Por un modelo participativo e descentralizado de xestión de residuos baseado na política dos 3Rs

Diante do debate suscitado en Pontevedra pola proposta de instalación dunha Planta de compostaxe en terreos do municipio, desde a APDR queremos subliñar o seguinte:

.
scale.php1.- A APDR apostou desde sempre por un modelo participativo e descentralizado de xestión de residuos sólidos urbanos (RSU) sostíbel, un modelo baseado na política das 3Rs e que inclúe a compostaxe, conscientes de que a actual produción de residuos está a ser un dos problemas ambientais máis graves da nosa sociedade xa que, directa ou indirectamente, está a provocar esgotamento de recursos, contaminación da auga e da atmosfera, destrución de solos e ecosistemas e destrución e desaproveitamento de materiais útiles:

– Neste sentido, a APDR participou –xunto a outros colectivos- no lanzamento e presentación no Parlamento galego no 2012 dunha Iniciativa Lexislativa Popular para a aplicación efectiva dos principios de Reducion, Reutilización e Reciclaxe de Residuos en Galicia (rexeitada so polos votos do Partido Popular), unha iniciativa contraria á política contaminante e de despilfarro enerxético e ao impacto negativo ao desenvolvemento local do plan SOGAMA (impulsado pola Xunta) baseada en grandes vertedoiros (como o de Areosa en Cerceda) e de incineración (tamén en Cerdeda), denunciada por organizacións ecoloxistas e sociais en maio de 2013 na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo polo incumprimento sistemático das 3 Directivas europeas (de Vertido, de Envases e Marco de residuos).

– A APDR tamén solicitou no 2013 participar no plan de xestión de residuos sólidos da Deputación Provincial de Pontevedra sen lograr contestación ningunha.

– A APDR descoñece o proxecto de Planta de Compostaxe proposto polo Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial; en calquera caso, consideramos que calquera alternativa baseada na política das 3Rs debe contemplar un modelo participativo en todas as súas fases.

2.- Non se pode confundir unha planta de compostaxe cunha empacadora, cunha incineradora ou cun vertedoiro:
Nos vertedoiros almacénanse e acumúlanse todo tipo de residuos mesturados o que provoca un forte impacto ambiental e contaminación do solo, auga e ar. O plan SOGAMA, en Cerceda, ten un enorme vertedoiro de lixo.

Nas empacadoras, o lixo e empaquetado para continuar logo o proceso de tratamento que, no caso de SOGAMA, é a incineración.

Nas incineradoras (como a de SOGAMA, en Cerceda) quéimanse toneladas de residuos mesturados, sen reciclaxe, o que provoca a emisión de metais pesados e outras substancias canceríxenas como as dioxinas á atmosfera.

Nun modelo descentralizado, non contaminante e baseado na política das 3Rs –o modelo que se está a impoñer a nivel europeo- non teñen cabida este tipo de instalacións. Por outra banda, nunha planta de compostaxe, os residuos orgánicos recollidos, previamente seleccionados en orixe, transfórmanse mediante un proceso natural (polo labor das miñocas) nun excelente abono (o compost) para árbores e cultivos enriquecendo o solo e favorecendo o aumento da produción, tal e como ocorre na natureza desde miles de anos e nos nosos campos de cultivo. Desde cando no rural galego os restos orgánicos foron considerados residuos? tradicionalmente os restos orgánicos foron unha forma de abono rico en nutrientes moi valorado para o solo e para os cultivos.

3.- Unha xestión descentralizada de residuos baseada na política das 3Rs e na compostaxe, ademais de dar valor aos residuos urbanos, é complementaria cunha xestión forestal sustentábel e favorece o desenvolvemento local, a educación ambiental e a participación da cidadanía:

A mestura dos residuos orgánicos co rozado forestal axuda á limpeza do monte e á prevención de incendios, e pecha o ciclo no propio monte, como sempre fixo a natureza, na liña dunha xestión forestal sustentábel.

A tecnoloxía dunha planta de compostaxe é moi sinxela, máis precisa técnicos/as, operarios/as e educadores/as ambientais,… e promove o desenvolvemento local ao contrario que o modelo SOGAMA.

Unha planta de compostaxe supón unha forte implicación da cidadanía, xa que necesita dunha boa separación da materia orgánica en orixe, que debería implicar unha educación ambiental previa na comunidade e formas participativas da xestión.

4.- Para a APDR, no caso da planta de compostaxe que nos ocupa (da que mesmo descoñecemos se existe ou non algún proxecto técnico concreto) existe unha absoluta falta de información por parte do Concello e da Deputación; neste sentido, solicitamos de ámbolas administracións toda a información existente ao respecto e que se abran canles de participación activa da cidadanía neste proceso, un proceso no que –entendemos- debemos participar. Unha vez máis, solicitamos á Deputación Provincial de Pontevedra a participación na elaboración e aplicación dun plan de xestión de residuos sólidos para a provincia.

Consideramos que gran parte do éxito na implantación de calquera sistema de xestión de residuos sólidos urbanos (RSU) sostíbel, depende da colaboración e do grado de participación real da cidadanía. Tal e como se propón no manifesto da Plataforma Galega contra a incineración e reciclaxe no 2011, “o público non só debe estar informado senón tamén poder avaliar a participar activamente no proceso desde o inicio, achegando propostas, avaliando resultados e contribuíndo a solucionar os problemas que vaian xurdindo” .

apdr

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s