Xa van tres edicións do Premio “Río Tea á Defensa do Medio Ambiente”, creado polo Grupo Ecoloxista ADENCO co obxectivo de destacar iniciativas de interese para o Medio Ambiente. Nas dúas edicións anteriores foron galardoados a veciñanza de Ribadetea na súa loita para evitar a aplicación de produtos fitosanitarios nos montes da parroquia e a Plataforma SOS Xardíns de Mondariz Balneario, na súa defensa do patrimonio histórico e natural fronte á desenvolvemento urbanístico irracional, no 2015, e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Paraños pola súas iniciativas no monte, no 2016.
Nesta terceira ocasión, o Premio do Colectivo Ecoloxista recae en “O Tempo da Aldea, Sociedade Cooperativa Galega”. Desde ADENCO considérase de grande interese a aposta de O Tempo da Aldea por crear futuro no rural a partir do aproveitamento dos seus recursos propios, mantendo e conservando o patrimonio ambiental e cultural de Rebordechán (Crecente). O Grupo Ecoloxista quere salientar o importante traballo que está a realizar a entidade de Rebordechán e, coa concesión do “Premio Río Tea á Defensa do Medio Ambiente”, trata de achegar un pequeno pulo para que a entidade cooperativa, na que participa a Comunidade de Montes e a veciñanza da aldea, poida conseguir os seus obxectivos e levar adiante o seu Proxecto.
Para ter máis información sobre O Tempo da Aldea, Sociedade Cooperativa Galega, pódese consultar a súa páxina web: http://otempodaaldea.com/portada/gl