Sábado 27, “andaina polo Monte Pituco no solpor”

A Asociación Monte Pituco de Marín organiza unha “andaina polo Monte Pituco no solpor”, que se realizará o vindeiro sábado 27 de setembro con saída ás 17:30 horas dende a arboreda do Pituco, na estrada de Figueirido EP-0019, a carón do cruce coa pista do Regueiriño. O obxectivo desta ruta -de tres horas de duración e cunha dificultade media/baixa- é dar a coñecer os gravados rupestres da contorna, coa posibilidade de observalos coa luz do atardecer, cando os gravados prehistóricos se aprecian en condicións óptimas.

AndainaPituco_27setem

No itinerario programado atópanse os conxuntos rupestres do Pornedo, da Carrasca e de Champás, e os petroglifos de Sete Camiños e Pinal de Caeiro, todos eles situados no monte veciñal da parroquia de San Xulián. Este roteiro tamén pretende poñer en valor o monte, sensibilizar a cidadanía sobre a necesidade de conservar e protexer este patrimonio arqueolóxico, catalogado como Ben de Interese Cultural.

Así como noutros montes comunais da contorna -Salcedo (Pontevedra), Combarro (Poio), Lantaño (Portas), Tourón (Ponte Caldelas), Ramallosa (Baiona)…- se aposta pola promoción da natureza e do medio ambiente, pola recuperación do patrimonio arqueolóxico e etnográfico, o monte veciñal de San Xulián posúe un enorme potencial que pasa completamente desapercibido por falta de mantemento e sinalización, que conleva o seu descoñecemento.

A veciñanza descoñece que nos petroglifos do Pornedo conviven formas xeométricas circulares con figuras de armas, que acentúan a súa singularidade; que os gravados rupestres de Sete Camiños son das poucas representacións zoomorfas localizadas nesta zona; que o de Pinal de Caeiro é coñecido popularmente como ‘O ciclista’ pola súa atípica morfoloxía semellante a unha bicicleta. Como tamén se ignora que o conxunto rupestre da Carrasca nada ten que envexar aos famosos petroglifos de Mogor; ou o carácter monumental do conxunto rupestre de Champás, cuns penedos dispostos en forma de asento que lle mereceron o nome de “silla de Champás”.

Boa parte deste patrimonio corre o risco de desaparecer porque está afectado por diversos proxectos de infraestruturas, como o polígono industrial contemplado no PXOM ou a nova rede de abastecemento de auga. A Asociación Monte Pituco ten interpostos senllos recursos contra os plans do Concello de Marín e da Xunta de destruír este monte, clasificado como Espazo Natural no ámbito dos Montes do Morrazo.

A organización desta “andaina polo Monte Pituco no solpor” responde á demanda do público que asistiu á ruta realizada en agosto pola zona incluida no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que abrangue os montes veciñais de San Xulián de Marín e de Salcedo e Lourizán, en Pontevedra. Daquela, unhas 80 persoas asistiron ao roteiro e amosaron o seu interese polos bens de carácter histórico que contén esta área, a súa beleza paisaxística e o patrimonio inmaterial que o complementa, en forma de lendas recollidas da tradición oral.

O itinerario será circular e discurrirá pola pista forestal do Pituco, por antigos camiños de monte e por un treito da pista de servizo da variante de Marín. A andaina rematará no punto de partida, con música e petiscos. En caso de chuvia, adiaríase ata novo aviso.

LIGAZÓN AO BLOGUE DO MONTE PITUCO, COA INFORMACIÓN DA RUTA:
https://montepituco.wordpress.com/2014/09/18/27-de-setembro-as-1730h-nova-andaina-polo-pituco/

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s