A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo coincide e mesmo apoia a postura da Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo sobre a conveniencia de que a política forestal galega non poida depender dos emporios -nomeadamente o lobbie de ENCE e a patronal madeireira- e que o aproveitamento forestal e a posta en valor do monte non ten porque ser só para a madeira senón diversificado.
Mais non cremos que a Xunta de Galiza acceda, e na súa debida maneira, á ordenación dos recursos forestais nos montes da comarca para tal fin, despois da xuntanza mantida desta con dita Asociación.
A este respecto non se pode nin se debe esquecer que o Partido Popular, asentado case en exclusiva no poder administrativo autonómico dende a aprobación do estatuto, é directamente responsábel de todo o contrario, ata o límite de recoñecer que nos últimos vintecinco anos a xestión do propio Plan Forestal autonómico aprobado no ano 1992, incumpríu a súa función básica da ordenación forestal, viciada e desprovista de seu por mor do seu posicionamento a favor da plantación masiva de monocultivos de eucaliptos, primeiramente subvencionada e posteriormente consentida.
Esta plantación masiva de monocultivos superou con moito e en pouco tempo as previsións de varias décadas, e a propia Xunta tamén recoñeceu recentemente que a cantidade plantada de eucaliptos duplicou as cantidades vertidas -mentindo descaradamente- un ano antes diante da aprobación da primeira revisión do citado Plan Forestal e que na realidade, supera as 500.000 has. por todo o territorio galego.
Cómpre engadir, que con respecto á citada revisión do Plan Forestal e a tan manida proposta de reducir os eucaliptais a nivel autonómico, a Xunta pretende enganar a cidadanía pois está a falar, e sen cobertura legal, do Eucaliptus nitens, unha especie que abrangue só o 10% do territorio e na súa maioría no interior de Galiza, deixando fóra desa redución e consolidando o 90% restante do Eucaliptus globulus, a especie que invade as franxas costeiras, incluída a península do Morrazo.
Por outra banda, as subvencións ás plantacións dun millón de castiñeiros, na maioría no interior de Galiza, coas que pretende camelar desde o verán pasado a poboación está a ser un fracaso pola inviabilidade do subministro por parte dos viveiros, que non dan feito ante alto número deles proposto, e polos excesivos requisitos técnicos que a Xunta lles esixe ás e aos propietarios para acceder a estas subvencións.
É por todas e todos coñecido despois de concederlle a prórroga por 60 anos que a empresa Ence e o Partido Popular son como unlla e carne e que, malia a decisión da empresa de construír unha macroplanta de incineración forestal de 40 MW en Huelva, conta con todo o apoio do goberno da Xunta para construír unha similar, de aquí ao 2020, na nosa provincia e probabelmente nos terreos de dominio público marítimo terrestre onde ten a súa fábrica pasteira, na marisma de Lourizán dentro da ría de Pontevedra. E, por outra banda, pretende duplicar de aquí en adiante a cantidade de producción de pasta de papel con respecto á actualidade.
Polo que cómpre non nos deixar engañar. A política da Xunta e por ende a de ENCE e a patronal madeireira está destinada á consolidación e mesmo ampliación do modelo produtivo proeucalipto inaugurado polo réxime franquista, onde o citado lobbie está a obter desde aquela multimillonarias ganancias a costa da alarmante perda de biodiversidade, acidificación e déficit hídrico do solo. Todo isto, sen esquecer tampouco a grande cantidade e vagas de lumes con grandes emisións de gases de efecto estufa á atmosfera, empobrecemento do solo e mesmo sedimentación das rías onde o eucalipto, como especie pirófita, tivo unha respensabilidade directa polo seu efecto propagador e ao mesmo tempo benefactor a costa deles. E convertendo ademais a propiedade dos montes como algo subsidiario e cos prezos da madeira continuamente á baixa diante do gorentoso negocio dunhas e duns poucos intermediarios e accionistas.
A península do Morrazo conta cunha masa forestal constituída nun 55% por monte privado e un 45% por monte mancomunado veciñal, non habendo polo tanto propiedade pública. Desa superficie forestal o 80% esta repoboada con monocultivos, grande parte deles de eucalipto, tanto en masas puras como mixtas co piñeiro ou outras frondosas.
Dentro do mínimo 20% de superficie restante, cómpre salientar as carballeiras que partindo do Carballal de Coiro e pasando polos montes de Cela e Ardán ata Pastoriza enlazan coa Chan de Gagán e os nacementos do val do rego da Fraga. Estas masas, en certo modo contínuas, pasan por ser unhas das de maior densidade das Rías Baixas mais na actualidade non están amparadas por ningunha figura de protección ambiental máis alá do chan rústico de espazos naturais ou forestal, e polo tanto poden ser en calquera momento obxecto de cortas indiscriminadas cunha simples autorización da axencia da Consellaría de Medio Rural.
Ademais desas masas puras de carballeira están as plantacións produtivas de castiñeiros e en menor medida de bidueiros, cerdeiras, freixos, capudres,…, levadas a cabo nas últimas décadas que, aínda que pequenas e ailladas, existen na maioría dos montes mancomunados e algunha que outra en monte privado e particular. Os bosques aluviais da ribeira dos regos ou as propias masas de carballeira incipiente que, de xeito climácico, crecen por baixo dos propios monocultivos, moitas das veces víctimas das propias cortas.
Cómpre termos en conta que o monte tampouco ten porque ser na súa totalidade forestábel, tamén son de importancia as áreas tradicionais de monte baixo de pasto, matogueira e brañas, de grande valor paisaxístico, biolóxico -con hábitats de interese comunitario e mesmo prioritario- e socioeconómico, e víctimas dunhas políticas e xestión excesivamente forestalizadoras nos últimos anos. Ou a grande e espallada existencia de vestixios arqueolóxicos a nivel cultural -abrigueiros rochosos, mámoas, petróglifos, castros, fortificacións e atalaias medievais, calzadas,…- asociados a unha rica cultura inmaterial, e víctimas tamén de varias agresións pola propia eucaliptización, labores forestais, probas deportivas,…
Os monocultivos do eucalipto e a súa expansión nas últimas catro décadas, tanto polo cáracter alóctono, invasor, e pirófito da especie como pola uniformización da paisaxe e os danos colaterais pola excesiva utilización de maquinaria pesada e apertura de pistas de acceso, roturación e erosión do solo e de produtos biocidas para o control da vexetación e das plagas, como pola falta de silvicultura foi e é unha das principais afeccións para a nosa paisaxe natural, para os valores sociais, culturais e económicos e unha seria ameaza para estes no futuro.
Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo cómpre deixar de escoitar os cantos de sereas e de conformarse con migallas e mudar con urxencia o modelo forestal autonómico, comezando polo desmantelamento e traslado fóra da ribeira do mar da planta pasteira de ENCE, reducindo ata a quinta parte da súa capacidade de produción actual e pechando o ciclo ambiental e industrial da pasta e o papel para o consumo exclusivamente a nivel galego, o que comportaría ao mesmo tempo unha redución drástica ata a décima parte da extensión actual das plantacións de eucalipto.
Así mesmo, ao entender da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo as plantas de incineración de biomasa forestal deberían ter unha capacidade de produción eléctrica catro veces menos mínimo ca que pretende ENCE, estar descentralizadas a nivel comarcal e cunha materia prima exclusivamente procedente de resíduos de cortas do arborado. Neste sentido, hai que ter en conta que non todo o resíduo forestal ten por que ter esta función, podendo ser utilizada como xerador de biocombustible ou compostaxe, e mesmo unha parte, nas masas arboreas máis importantes e a protexer polos seus valores naturais e ecolóxicos, tería que deixarse no lugar para que cumpra na totalidade a súa función cíclica a nivel biolóxico e de formación do solo.
Só partindo desde aí, poderemos comezar a falar dunha verdadeira rexeneración, posta en valor dos montes, da biodiversidade e da multifuncionalidade e diversidade dos seus usos -madeireiro, froiteiro, fúnxico, meleiro, gandeiro, silvícola, recreacional, educativo, sendeirista, científico e cultural-, e dunha verdadeira ordenación dos recursos forestais e naturais que nunca chegou a desenvolverse plenamente desde que estes montes da comarca comezaron a repoboarse a nivel forestal, a comezos do século pasado e principalmente desde que a planta de fabricación de pasta de papel de ENCE se instalou e comezou a funcionar na ría de Pontevedra a mediados de século, condicionando a repoboación case en exclusiva ás plantacións do eucalipto.