Moitos dos lumes que arrasan o país comezan prendendo nun despacho

ArdeGaliza15Para ADEGA as causas estruturais dos incendios forestais están xa suficientemente diagnosticadas dende hai anos, e as medidas precisas para reducir a súa incidencia son tamén coñecidas. A pregunta é como unha administración que ten a cacidade técnica e xurídica para poñelas en marcha, alén de non o facer, mesmo lexisla en sentido contrario (Lei de Montes galega e estatal que permite recualificar terreos queimados, Lei de Caza, nova Lei do Solo, Plano Forestal, Plano da Minaría, Orde de cultivos enertxéticos…) para seguir permitindo o deterioro do mundo rural abocado ao abandono, o lume e os eucaliptos.

Nula prevención, recurtes, máis superficie de pirófitas, menos franxas de protección, forestación de terras agrarias, cultivos enerxéticos, privatización encoberta das CCMM, uso do lume como ferramenta… Moitos dos lumes que arrasan arestora o país prendéronse tamén nos despachos.

Dende 1988 até hoxe en Galiza, e segundo datos oficiais, téñense producido máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 has. de monte, das que preto de 200.000 has. eran de arboredo.

Dende 1995, hai uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 Km2 de superficie forestal –a media estatal é dun incendio por cada 25 Km2. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal estatal, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada.

O monte é un sector estratéxico para a sustentabilidade ecolóxica e social do país. Os incendios causan graves prexuízos ambientais, sociais e económicos e seguen a ser un dos principais problemas da nosa terra. Non é posíbel avanzarmos na solución deste problema que nos atinxe a todos e todas sen información, educación ambiental e participación social.

Dez medidas para loitar eficazmente contra os lumes

1. Un ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa. Evitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural.

2. Unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas (regulación do ciclo hídrico, sumidoiro de carbono, reserva de biodiversidade) e sociais.

3. Un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel.

4. Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano.

5. Planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos.

6. Labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas.

7. Promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte.

8. Profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos.

9. Rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas.

10. Fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio. Formar e informar especialmente ás Comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s