Ante as eleccións do 25-S: Non votes Ence-Elnosa, non votes PP. Bótaos!

14352005_781701408599524_5737689040961707696_o

O vindeiro domingo 25 están convocadas unhas novas eleccións autonómicas en Galiza. Unhas eleccións que deben ser as derradeiras antes do fin da concesión das empresas contaminantes Ence e Elnosa no emprazamento da Ría de Pontevedra en 2018.

Mais é sabido que o Partido Popular, a través da contrarreforma da Lei de Costas pensada para servir os intereses de empresas poluíntes dirixidas por amiguetes, concedeu unha prórroga de 60 anos a Ence (a firma de Isabel Tocino e Carlos del Álamo) pasando por riba da opinión maioritaria da poboación da comarca posta de manifesto coas grandes mobilizacións deste ano. Unha decisión antidemocrática e covarde tomada por un goberno en funcións de forma fraudulenta, rexeitada en abril pola maioría do Congreso e que está recorrida xudicialmente.

Ademais, non podemos esquecer que para poder impornos mais doadamente esta decisión, o PP non dubidou en retirar a capacidade da Xunta de emitir un informe vinculante en relación coa prórroga a Ence, pasando esta decisión a depender totalmente do goberno español. Escoitouse a máis mínima protesta por parte do goberno de Feijóo diante desta perda de competencias? Non, todo o contrario, o candidato a presidir o goberno galego calou e asentiu diante da perda de poder da institución que encabeza… Até aquí chega a submisión do PP ao ditado das grandes empresas e do goberno central, non defende nin as súas propias competencias… Como pode alguén así pretender ser presidente das galegas e galegos?

Xa que de eleccións galegas falamos, temos que ter claro que a continuidade de Ence é un problema nacional, non só da comarca e da Ría. Ence, cos seus vertidos, é a principal fonte de contaminación da Ría de Pontevedra, prexudicando a economía do sector primario do mar e a saúde da poboación. Mais Ence tamén é un dos factores responsábeis do continuo devalar do rural galego ao impor un modelo forestal que empobrece os nosos montes e terras susceptíbeis doutros múltiples usos agrícolas, gandeiros ou do sector servizos. O monocultivo do eucalipto e doutras especies, para producir celulosa ou como cultivos enerxéticos, é incompatíbel cun monte multifuncional, impide que se desenvolvan proxectos alternativos que realmente permitan vivir dignamente no rural, permitindo fixar e recuperar poboación, e favorece e explica a desfeita provocada polos incendios forestais. Ou Ence ou un rural vivo, non se poden ter as dúas cousas. E agora temos unha oportunidade para escoller.

Outro comentario merece o caso de Elnosa. A cloreira do grupo portugués CUF pretende agora tamén ficar en Lourizán cando até hai ben pouco estaba a negociar un traslado. E isto é algo que non se pode consentir; xa son demasiados anos vertendo mercurio na Ría, demasiados anos con esta bomba colocándonos en perigo de morte constante (a escasos metros dunha zona habitada e moi perto de Pontevedra).

Se a empresa incumpriu o seu compromiso de acordar un traslado non é culpa da veciñanza da comarca, mais o que en ningún caso se pode tolerar e que presionen para unha declaración de supramunicipalidade que esquive o cumprimento da normativa municipal. E como non confiamos no Partido Popular, esta é unha razón máis para botalos da Xunta canto antes.

Por todo o visto (e moito máis), desde a APDR, como asociación ecoloxista, temos sobradas razóns para pedir unha mobilización ante estas eleccións que permita desaloxar o PP da Xunta. O PP sitúase como un partido favorábel á destrución do territorio e do ambiente (dos nosos recursos para o futuro), e como un partido que apodrece a democracia ao servizo das grandes empresas e dos seus amigos nos consellos de administración destas, portas xiratorias mediante. É o momento de botalos, antes de que podan facer máis dano.

Necesitamos, xa, un goberno galego que recupere as competencias perdidas, que loite en todas as frentes para impedir a prórroga a Ence, que impoña un control público directo dos vertidos de Ence segundo as normas máis rigorosas, que lle deixe claro a Elnosa que en Lourizán non vai continuar, que aposte por unha política alternativa para o rural e para o monte ou que rexeite novos proxectos de macroplantas de biomasa como os que Ence pretende.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s