O Grupo Ecoloxista ADENCO ten presentado por rexistro nos concellos da Comarca do Condado escritos nos que se lle solicita aos Concellos a súa implicación na loita contra a aplicación de herbicidas. Neste senso, o Grupo Ecoloxista indícalles os Concellos que lle soliciten ás autoridades con competencias nas estradas nas que se está aplicando herbicidas que suspendan as aplicacións e que, a partires de agora, empreguen métodos alternativos aos químicos, como por exemplo o desbroce mecánico.
Nos escritos ADENCO solicita tamén que os Concellos da Comarca verifiquen o cumprimento da lexislación vixente no tocante á aplicación de herbicidas, definida polo Real Decreto 1311/2012, de 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sostible dos produtos fitosanitarios. Concretamente a existencia de distancias mínimas aos puntos de extracción de auga para consumo humano, a existencia de ventos elevados nos días de aplicación e se se respetou a banda de seguridade mínima, con respecto ás masas de auga superficial.
O Grupo ADENCO está tratando de sensibilizar sobre os impactos dos herbicidas na saúde e no medio ambiente. Nese senso, varios concellos do Condado xa teñen acordado en Pleno, a proposta de ADENCO, prohibir o uso dos herbicidas en todo tipo de lugares públicos do municipio, e substituír estes produtos por métodos mecánicos e/ou biolóxicos non contaminantes, que non danan a saúde nin o medio ambiente.
ADENCO continuará denunciando a aplicación de herbicidas e propondo outros métodos menos contaminantes e máis respectuosos co medio ambiente e coas persoas.