ADENCO valora moi positivamente a visita ao Parlamento europeo da pasada semana, na que, xunto con outros colectivos sociais galegos e convidados por Compromiso por Galicia, se denunciou o impacto das obras dos paseos fluviais ás beiras do río Tea nos Concellos de Mondariz e Ponteareas.
Así, o mércores 31 de maio, mantívose unha reunión coa eurodeputada Lidia Senra e parte do seu equipo, na que se expuxo a situación actual e a necesidade de evitar novos impactos, recalcando que os fondos empregados inicialmente no proxecto eran comunitarios, destinados, en teoría, á protección da Rede Natura 2000. Logo desta reunión, o compromiso da eurodeputada é seguir a xestión da solicitude que o colectivo realizará na Comisión de Peticións.
O xoves 1 de xuño, no edificio do Parlamento europeo, a comitiva foi recibida pola eurodeputada Izaskun Bilbao, do PNV, e parte do seu equipo, que respostaron ás preguntas de todos os colectivos que integraban a viaxe. Así, en relación á nosa denuncia, Bilbao indicou que o trámite da denuncia presentado diante da Axencia Europea do Medio Ambiente non foi o habitual e que preguntaría por este tema, coa intención, tal e como manifestabamos na nosa queixa, de reabrir o expediente e estudar o uso dos fondos comunitarios no espazo LIC Río Tea.
Un longo período cheo de irregularidades e sancións
Cómpre ter en conta que estamos ante uns feitos que se remontan anos atrás. Desde o 2013 Adenco ten denunciado o impacto das obras, no medio natural e no patrimonio físico. Así, a día de hoxe hai varios expedientes sancionadores abertos pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, por realizar obras sen autorización e expedientes sancionadores da Direccción Xeral do Patrimonio da Xunta de Galicia, pola destrución de parte dun dos parapetos do Castro da Croa en Ponteareas.
ADENCO, en todo caso, continuará divulgando e defendendo o patrimonio da Comarca do Condado e denunciando todas as consecuencias negativas derivadas das sendas fluviais realizadas na beira do Tea.