ENCE, o fraude na certificación forestal baixo estándares FSC

ence-elnosaA Asociación Pola Defensa da Ría vén seguindo, desde o seu inicio no ano 2010, o proceso de certificación de xestión forestal sostible baixo estándares do Forest Stewardship Council (FSC) de ENCE Enerxía e Celulosa. Daquela, concedéuselle o selo FSC e a APDR presentou unha queixa solicitando a cancelación do certificado en base ás evidencias de incumprimento dos principios de xestión establecidos polo FSC, nomeadamente dos 5, 6 e 10, que buscan garantir precisamente a sustentabilidade ambiental, económica e social. A pesar do manifesto destes incumprimentos, e sen aportar ningún tipo de evidencia de ter verificado os indicadores establecidos polos estándares de certificación do FSC no estado español (aspectos comprobables de modo claro), a empresa Bureau Veritas concedeu –de forma fraudulenta, xa que logo- o certificado que ENCE posúe desde 2011.

Dende entón, a través da Federación Ecoloxista Galega da que a APDR forma parte, téñense dirixido queixas formais tanto ao FSC Internacional coma á empresa certificadora Bureau Veritas polo fraude que está a cometer e expresado á propia ENCE cales son os feitos concretos que implican un incumprimento grave dos principios da certificación forestal sostible e que básicamente se centran no impacto paisaxístico, na destrución de biodiversidade, na degradación de solos, no incremento do risco de incendios e na perda de usos e recursos do monte.

En Outubro de 2013, Bureau Veritas, concedeu un único certificado á empresa ENCE Enerxía e Celulosa no estado español. Esta disparatada certificación en grupo, na que se mesturan parcelas con condicións climáticas, ambientais e socioeconómicas moi diferentes en terreos que distan entre si centos de Kms, parece formar parte dunha estratexia para mesturar, confundir e intentar camuflar as deficiencias nas partes, para diluír a mala xestión e o dano ambiental nunha grande diversidade de despropósitos no conxunto.

A Asociación Pola Defensa da Ría, durante todo o proceso amosou con claridade e absoluta concreción os incumprimentos e deficiencias no proceso de certificación aportando evidencias destes incumprimentos. Agora, a empresa de certificación Bureau Veritas, vén de realizar unha auditoría de seguimento na que debería comprobar o grao de cumprimento dos estándares de certificación.

Diante desta empresa de certificación, nos últimos meses, a APDR veu denunciando o feito de que se oculte a situación da superficie certificada, botando abaixo un dos pilares do FSC, o da transparencia nas operacións certificadas; denunciou tamén, con evidencias claras relativas a parcelas concretas, o feito de que se utilicen prácticas de cultivo que implican unha forte degradación física dos solos e aportou documentos que proban estes feitos. Tamén se denunciou a degradación química e biolóxica nos solos onde se plantan os eucaliptos debido á utilización de potentes agrotóxicos. A consecuencia é evidente: a perda irreversible de solo. A utilización de maquinaria pesada, a alteración de perfiles edáficos, a falla de diversidade nas plantacións ou o uso abusivo de agrotóxicos atentan contra a biodiversidade e as paisaxes e favorecen a perda de grandes cantidades de solo fértil por erosión.

Pero a pesar de ter coñecemento destes feitos, o equipo de certificación de Bureau Veritas, máis preocupado polos beneficios da certificación que polo cumprimento das normas asociadas á mesma, vai renovar e manter a certificación a ENCE o que constitúe un engano ao consumidor que, ignorando as graves deficiencias do sistema, deposita a súa confianza no selo. Esta indebida certificación da xestión forestal de ENCE e outras  que se están a denunciar en todo o mundo, nas que se certifica sen que exista respecto aos principios do FSC, amosa un alto nivel de corrupción no sistema. Un síntoma claro da corrupción que impera no sistema é o feito de que incumpra os seus propios protocolos de atención ás queixas para favorecer ás empresas que se lucran co selo. A pesar de que este protocolo obriga a respostar ás reclamación presentadas aos certificados nun prazo de 3 meses, FSC non ten respostado á reclamación formal presentada hai máis de tres anos pola APDR a través da Federación Ecoloxista Galega.

A Asociación Pola Defensa da Ría quere denunciar publicamente  cal é a realidade do certificado forestal que se vai a conceder a ENCE e que responde á complicidade entre os xestores do sistema FSC que non respectan as súas propias normas, a empresa certificada, ENCE, que non amosa intención de mellorar de forma significativa a súa xestión forestal e a empresa certificadora, Bureau Veritas, que ampara e enmascara os incumprimentos dos estándares de xestión forestal sostible. Esta alianza está levando a que se manteña unha certificación fraudulenta que valeira de contido ao selo: o feito de que un produto leve un selo FSC non garante que este proceda dunha fonte sostible, so fala do sucio negocio que se oculta detrás do mesmo.

apdr

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s