Roteiro pola protección do Carballal de Coiro

Despois do parón do verán, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo retoma os seus roteiros este outono para dar a coñecer a riqueza natural, paisaxística e patrimonial dos Montes do Morrazo e os espazos da súa contorna, reivindicando así mesmo a súa adecuada protección.

O primeiro destes roteiros terá lugar o vindeiro 12 de outubro, será circular, e servirá para coñecer o Carballal de Coiro, espazo natural que, xunto co dos Montes do Morrazo e outros ampliables, a Plataforma reclamou á Xunta da Galiza en marzo do 2012 a súa inclusión como un novo Lugar de Importancia Comunitaria na ampliación da Rede Natura por considerarmolos un espazo de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico complementario para os espazos naturais protexidos do litoral.

área de ribeira e fervenzas do rego Bouzós

O roteiro que sairá ás 11h desde o igrexario de Coiro (Cangas) transcorrerá por viais rurais, forestais, camiños de pé, corredoiras, e tramos do sendeiro de curto percorrido dos abades, pasando polo núcleo rural do igrexario de Coiro, baixo viaduto do corredor de alta capacidade do Morrazo, área de ribeira do rego do Bouzós, Esperón, Chans de Ermelo, alto da Paralaia, Monte Xestoso, Fonte das Augas, Pouso das Cruces, Pedra da Pena, Espiñeiro, segundo paso baixo viaduto do corredor de alta capacidade, para chegar sobre as 14h ao mesmo punto da saída, o igrexario de Coiro.

Durante o percorrido as e os asistentes poderán gozar de distintos puntos de interese entre os que cabe destacar o núcleo rural de Coiro; carballeiras, ribeira e fervenzas do rego Bouzós, bosque de ribeira e carballeiras en Esperón; miradoiro do Alto da Paralaia (445 m. sobre a ría de Vigo); uceiras de Chans de Ermelo e Monte Xestoso; carballeiras da Fonte das Augas e de Pouso das Cruces; Pedra da Pena (235 m. sobre a ría de Vigo).

O Carballal de Coiro cunhas 365 h. de terreo repartidas polos concellos de Cangas, Moaña e Bueu, representa o mellor expoñente de formación de bosque caducifolio de clima oceánico, con predominio do carballo, da península do Morrazo. E tamén un dos máis importantes das Rías Baixas dentro do hábitat de interese comunitario das carballeiras galaico-portuguesas.

A súa catalogación urbanística na actualidade como solo rústico de especial protección de espazos naturais a nivel provincial é insuficiente ao non ter a categoría de espazo natural protexido.

As principais ameazas, asociado á falta de protección ambiental, son o espallamento da eucaliptización e de outras especies alóctonas, invasoras e pirófitas (acacias e pseudoacacias), as talas e perda de carballeira e arborado autóctono, a forestación e perda dos uceirais en monte aberto, o proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo e a área de desenvolvemento eólica do Morrazo. Na década pasada tamén estivo ameazado por un proxecto de “investigación mineira” para extraer “granito ornamental”.

Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada pola estrada EP-1001 que atravesa a parroquia de Coiro, á que se enlaza vindo de Bueu a través da estrada PO-551 en A Magdalena. De Cangas polo cruce de semáforos da PO-551 polo auditorio ou polo desvío pola EP-1003 fronte ao IES Rodeira. E de Moaña a través da EP-1104 pola Ameixoada.

O igrexario de Coiro está a uns 100 metros en subida da EP-1101, tralo paso polo cruceiro e o centro cultural parroquial fronte á Taberna Galega Pan de Millo.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento no adro do igrexario, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima compartindo os seus vehículos con outras persoas. Roupa e calzado apropiados para a estación outonal.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s