Resumo Asemblea da FEG

A Federación Ecoloxista Galega levou a cabo o pasado 14 de marzo a 25 Asemblea Xeral, en Santiago de Compostela, no propio local da FEG. Fíxose repaso ás actividades realizadas durante o último ano, renovouse o cargo da tesouraría e aprobouse o plano de traballo para o ano 2015-2016.

Foto_FEG_2_b

Informe de actividades

Dentro do marco das TIC, a Federación Ecoloxista Galega continúa a apostar pola divulgación cara o exterior das actividades realizadas polos colectivos socios e das actividades propias; a comunicación interna ligada á coordinación de iniciativas e á facilitación de información aos colectivos; tamén se divulgaron eventos, novas e iniciativas sobre o ambiente e problemáticas socio-ambientais que, sen ter unha relación directa coa Federación, podan ser de interese. Destaca tamén o envío regular de avisos aos grupos sobre os anuncios da Xunta de Galicia en relación aos procesos públicos de consulta.

Nos últimos meses realizáronse posicionamentos públicos conxuntamente con outros colectivos ambientais e sociais sobre temáticas diversas: o borrador do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Natural das Fragas do Eume e as actuacións de ENDESA no encoro do Eume; o ataque do exército español aos activistas de Greenpeace en Canarias; a ampliación da Rede Natura 2000 ou a taxa de reciclaxe da planta de Nostián.

Destaca a participación de representantes en diferentes órganos consultivos: Xunta Consultiva do Parque Natural Fragas do Eume, Observatorio Galego de Educación Ambiental, Xunta Consultiva do Parque Natural de Corrubedo, Consello Galego de Medio Ambiente, Consello Forestal, Observatorio Galego da Biodiversidade, grupos de traballo para a revisión do Plan Forestal de Galicia, etc.

Informe de organización

Neste último ano convén salientar a baixa de dous dos colectivos que estaban a integrar a Federación: Coto de Frade e Verbo Xido. Coto de Frade explicou na súa web que a falta de renovación real e o cansanzo acumulado nestes anos levaron á disolución da asociación antes de cumprir os vinte anos de existencia. A xente da Asociación Ecoloxista e Cultural Verbo Xido comentounos que, aínda que seguen adiante como colectivo, van centrar os seus esforzos no Centro Etnográfico de Terra de Montes (CETMO). Moitas grazas ás amigas e amigos de Coto de Frade e de Verbo Xido polo traballo feito, por ter confiando na Federación e por compartir estes anos connosco!!

Informe económico

Ingresos        (2014)     9.342,82€
Gastos           (2014)     8.561,03€
Saldo inicial                14.522,05€
Saldo final                   15.303,84€

Renovación do cargo da tesouraría

Dende o pasado sábado 14, Rafael Valle Pérez é o novo tesoureiro da Federación, continuando o bo traballo realizado estes anos por Mada Meléndrez Fassbender. É de agradecer que haxa outras persoas que recollan o testemuño e, máis aínda, debemos agradecer a labor incansable de persoas como Mada, unha amiga capaz de levar adiante o labor de tesouraría e moitas outras actividades que contribúen a manter viva a Federación e sumar novas persoas ao proxecto. Grazas por todo, Mada, e esperamos seguir traballando contigo nos vindeiros anos!!

Plano de traballo

Durante a asemblea acordouse continuar o traballo de defensa do LIC Serra do Careón, fronte aos impactos da autovía A-54 e outros proxectos daniños que están a nacer ao carón desta infraestrutura e que poñen en risco a singularidade ambiental do espazo protexido. Tamén é fundamental manter a nosa participación na Rede ContraMINAacción, apoiando as iniciativas en contra das explotacións mineiras e en defensa das nosas terras.

Outras das liñas de traballo vai ser a denuncia dos novos procesos de certificación FSC que non garanten a sustentabilidade nos montes e que fomentan o monocultivo de eucaliptos e as fumigacións aéreas con tóxicos; a loita contra a contaminación electromagnética e a denuncia do uso masivo de herbicidas nas infraestruturas de transporte e na contorna urbana. O proceso de negociacións e as posibles consecuencias do Tratado Transatlántico de Comercio e Inversións (TTIP nas súas siglas en inglés) e a necesidade de apostar pola compostaxe dos residuos orgánicos serán tamén outros dos temas de interese nos próximos meses.

Queremos aproveitar tamén este ano para desenvolver encontros de traballo entre diferentes colectivos e encontros para pensarmos o ecoloxismo, a situación actual, as necesidades e as novas formas de defender a Terra e as persoas.

Tampouco nos esquecemos das eleccións municipais polo que, igual que outros anos e xunto co resto de colectivos ecoloxistas, faremos propostas claras para o desenvolvemento de actuacións políticas sustentábeis e socialmente xustas a nivel local.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s