Unha canteira en pleno Parque de Corrubedo, LIC, ZEPA, ZEC e humidal Ramsar? Coa Xunta todo é posíbel

Canteira-pan

O complexo húmido de Corrubedo atópase na encrucillada de seguir sendo un espazo representativo para a conservación da diversidade natural galega, ou converterse nun entorno onde como en tantos outros, os seus valores e potencial natural fican ao servizo dos intereses especulativos, urbanísticos e industriais.

22 anos despois da súa declaración, o parque natural de Corrubedo segue sen un PORN (Plano de Ordeamento dos Recursos Naturais) actualizado e aínda non conta cun PRUX (Plano Reitor de Uso e Xestión), malia a ser obrigatorio por lei. A consecuencia disto, multitude de actividades agresivas téñense desenvolvido na súa contorna e mesmo no seu interior, autorizadas ao criterio do director de turno.

Unha destas actividades manifestamente incompatíbeis que se desenvolve dentro do mesmo parque natural é a canteira de Casalnovo, de recente actualidade por ter guindado nunha voadura, unha rocha de 4kg contra o tellado dunha casa, atravesándoo, a case medio quilómetro da explotación. A corta da canteira fica por escasos metros fóra do Parque Natural, mais as instalacións de procesado da rocha para area e grava están dentro da superficie do parque.

Explosións, ruidos e verteduras á atmosfera e á auga

Resulta inconcebíbel que esta instalación leve operando máis de 22 anos xa non só nos arredores, senón mesmo dentro do espazo protexido. Explosións, ruidos da maquinaria pesada, pó en suspensión e sedimentos arrastrados pola auga que van a parar á lagoa do Carregal, colmatándoa, seguen a convivir coa biodiversidade en perigo perante a desidia das administracións. Mentres, veciñanza, propietarios e visitantes deben respectar as necesarias limitacións impostas polo parque, criándose un agravio comparativo que derteriora a percepción social dos espazos protexidos.

No parque natural máis visitado da rede galega, os perxuízos desta instalación non son só ambientais ou paisaxísticos. A merma da imaxe e da calidade ambiental provocada pola canteira de Casalnovo, podería cuantificarse como lucro cesante, é sen dúbida moito maior que as perdas derivadas do cese da actividade e os custos de pechala.

7 anos e 80.000€ gastados nun novo PORN esquecido nun caixón

Que a administración incumpra sistemáticamente as leis e deixe a estes espazos sen os instrumentos para a súa correcta xestión, non é só neglixencia: é un delicto. O Parque de Corrubedo leva dende 1992 sen PRUX (Plano Reitor de Uso e Xestión) e traballando cun PORN (tamén de 1992) anticuado e caduco. En 3 escasas páxinas, a Xunta estabeceu a zonificación e os usos prohibidos e permitidos, entre os que está a urbanización nun perímetro de 200m dentro do propio parque natural, si así o dispuña o PXOM de Ribeira. Este estremo, ademais de ser insólito, é ilegal xa que un Plano Urbanístico nunca pode prevalecer sobre un PORN.

Para subsanar esta anomalía en 2006 a administración licitou un novo PORN que se redactou en 2007. Este novo plano, elaborado pola USC custou 80.000€ e ficou esquecido dende que o PP chegou á Xunta. Alén de adaptarse á nova lexislación europea, estatal e autonómica o documento establecía unhas condicións ambientalmente máis dignas para este emblemático espazo: ampliaba a superficie do LIC un 79% (máis de 16.500 ha) e conectaba o parque co sector norte, no concello de Porto do Son, através dun corredor ecolóxico.

O raposo, ao coidado das galiñas

Os espazos naturais protexidos poden ser oportunidades de mellora na calidade de vida da poboación residente, se se acompañan dos seus específicos planos de investimento, das compensacións xustas para os seus habitantes e de iniciacivas de desenvolvemento sustentábel. Mais neles non vale todo, e moito menos actividades que subvirten e perxudican o principal obxectivo destes espazos: preservar o noso patrimonio natural.

Ao fío do sangrante caso de Corrubedo, non é pois de estranar que o que fora director do parque dende 1992 até o 2000 e redactor do rocambolesco PORN aínda vixente, Rogelio Fernández, teña que declarar este 14 de novembro no xulgado acusado pola Fiscalía de falsidade documental, prevaricación e delicto ecolóxico.

O actual xefe do servizo de conservación da Coruña foi tamén o que en 2013, e sendo máximo responsábel en funcións de Conservación da Natureza, marchou de vacacións a Colombia mentres o Monte Pindo ardía a cachón.

Dende ADEGA agardamos que con este caso fágase tamén xustiza con todos os espazos protexidos que, como Corrubedo, foron aldraxados e degradados polo desleixo dos malos administradores.

adega

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s