O Grupo Ecoloxista ADENCO denunciou nestes días diante da Garda Civil de Ponteareas, ante a Xunta de Galicia e na Confederación Hidrográfica Miño Sil as obras que unha empresa privada estivo realizando na beira dereita do río Tea, no Concello de Ponteareas.
O Grupo Ecoloxista ADENCO denunciou os feitos e móstrase perplexo ante estes feitos, logo da comunicación recibida hai unha semana por parte da Xunta na que se constata, tras repetidas visitas por parte dos axentes forestais, que as enchentas, como sempre denunciou este Grupo Ecoloxista, tiveron un impacto inasumible no espazo. Así, constatouse que existen varios puntos do río no que o xabre desprazouse ata o cauce, que o entarimado construído foi levantado e arrastrado río abaixo e que varias pasarelas foron arrastradas ou desprazadas.
Adenco comunicou a comezos de ano a todas as administracións implicadas que seguir invertindo nesta infraestrutura é un despilfarro de recursos públicos e un ataque ao espazo natural, polo que se solicitaba a recuperación do espazo, retirando a infraestrutura e devolvendo ás beiras do Tea ao seu estado anterior. E agora a Xunta dános a razón.
Desobediencia entre administracións
No informe recibio hai uns días polo Grupo Ecoloxista ADENCO, asinado polo Xefe de Servizo da Conservación da Natureza, da delegación provincial da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e polo Delegado Territorial, recóllense as seguintes conclusións, literalmente:
“É necesario actuar en todo o percorrido das sendas e en particular considérase a restauración de determinadas zonas, volvendo a un sendeiro natural con retirada da senda construída e a retirada do xabre existente entre a senda e o río para evitar novos aportes ao río”
Pero, en sentido contrario, atopámonos con que se están a realizar obras en contra do manifestado pola Xunta de Galicia, que é unha das autoridades competentes para autorizar, ou non, calquera actuación no espazo. Adenco espera que se identifique á entidade ou persoa que ordeou as obras e que se tomen as medidas oportunas na depuración de responsabilidades.