación por pistas, o voluntarismo, son temas delicados que poderían afrontarse moito mellor se existe un coñecemento previo entre servizos de extinción e comunidades para xerar espazos de coordinación, crear confianza mutua e compartir coñecementos que poden ser transcendentais en situacións de emerxencia. A sensación de frustración e abandono é moi habitual nas poboacións locais e ten por desgraza unha base moi real, pero tamén é terreo aboado para bulos e intereses políticos perniciosos. En ocasións os servizos de extinción atopan hostilidade nesas comunidades. Hai que restaurar esa confianza e a Administración debe asumir esta tarefa.
c) Cando os servizos de extinción acoden a un incendio e teñen que concentrar esforzos en atender a seguridade de vilas e vías de comunicación, deixan de atender as tarefas propias de extinción do lume. Se se mantiveran faixas de protección suficientes e se estableceran protocolos de autoprotección nas aldeas poderían ser máis eficientes na extinción. Tamén ante a extinción é importante esa boa xestión forestal que minimice o risco e facilite a intervención.
d) É necesario mellorar a coordinación dos diversos servizos de extinción, existe unha multiplicidade tal que pode levar a problemas neste sentido.
e) As vilas, e sobre todo as aldeas, deben contar con vías axeitadas para a circulación dos servizos de extinción e posíbeis evacuacións de seren precisas. Estas vías deben estar ben sinaladas e ser coñecidas pola poboación.
f) Debe existir na contorna das aldeas unha rede funcional e ben sinalizada de puntos de auga que poidan empregarse en caso de lume. Tamén material esencial para facilitar as tarefas dos equipos de extinción como mangueiras ou batelumes.
En definitiva, resulta imprescindíbel a organización do territorio con obxectivos de prevención fronte ao lume, o fomento dunha xestión forestal sustentábel, a diminución da combustibilidade ou a conservación dos sistemas agrícolas e gandeiros. Cando se fala de lumes no fondo sempre está presente que un rural vivo e produtivo, máis alá do monocultivo forestal, é o escenario máis resiliente.
Por desgraza os lumes non son cousa dun ano e as súas características están a ser tan virulentas que chegan a introducirse mesmo en áreas ben conservadas. O que vivimos neste 2025 vaise repetir, o cambio climático pon cada vez condicións máis favorábeis para que así sexa. Temos que entender e intentar mudar este contexto global, non podemos renunciar nunca a iso. Pero o día a día tamén implica tomar moitas decisións que non poden agardar, asumir que as consecuencias xa están aquí e actuar tendo isto presente. A suma dunhas condicións climáticas adversas e un rural degradado crea unha dinámica moi perigosa na que o lume ocupa un lugar central. Previlo e saber como actuar cando chega son dous ámbitos de acción que son e serán chaves para o noso futuro, como sociedade e como territorio. Reflexionar sobre eles permitirá non vivir só na urxencia e no drama, senón anticiparnos e propor ideas, cambios, alternativas. É dicir, facernos coa axencia ante este reto, e introducir unha visión en positivo na que mudemos o imaxinario dun territorio queimado polo dun territorio coidado.
Compostela, 30 de Decembro de 2025
