ADENCO solicita á Xunta que de por rematado o procedemento administrativo da macroincineradora de biomasa de Mondariz

planta-biomasa-infoA Asociación Ecoloxista ADENCO ten presentado escrito perante a Consellería de Economía e Industria solicitando que de por rematado o procedemento administrativo da macroincineradora de biomasa de Mondariz. Esta solicitude preséntase despois da recente derrogación do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, polo que se regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia. O Colectivo Ecoloxista considera que a derrogación do devandito Decreto e das demais disposicións que del se derivan supón a perda dos dereitos do Proxecto de macroincineradora. Así, o proxecto do Condado nace dunha convocatoria desenvolvida a partir do Decreto agora derrogado.

Nos máis de seis anos de conflito contra o proxecto de macroincineradora a loita cidadá, na que ADENCO tivo un papel moi relevante, conseguiu que se tivese que renunciar ao proxecto inicialmente proposto para Ribadetea e que o proxecto de A´Lagoa tivese unha ampla oposición por parte da veciñanza do concello e da Comarca.

ADENCO oponse a esta clase de instalacións e propón un modelo sustentable de xestión do monte

A Organización Ecoloxista mostra o seu total rexeitamento ás macroincineradoras de biomasa. ADENCO lembra que esta clase de instalacións precisarían de grandes cantidades de cultivos enerxéticos, introducindo especies alóctonas como a paulownia nos montes da Comarca. Desde ADENCO continuarase a informar sobre as alternativas existentes na xestión da biomasa que poderían crear emprego no Condado sen causar impactos na veciñanza nin nos montes da Comarca e cun investimento moito menor. Desde ADENCO proponse un modelo de xestión multifuncional do monte onde o respecto polo medio ambiente e o uso social adquiran relevancia e no que a biomasa poida ser utilizada para iniciativas económicas sustentables como a introdución de gando en extensivo para o control do mato ou a compostaxe da biomasa, actividades realizadas de xeito tradicional na nosa Comarca.

Deixar un comentario