Guerra suxa de SOGAMA contra a compostaxe para atallar a rebelión dos concellos

Na súa teima por presentar os seus vicios como virtudes, SOGAMA non dubida en subministrar información manipulada aos medios. Nun recente artigo nun xornal de tiraxe galega (que recibe da Xunta e SOGAMA cuantiosos ingresos vía publicidade/convenios), recollíase que a “valorización total” de SOGAMA superaba en porcentaxe á acadada polos ámetos de Nostián e Lousame. SOGAMA mistura allos con bugallos e inclúe como “valorización total” a incineración, equiparándoa á valorización material (reciclaxe) que supón a recuperación de materiais e a compostaxe.

Á marxe de que valorización enerxética (incineración) non é valorización material (reutilización e reciclaxe) xa que está 1 ou 2 chanzos por debaixo na xerarquía de tratamento de residuos (prevención, preparación para a reutilización, reciclado, valorización enexética e eliminación, art. 4 da Directiva 2008/98/CE sobre Residuos), resulta que o que fai SOGAMA tampouco pode considerarse valorización enerxética. Non cumpre cos criterios de eficiencia da Lei 22/2011 de Residuos, anexo II: A eficiencia enerxética de SOGAMA está no rango de 0,25 a 0,41, por baixo do 0,6 que marca lei para que o proceso sexa considerado valorización. Portanto, a incineración de SOGAMA é a todos os efeitos equiparábel á eliminación/vertido.

No conxunto e por fraccións, SOGAMA perde por goleada fronte a Barbanza e Nostián

Ao cabo, SOGAMA leva directamente a vertedoiro (eliminación) o 48% de residuos, outro 44% o incinera (que como vimos é tamén unha eliminación) e só un 8% do total recupérase/recíclase (en planta só un 2%). No modelo Barbanza esta reciclaxe atinxe un 46% e en Nostián un 33% dos residuos totais.

Comparativa-AMETOS

Fonte dos datos e gráfico: Xunta de Galiza, documento de modificación do PXRUG 2010-2020

SOGAMA confunde intencionadamente materia orgánica entrante con compost

Outro elemento da estratexia da confusión, pensado para desprestixiar directamente os sistemas baseados na compostaxe da materia orgánica, é o pouco de compost que segundo SOGAMA se obtén dos residuos. Confundir materia orgánica en bruto (entrante) con compost (produto final) ignorando deliberadamente que por cada tonelada de compost producido recíclanse 4 de residuos orgánicos, deixa clara a ignorancia e perversión dos que repetindo mil veces unha mentira pensan que virará en verdade.

Ademais a necesidade e utilidade do compost vén sendo demostrada pola comunidade cientídica dende hai anos xa que os solos galegos están a perder enormes cantidades de materia orgánica e portanto fertilidade debido á erosión e aos lumes.

Cal é a realidade dos residuos que van a vertedoiro?

Outro dos bulos de SOGAMA, amplificado convintemente polos medios do réxime, é a porcentaxe de residuos que van a vertedoiro nos distintos ámetos. Se en Barbanza e Nostián é actualmente do 54 e 66% respeitivamente, en SOGAMA vai a vertedioro o 48% dos residuos. Que acontece pois? Que SOGAMA verte menos? Isto tampouco é certo. Nin verte menos, nin verte o mesmo.

SOGAMA manda directamente a vertedoiro o 48% dos residuos que lle chegan, e cobra por tratalos!!. No Barbanza e Nostián a totalidade dos residuos que chegan son procesados, separados, clasificados e estabilizados, e só as fraccións non reciclábeis ou que non atinxen a calidade suficiente van a vertedoiro. Cun maior esforzo na separación en orixe (con sistemas como o Porta-A-Porta, por exemplo) e milloras técnicas poderiase reducir moito a cantidade finalmente vertida. É a filosofía do “Residuo Cero”.

SOGAMA ao incinerar a outra metade dos residuos que lle chegan converte o lixo en residuos tóxicos e perigosos, xerando anualmente 70.000 toneladas de escouras e 35.000 toneladas de cinsas altamente tóxicas que se levan a vertedoiro en Cerceda. Desta forma, SOGAMA incumpre o obxectivo ou prioridade nº 1 da lexislación: a prevención da toxicidade e perigosidade dos residuos.

Os concellos poden e deben apostar por modelos máis baratos e ecolóxicos

Por moito que a propaganda intoxicadora da Xunta apresente a SOGAMA como a opción máis “barata”, a realidade é que nunca o foi… e coa inminente suba do 34% moito menos. Malia a ter un prezo político e a cobrar por tratar o que logo verten, ao cabo SOGAMA só recicla o 2% dos residuos que lle chegan. Os outros ámetos (Barbanza e Nostián) cun custo actual similar, acadan taxas de reciclaxe mesmo superiores ao fixado na Directiva de Residuos e canto máis reciclen máis barato será o proceso.

Dende ADEGA poñemos ao dispor dos concellos toda a información que SOGAMA tentou agochar durante décadas para que comproben a viabilidade económica (e ecolóxica) dos modelos baseados na redución, a recuperación, a reciclaxe e a compostaxe da materia orgánica a nível municipal. Tamén convidámoslles a coñecer a realidade do modelo da compostaxe, visitando a planta de Lousame onde as mentiras de SOGAMA quedarán ao descoberto.

adega

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s