Roteiro pola protección do Monte da Paralaia

carballeira e corredoira de MataxenteA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 15 de novembro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do Monte da Paralaia e a súa contorna natural, compartido entre os concellos de Moaña e Bueu e integrado dentro de espazo natural do Carballal de Coiro en solo rústico de especial protección de espazos naturais segundo as NN CC e SS de Planeamento Urbanístico da provincia de Pontevedra.

O roteiro, segundo deste outono, será circular e sairá as 10 da mañá do Igrexario románico-barroco de San Martiño (Moaña), para chegar ás 13 h. ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por vial rural, pista forestal, corredoira e camiños por Outeiro do Cruceiro, A Xalde, Paralaia, Outeiro da Paralaia, Chans de Ermelo, Alto do Xestoso, Toxal de Fonte das Eguas, Mataxente, Xestoso e Xalde.

Os puntos de maior interese a visitar son as carballeiras e soutos de castiñeiros da Paralaia -de interese natural e forestal-, Cova da Paralaia -de interese xeolóxico, natural e cultural-, Outeiro da Paralaia -penedía granítica con amplas panorámicas dos vales do rego do Inferno e da Fraga e do espazo natural dos Montes do Morrazo-, Chans de Ermelo, con bidueiral e monte baixo de matogueira – de interese natural e agroforestal-, Alto do Xestoso -penedía granítica a 445 metros sobre o nivel do mar que fai de limiar entre as parroquias de San Martiño (Moaña) e Santiago de Ermelo (Bueu) e supón a cota máis alta do espazo natural do Carballal de Coiro, con amplas vistas panorámicas da ría de Vigo-, formación de bolos graníticos entre a carballeira e o mato do Toxal de Fonte das Eguas -de grande valor xeolóxico, paisaxístico e natural-, carballeiras e soutos de castiñeiros de Mataxente, ribeira de nacemento do rego de Rialdarca (afluente da conca do rego do Inferno) e corredoiras empedradas do Xestoso- de grande valor natural, forestal e etnográfico-.

Contén os hábitats de interese comunitario de carballeiras galaico-portuguesas, rochedais silíceos con vexetación pioneira, breixeiras secas europeas e breixeiras oromediterraneas endémicas con xesteira e o prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada. Tamén unha importante fauna e flora salvaxe debaixo do bosque caducifolio mais en especial (aves, réptiles e morcegos) de zonas altas, rochosas e de monte aberto, ao que fai referencia a propia toponimia da zona –a orixe léxica de Paralaia está directamente relacionada coa pedra como “litotopónimo”, e Xestoso e Toxal da Fonte das Eguas, como ben o indican os seus nomes, co monte baixo da matogueira-.

Atesoura como vestixio arqueolóxico o xacemento inventariado do neolítico da Mámoa da Paralaia, perto das Chans de Ermelo, que proba a presenza humana na zona desde épocas moi remotas.

A Cova da Paralaia está relacionada así mesmo coa cultura inmaterial asociada á mitoloxía popular do sobor dos “encantamentos” e supostos “tesouros” das profundidades relacionados coa presenza “sobrenatural” de “mouros e mouras”. Ao igual ca outras formación rochosas da contorna cun perfil de abrigo, foi utilizada como “abrigueiro” até ben entrado o século pasado en relación coas actividades silvopastorís e mesmo como “refuxio” no periodo entre guerra civil española.

Os camiños empedrados están relacionados co transporte cara ás labores agroforestais e a comunicación no pasado entre parroquias -neste caso de San Martiño (Moaña) con Ermelo e Cela (Bueu)-.

As principais afeccións son a eucaliptización, a perda do monte baixo e a matogueira a costa de monocultivos forestais de piñeiro, as cortas abusivas de arborado autóctono, a falta de silvicultura, a caza indiscriminada, a mecanización da xestión forestal que conleva a erosión do solo e o soterramento dos camiños empedrados, e a creación incontrolada de circuitos de bicicletas de montaña e vehículos motorizados, que afecta así mesmo aos camiños e ao propio medio natural e forestal.

As ameazas son o proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade no Xestoso e a Área de Desenvolvemento Eólica (ADE) do Morrazo coa “ubicación alternativa” de tres aeroxeradores nas zonas máis altas do Monte da Paralaia.

Por considerarmolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma solicitou á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro (onde está integrado o monte da Paralaia e a súa contorna) máis outros ampliables.

Para se achegar ao lugar de saída accédese pola estrada EP-1104 Abelendo-Coiro, que enlaza coa EP-1001 A Madalena-Coiro na Boubeta ou coa PO-313 Marín-Moaña na Porta do Cego. Unha vez na EP-1104 hai que coller en Abelendo o desvío existente entre o Supermercado Budiño e o centro sociocultural de San Martiño que sube até o igrexario -hai unha sinal que o indica-.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado apropiados para a estación outonal.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s