ENCE: Promesas desde o leito de morte

11164045_890141337714386_614533892406216357_n

Logo de 50 anos de destrución e desarranxo ambiental, ENCE ofrécenos o paraíso a cambio da permanencia en Lourizán mais alá do 2018; pero xa é demasiado tarde e –por reiteradas- xa ninguén na comarca cre as mentiras dos directivos da fábrica de pasta de papel. Quen vai crer nestas promesas cando levan facendo todo o contrario ao longo da súa historia na Ría? Porque non o fixeron ata agora? Simplemente porque non o van facer nunca!

Milleiros de postos de traballo, eliminación das molestias á cidadanía, devolución da auga roubada ao Lérez, fin da contaminación da Ría, creación de riqueza e benestar… e, xa postos, porque non prometer a recuperación das praias e o banco marisqueiro de Os Praceres hoxe soterradas baixo os recheos que ocupa a fábrica?

E din que Pontevedra forma parte da súa “esencia”… Por desgraza, a “esencia” de ENCE si que forma parte de Pontevedra e das nosas vidas, unha realidade que xa hai anos concretamos na APDR coa creación do perfume “esENCE da Ría” e que seguimos padecendo diariamente e cunha duración moi por riba deses 3 minutos e medio que din os seus responsábeis.

E tal como fixeran para conseguir a Autorización Ambiental Integrada (AAI), botan man do chamado acordo de supramunicipalidade de Fraga para pasar –máis unha vez- por riba do Concello de Pontevedra e conseguir a licenza para –como expresaba graficamente o Sr. de Colmenares- “disimular a presenza de ENCE na Ría”. Esquecen que o tal acordo foi anulado polo Tribunal Supremo que, ao tempo, deixaba sen valor a propia AAI da empresa. Agardamos que desde o Concello se impida tal pretensión.

Alegrámonos de que ENCE –aínda que tarde- teña decidido “non defraudar a Pontevedra”, porque o único xeito de non defraudar á cidadanía pontevedresa é pechar a fábrica e deixar libre o espazo que hoxe ocupa na Ría; porque A RÍA É NOSA E NON DA CELULOSA, e farían ben en gardar eses 71 millóns de euros que din van investir nos 3 vindeiros anos no lavado de cara da fábrica para cando teñan que abandonar a Ría e deixar os terreos que ocupa no estado no que se atopaban cando chegaron a Lourizán. Porque ENCE é unha empresa morta por máis que o PP se empeñe en resucitala facendo gala da súa aposta por unha política industrial do pasado franquista que ten fracasado como fonte de desenvolvemento económico e creación de emprego.

Xa por último, queremos chamar a atención sobre un feito que –a pesar da súa importancia- pasou practicamente desapercibido nos medios de comunicación; a presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Sr. Louzán, na xunta xeral de accionistas de ENCE, é un feito que non se sostén nunha sociedade democrática. Por máis que estivese en calidade de convidado, non se sostén que un cargo público apoie coa súa presenza as decisións empresariais dunha empresa privada, e máis cando se trata dunha empresa caracterizada polo seu incumprimento sistemático da legalidade, que foi condenada pola comisión dun delito ecolóxico continuado e que ten destruído o medio natural e a economía da comarca. E, neste sentido, o Sr. Louzán queda deslexitimado –como parte interesada- no debate pola permanencia de ENCE na Ría de Pontevedra. Claro que iso ao PP, verdadeiro valedor dos intereses de ENCE na súa carreira pola permanencia en Lourizán, pouco lle pode preocupar; a coherencia, a dignidade e a defensa do interese público non están no seu caderno de valores éticos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s