A oposición veciñal á mina de Corcoesto viaxa ao Parlamento Europeo

1365709036_806423_1365709163_noticia_normalUnha representación da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e da Asociación Petón do Lobo estará o vindeiro día 20 de xaneiro en Bruxelas para facer visible o grave impacto que a mina de ouro que se pretendía desenvolver en Corcoesto, tería sobre a comarca de Bergantiños e unha ampla zona dos Concellos da Costa da Morte [1].

Acoden invitados pola Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, que nunha sesión que pode ser seguida en directo a través da web do Parlamento[2] desde ás 16:30 horas da tarde, analizará os graves impactos que o frustrado proxecto mineiro tería para a poboación, tanto no eido da saúde, como no ambiental, económico e social.

Para iso, a Comisión examinará previamente o informe remitido pola Plataforma que foi elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela sobre a mobilización do arsénico en Corcoesto. Neste informe indícase que o proxecto subestima a mobilidade real do arsénico e en consecuencia minimízanse os efectos que este elemento químico altamente canceríxeno ten sobre a saúde da poboación e o medio natural. Nel tamén se pon de manifesto o incumprimento da lexislación comunitaria en materia de residuos mineiros. Malia todo, a empresa canadense Edgewater gábase de ter logrado da Xunta de Galicia unha Declaración de Impacto Ambiental positiva.

Durante a súa intervención, que durará uns 10 minutos, unha representación destes colectivos trasladará á Comisión os graves impactos económicos que a minería de ouro causará aos habitantes da Comarca de Bergantiños, cuxa subsistencia depende principalmente do sector forestal, agrícola, gandeiro, pesqueiro e turístico. Para iso recordarán aos membros da Comisión que o proxecto contempla a destrución de 392 ha de superficie forestal, o uso de 1,5 toneladas diarias de cianuro, o consumo de miles de millóns de metros cúbicos de auga, a eliminación total do río Lourido, a xeración de 17 millóns de toneladas de residuos de lixiviación cianurados e de 190 millóns de toneladas de entullos que contaminarán a terra e as augas por centos de anos.

Para defender a súa posición contraria á minería e explicar os efectos negativos deste tipo de minería sobre a saúde pública e o medio ambiente, apoiaranse en multitude de experiencias negativas vividas en países como Chile, Arxentina, Romanía e outras tantas rexións, incluída a propia Península Ibérica. Nestas experiencias puidéronse comprobar os nefastos efectos sobre a saúde da poboación derivados da contaminación da auga polos compostos cianurados e outros metais pesados e da contaminación do aire polas partículas de arsénico en suspensión.

O obxectivo desta comparecencia no Parlamento Europeo é o de solicitar que se vele polo cumprimento da normativa comunitaria en materia de avaliación ambiental, en materia de augas e de xestión de residuos, así como o de lograr unha declaración institucional en contra deste tipo de minería en xeral e contra o proxecto de Corcoesto en particular.

[1] No caso da Plataforma, un erro na comunicación por parte da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo imposibilitou que representantes desta organización puideran comunicar en prazo a súa asistencia e organizar a viaxe. En consecuencia, solicitaron a ex – eurodeputada Ana Miranda, que ten liderado en Europa a loita contra a minería contaminante, que interveña na súa representación.

[2] http://www.europarl.europa.eu/committees/es/PETI/home.html

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s