Non colabores coa destrución da ría e do monte ¡Ence Fóra xa!

Nos últimos meses, e logo da infame prórroga de 60 anos a Ence ditada polo goberno en funcións do PP, a empresa pasteira/enerxética e o seu brazo político na Xunta estiveron anunciándonos un mal chamado “pacto ambiental” co que Ence só pretende seguir mercando vontades e calando conciencias en troca dalgún diñeiro (insignificante se temos en conta o deterioro ambiental e económico causado desde a súa instalación, a golpes e pola ditadura franquista, na nosa Ría).

Na APDR, sabemos que esta política (bastante pouco exitosa, por certo!) non é para nada nova en Ence, que leva décadas destinando cartos ao imposíbel lavado de imaxe e a calar bocas e conciencias (décadas de patrocinios deportivos, concursos escolares, fortes campañas publicitarias…), mais pensamos que a sociedade de Pontevedra, do conxunto dos concellos da Ría e a galega en xeral, non podemos seguir tolerando esta política descarada e prepotente coa que tenta acalar o rexeitamento á súa presenza, e menos cando as administracións galegas se poñen submisamente ao servizo dos intereses privados.

Pensa Ence que pode subornar a todo o mundo, quizais porque no mundo das grandes empresas están acostumados a actuar desa maneira para conseguir os seus obxectivos, mais non é así!

Queremos pór de manifesto, mais unha vez, que a presenza de Ence na Ría de Pontevedra, segundo os datos oficiais, contamina o noso entorno e impide a súa recuperación plena para os seus usos marisqueiros e turísticos. Ademais, ben sexa pola produción da celulosa ben pola produción de enerxía, condena o monte aos monocultivos empobrecedores e destrutivos, impedindo o desenvolvemento de alternativas económicas nun rural que Ence axuda a matar.

Nós non temos os recursos económicos que Ence emprega para a súa goebbelsiana labor, e temos cada vez máis dificultades para que a nosa voz se escoite en igualdade de condicións nun debate democrático (outro resultado desta política de Ence), por iso queremos solicitar da maioría social oposta á súa presenza, que non colabore con Ence e manteña unha actitude activa contra a empresa. Neste sentido:

– Esiximos que as institucións públicas non colaboren en ningún momento con Ence, que retiren o seu apoio económico e de calquera tipo a aqueles eventos nos que Ence colabore, e que fagan saber a persoas, asociacións, empresas, clubes, etc que deixarán de colaborar con quen acepten participar no lavado de imaxe da empresa.

– Facemos un chamamento a todo tipo de asociacións, clubes e colectivos a non aceptar subvencións ou patrocinios por parte de Ence e a entender que non poden vender a súa alma ao diaño por uns poucos cartos e abandonar unha responsabilidade social e ambiental que tamén teñen; porque todos/as a temos! Sabemos da dificultade de conseguir financiamento, pero as iniciativas e proxectos sociais deben sosterse cos recursos propios, co financiamento público e, no seu caso, cos apoios de entidades privadas que demostren responsabilidade ambiental, económica e social.

– Finalmente, mais non por ser menos importante (máis ben ao contrario), apelamos a todas as persoas que rexeitan a presenza de Ence (e de Elnosa, non o esquezamos!) a expresar a manter unha actitude contraria a quen colaboren con Ence, e a non participar en actividades, mercar produtos ou asistir a eventos que conten con publicidade desta empresa contaminante e destrutora da Ría, dos nosos montes e da nosa saúde. Que cada quen discorra a mellor forma e as mellores vías para facer saber que o apoio a Ence ten un custe social.

NON COLABORES CON ENCE!

POLA RÍA E POLOS MONTES, POR UN FUTURO ALTERNATIVO, ENCE FÓRA XA!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s