Dime do que presumes…

51aa4b722062f-img_8973-001

Se algo caracteriza á fábrica de ENCE –amais do seu selo específico de empresa contaminante e destrutora da calidade de vida e a saúde, probado mesmo pola vía xudicial- é o seu desmedido afán por pregoar unhas supostas bondades sociais e ambientais das que carece. Como se dos ollos do Guadiana se tratase, a súa propaganda mentireira aparece e desaparece na comarca en función do nivel de rexeitamento social cara á súa presenza na Ría e como medio de presión á cidadanía e á clase política no seu pulso pola permanencia en Lourizán máis aló do 2018. A vella cantarela da creación de postos de traballo e o seu respecto polo medio ambiente, máis ou menos cargada de bombo segundo as necesidades.

E, sabedores da situación económica que atravesa a comarca e da dificultade de desmentir datos escasamente contrastábeis, non dubidan en chantaxear á poboación ofrecendo cifras e informes económicos –as máis das veces financiados pola propia empresa e elaborados en base aos datos aportados por ela- para dar unha pátina de credibilidade á súa propaganda. É o caso do recentemente publicado nos medios e elaborado pola consultora KPMG. Esquecen, iso si, que se colle antes a un mentireiro que a un coxo.

En efecto, abonda con examinar os poucos datos que calquera de nós pode comprobar, para descualificar toda a súa estratexia. Falan de 329 empregos directos na fábrica (mesmo ás veces de 350) cando o propio comité de empresa recoñece que o número de traballadores/as é de 238 con tendencia á baixa. Se menten ao falar dos postos de traballo directos, quen pode crer o dos 5.048 postos de traballo xerados na Galiza? Porqué non 10.000 ou 15.000 como dixeron noutras ocasións? Cómo cuantifican os postos de traballo indirectos e inducidos? E din tamén que seguen traballando para ser os mellores do mundo en xestión ambiental; segundo eles, apenas cheiran e no 2014 non ían cheirar máis que 2 días. Abondou coa chegada dos ventos do sur para que en Pontevedra, día si e día tamén, levemos soportando o seu fedorento cheiro desde hai 2 meses. Por non falar da diminución dos fumes ou do pomposo proxecto para disimular as vergonzas da fábrica, un proxecto que –con seguridade- nunca será unha realidade. Pero, ademais, cos datos de vertido á Ría correspondentes ao ano 2013 na man, podemos afirmar que ENCE incumpre de forma sistemática a lexislación para Sólidos en Suspensión, Demanda Química de Osíxeno e Demanda Biolóxica de Osíxeno. Onde están as bondades de ENCE? O dito, dime do que presumes e direiche do que careces!

apdr

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s