Xa van cinco anos de intentos de instalar unha macroincineradora de biomasa forestal no Condado. Desde o primeiro momento, no que se pretendeu a localización de Ribadetea (Ponteareas), a Asociación Ecoloxista ADENCO ten presentado diferentes alegacións, escritos e solicitudes ademais de facilitar información á veciñanza do Condado.
A presión popular e a acción dos movementos sociais conseguiu que o proxecto de Ribadetea non continuase a tramitación administrativa e que a empresa tratase de levar o proxecto de macroincineradora ao concello de Mondariz.
A Consellería inicia un novo período de consultas sobre a necesidade de someter o proxecto de macroincineradora a unha avaliación de impacto ambiental.
O proxecto tivo unha tramitación ambiental no ano 2013, no que presentou alegacións ADENCO, e que concluíu por parte da consellería a necesidade de someter o proxecto a unha avaliación de impacto ambiental.
Sorprendentemente o turbulento proceso administrativo da planta dá unha nova volta. Así, a Consellería decidiu agora iniciar un novo período de consultas sobre a necesidade de someter o proxecto de macroincineradora a unha avaliación de impacto ambiental. Desde ADENCO considérase inaudita esta volta atrás por parte da Administración e reitéraselle á Consellería a necesidade da realización dunha avaliación de impacto ambiental do proxecto.
Cómpre lembrar que o proxecto provocaría importantes impactos para a veciñanza e para os montes da Comarca, posto que se prevé que a planta de 10 MW de potencia (o máximo permitido pola lexislación autonómica) consuma grandes cantidades de auga, e precise queimar unhas 300 Toneladas diarias de biomasa que provocarían emisións contaminantes. O proxecto tamén favorecería o uso intensivo de cultivos enerxéticos con especies alóctonas como a paulownia, só destinados para a súa queima.
ADENCO oponse a esta instalación e propón un modelo sustentable de xestión do monte.
Desde ADENCO vaise a continuar denunciando o proxecto de planta de xeración eléctrica a partir incineración de biomasa forestal en Mondariz, no lugar d’A Lagoa, e informando dos impactos que tería a planta e animando aos veciños a organizarse contra o proxecto.
Do mesmo xeito, continuarase a informar sobre as alternativas existentes na xestión da biomasa que poderían crear emprego no Condado sen causar impactos na veciñanza nin nos montes da Comarca e cun investimento moito menor. Desde ADENCO proponse un modelo de xestión multifuncional do monte onde o respecto polo medio ambiente e o uso social adquiran relevancia e no que a biomasa poida ser utilizada para iniciativas económicas sustentables como a introdución de gando en extensivo para o control do mato ou a compostaxe da biomasa, actividades realizadas de xeito tradicional na nosa Comarca.