- O Colectivo Ecoloxista do Salnés, a Federación Ecoloxista Galega, a Sociedade de Historia Natural de Galicia, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e o Grupo de Anelamento Anduriña alegaron en contra da declaración como proxecto de interese autonómico da ampliación da autovía da Lanzada.
- Nun escrito conxunto presentado esta semana fixemos 6 alegacións baseadas tanto no contido do proxecto como nas formas administrativas que a Xunta está a mostrar neste paso da tramitación.
O 9 de febreiro anunciouse no DOG o Acordo do Consello da Xunta para a Declaración “Proxecto de Interese Autonómico (PIA)” da ampliación da Autovía do Salnés VG-4.1 e da PO-308, comezando así a tramitación de dita declaración. Dábase un prazo dun mes para a presentación de recursos a este acordo. Dentro do prazo a Federación Ecoloxista Galega da que é parte o Colectivo Ecoloxista do Salnés, xunto cosas outras arriba mencionadas, presentamos 6 alegacións. O noso desacordo foi formulado en torno a tres eixos: á xustificación do proxecto en xeral, aos actuacións propostas pola Xunta e á inadecuada tramitación do proxecto por parte da Xunta.
Con respecto á xustificación non o vemos fundamentada cun pensamento de futuro. O fomento do modelo de mobilidade en vehículo privado é un modelo caduco. Os nosos gobernantes deben proporcionarnos benestar, e a loita contra o cambio climático é crucial neste ámbito. Unha mobilidade máis ecolóxica, de calidade e máis barata é posible, so hai que impulsala, que crer nela. Os 40 millóns deste proxecto virían de perlas para por en marcha e impulsar o transporte público de calidade na comarca do Salnés.
Con respecto aos detalles das actuacións propostas pola Xunta, mostramos o noso desacordo non só coa ampliación a 3 ou 4 carrís da VG 4.1 entre Sanxenxo e a praia da Lanzada, se non tamén ás ampliacións da estrada PO308 e PO550 nos tramos que transcorren polo propio sistema dunar do istmo da Lanzada, por que vai supor transformar parte das dunas de gran valor biolóxico en asfalto. As medidas compensatorias que se propoñen na memoria son irrisorias en comparación ao impacto de soterrar un hábitat protexido como son as dunas fixas que hai no istmo. Chegan a propoñer a retirada de piñeiros de repoboación nunha zona dunar na ladeira próxima ao istmo para recuperala ambientalmente, pero curiosamente nesa zona hai antigas canteiras e na que apenas medran piñeiros, sendo estes o menor dos seus males (é unha zona esnaquizada polas canteiras abandonadas, plantas invasoras, pisoteo…). Resulta revelador que a Consellería de Medio ambiente apenas inverta na restauración e conservación da Zona de Especial Conservación (ZEC) do Umia-O Grove, que engloba a zona da Lanzada, e que o único que reciba este lugar da Xunta é unha esmola da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a cambio de cementar parte das súas dunas.
Ademais a tramitación comeza con mal pe. O texto sometido a información pública define con precisión unha infraestrutura viaria concreta, identifica o trazado específico, determina a tipoloxía das actuacións e fixa un ámbito territorial perfectamente delimitado. É dicir, a declaración non fai unha descrición abstracta e tipolóxica, compatible coa posterior análise ambiental e coa avaliación de alternativas, senón que aproba anticipadamente unha solución técnica pechada. Isto contradí a Lei de Ordenamento do Territorio, onde se describe o procedemento para a declaración dos PIA, e que indica que na fase de Acordo dos PIA non se pode especificar os detalles do proxecto xa que estes virán posteriormente tras a análise realizada ao longo da tramitación da avaliación ambiental. A través da avaliación ambiental se diagnostica a situación, se propoñen alternativas, que se bareman e se poñen a exposición pública. A Xunta non obstante, na presentación deste acordo, xa mostrou con gran luxo de detalles as obras que queren facer. As asociacións alegantes consideramos que isto vicia todo a tramitación posterior do proxecto e vai converter a Avaliación ambiental en papel mollado, como por outra parte xa estamos tristemente acostumados, pero non se debería facer con tanto descaro como neste caso, no que a Xunta está a poñer o carro antes que os bois.
Por todo isto, polas leis que incumpren (Directiva Hábitats, de Aves, a lei de avaliación ambiental, a de Ordenación do territorio…) esiximos á Xunta que anule este Acordo da declaración do PIA. Ademais estamos a valorar a presentación nos xulgados dun contencioso administrativo contra a Xunta no caso de que non rectifique.
A Xunta e a sociedade debemos sopesar os efectos negativos que tería esta ampliación do asfalto a costa da nosa natureza e buscar un xeito máis intelixente, ponderado e económico de atallar este problema moi puntual dos atascos na zona.