Faltoulle tempo á realidade para deixar en evidencia ao director de ENCE en Pontevedra, Antonio Casal, que aseguraba nunhas declaracións públicas hai un par de días que tras a parada técnica anual, a fábrica ía ser un modelo en emisións olorosas e fumes. Onte mércores, CELULOSAS cheirou coma nos seus mellores momentos e a presenza de fume segue a ser evidente. Claro que ao mellor é que a cidadanía da nosa comarca non sabe distinguir cheiros nin fumes e o que semellaba pestilente non era máis que o sutil aroma do perfume de ENCE, ese perfume con toques metálicos e notas de mercaptanos tan característico da fábrica de Lourizán e polo que a nosa cidade é coñecida ao longo do mundo. Con seguridade, o que calquera de nós podería describir coma fume, non era senón o alento de ENCE; así o explicaba o Sr. Casal, dun xeito sinxelo, para que calquera de nós, xente inculta e que non somos quen de entender a realidade, poideramos estar tranquilos cando miremos que eses penachos seguen saindo a cotío polas chemineas do complexo industrial. Os fumes de ENCE (por suposto, vapor de auga!) prodúcense no inverno, polo frio, como cando nós respiramos…
Xa abonda de mentiras Sr. Casal! Se non é quen Vde. de dicir a verdade no número de empregados que ten a fábrica (238), coma nos vai facer crer o conto do alento de ENCE! Como nos vai facer crer toda esa sarta de mentiras que están a publicitar desde hai un tempo a golpe de pasta. Pero, en todo caso, saiba que cando un alento apesta, como apesta o da fábrica de Lourizán, é que algo malo está ocurrindo no interior do corpo, un corpo que no caso de ENCE leva xa moitos anos podre e trasmite podremia e destrución á Ría, á economía da comarca e á calidade de vida e saúde das persoas.