A APDR advirte da deriva fraudulenta na certificación Forestal FSC

Desde que se iniciou o proceso de certificación da xestión forestal da empresa ENCE ENERGÍA Y CELULOSA baixo o esquema FSC (Forest Stewardship Council) por parte da empresa de auditoría Bureau Veritas, a Asociación Pola Defensa da Ría –dentro do proceso de reclamación contra esta certificación que a Federación Ecoloxista Galega leva adiante- tense oposto á concesión do certificado e exposto os graves incumprimentos dos principios do FSC nos que se basea esta oposición. Así mesmo, téñense transmitido con insistencia tanto a ENCE como á certificadora Bureau Veritas e aos responsables de FSC, sempre con absoluto respecto aos protocolos establecidos por este sistema, as razóns que fan imposible a concesión do selo de certificación de xestión forestal sostible e as evidencias do incumprimento dos estándares. Lonxe de aclarar os aspectos reclamados ou de, como correspondería e se ven solicitando, suspender a certificación, Bureau Veritas segue a manter o selo e a ampliar a superficie certificada cando as plantacións en Galicia, tamén no entorno forestal da Ría, son absolutamente insostibles.

Este ano, a empresa certificadora Bureau Veritas realizou unha auditoría de seguimento na que, como sempre, a APDR participou remitindo un informe de queixa no que se enumeraban as principais causas de incumprimento dos estádares do FSC aportando evidencias de tales incumprimentos. A pesar de que os actores implicados na certificación deben respostar ás queixas presentadas polos sectores interesados, hoxe, sete meses despois, nin ENCE, nin Bureau Veritas nin o FSC o fixeron; ademais a empresa certificadora ocultou esta queixa no informe público que emitiu despois da auditoría. Este feito amosa que a certificación non é máis que unha montaxe sen garantías, destinado exclusivamente ao beneficio económico tanto do propio FSC como dos auditores, neste caso, Bureau Veritas.

A complicidade entre os certificadores de Bureau Veritas e o sistema FSC permite manter suculentos beneficios deste certificado fraudulento. So en base a esta complicidade se entende que por unha parte FSC incumpra gravemente as súas propias normas internas desatendendo de modo sistemático unha reclamación formal que se mantén activa dende fai cinco anos, cando os estándares obrigan a dar unha resposta en dous meses, beneficiando así ao certificado emitido por BV.

A xestión forestal de ENCE é absolutamente insostible e incompatible cos estándares do FSC; os aspectos nos que se basea a reclamación amosan con evidencias que o modelo de xestión resulta claramente prexudicial para os solos na medida en que implica a introdución de maquinaria pesada nas parcelas, a construción de densas redes de pistas, e o uso de grandes cantidades de abonos químicos, herbicidas e insecticidas, o que se traduce na desaparición de biodiversidade, de organismos animais e vexetais nas plantacións e na perda irreversible de grandes volumes de solo por erosión (recursos que son imprescindibles para as xeracións vindeiras); tamén se denuncia a desaparición de usos e servizos ecosistémicos e sociais nas formacións forestais que xestionan. Ademais, aféctanse os recursos hídricos e imposibilítase o desenvolvemento de actividades como a apicultura, ou calquera aproveitamento do monte que non sexa o da madeira de eucalipto para pasta.

Á vista desta situación, a APDR quere denunciar a certificación fraudulenta baixo estándares FSC de ENCE e advertir ao consumidor do fraude que se comete cos produtos con selo FSC, un fraude que está a darse en plantacións certificadas en todo o mundo e que vén sendo denunciado por organizacións de defensa ambiental. Lonxe de recoñecer unha xestión forestal sostible, o selo FSC ampara hoxe xestións como a que realiza ENCE, que favorece a destrución de solos e biodiversidade e impide o desenvolvemento dos diversos de usos e servizos que os nosos montes deben aportar. Un dano irreversible que está a afectar a boa parte de Galicia.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s