A APDR presenta alegacións ao expediente de caducidade da concesión a ENCE

ence-elnosa

Como é sabido, a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) ten solicitado ser considerada como parte interesada no expediente de caducidade da concesión aberto a ENCE, unha consideración que vén de conceder o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente y que –entre outras cousas- permitiulle á asociación ter acceso a consultar o citado expediente e formular alegacións ao mesmo.

.

Neste sentido, dentro do prazo legal establecido, a APDR ten formulado escrito de alegacións ao expediente facendo especial fincapé naqueles aspectos relativos aos incumprimentos de carácter medioambiental incluídos polo Ministerio como causas de posíbel caducidade da concesión no seu escrito ao Servizo Provincial de Costas. Como se lembrará, no citado escrito, o Ministerio indicaba a necesidade de ampliar as causas de caducidade da concesión de Ence en Lourizán aos incumprimentos en materia de danos ambientais e á saúde das persoas e pola situación das balsas de decantación agora supostamente en desuso, e do emisario submarino, aspectos todos eles obxecto de múltiples denuncias públicas e xudiciais por parte da APDR. En efecto, tal como dí agora o Ministerio, a condición 8ª do título concesional obriga á empresa a “adoptar todas as medidas que se lle impoñan para reducir a toxicidade das augas residuais ata os límites que permitan a vida do marisco e da pesca” e así mesmo, “todas as precaucións necesarias para evitar malos cheiros, fumes, pós, gases tóxicos e cantas circunstancias poidan ser molestas para o veciñanza e nocivas para a saúde” unhas obrigas que foron –e continúan a ser- incumpridas case sistematicamente ao longo da existencia da empresa na enseada de Lourizán. E temos considerado tamén na APDR, o feito de que na concesión outorgada a ENCE o 13 de xuño de 1958 fixe en 20 ppm o límite máximo de DBO admisíbel nos vertidos de ENCE á Ría, sendo a súa superación causa de caducidade da concesión.

Parte a APDR da evidencia de que a estas alturas xa ninguén pon en dúbida que a empresa ENCE ten contaminado de forma importante o medio ambiente mariño e afectado á calidade do ar e á saúde da veciñanza cos seus cheiros, fumes e gases tóxicos, aspectos todos eles considerados polo citado Servizo como causas de caducidade da concesión e valorados pola Audiencia Provincial de Pontevedra no ano 2002 para ditar condena por delito ecolóxico e danos á saúde.

E remite a Asociación aos datos de vertido facilitados por ENCE á administración galega desde 2005 a 2014, e aos correspondentes ás inspeccións realizadas pola propia administración nos últimos anos, para demostrar que esta situación de ilegalidade e incumprimento da lexislación segue producíndose no momento actual, razón que –evidentemente- debera levar ao Ministerio a decretar a caducidade da concesión de ENCE e, xa que logo, a non concederlle ningunha prórroga que permita a súa continuidade na Ría de Pontevedra.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s