O CES recórdalle ao Concello de Sanxenxo que os desbroces na duna de Baltar son unha mala práctica ambiental

Dende hai varios anos o concello de Sanxenxo está a facer desbroces dun metro de ancho ao longo das pasarelas de madeira das dunas de Baltar (Portonovo). Nesta zona atópanse especies tan peculiares como a Linaria polygalifolia subsp. polygalifolia, e Silene scabriflora subsp. Gallaecica cunha escasa distribución a nivel mundial (costa galega e norte de Portugal).

Resulta candomenos curioso que en dita corta de especies dunares se faga sobre unha zona da duna rexenerada con cartos públicos (Dirección General de Costas no 2005 e no 2007)  cuxo obxetivo era xerar as condicións para que medraran esas especies xunto con outra propias deste ambiente costeiro areoso, en troques das chamadas “malas herbas”, que alí medraban debido ás alteracións que ven sufrindo a duna, principalmente dende os anos 60.

Estes desbroces responden, segundo comunica o Concello ao Colectivo Ecoloxista do Salnés, a facilitar a retirada manual de lixo no entorno das pasarelas do paseo.  Sen embargo observamos que en moitos tramos desbrozados ditas plantas dunares non acadan máis de 20 cm o que permite a recollida de lixo sen maior problema. Polo tanto este desbroce está a causar unha perda de biodiversidade inxustificada. O CES considera que aquelas zonas onde medran plantas non propias do sistema dunar, as chamadas malas herbas, que causan impacto ambiental, estético e sí ralentizan á recollida do lixo ao ser altas e mestas, non son maís que o síntoma da enfermidade que sufre a zona. Actuar ante esta problemática cos desbroces non é intelixente, xa que o desbroce propiciar que cada vez haxa máis. O Ces considera que xa son tempos de tomar solucións máis razonables e ambientalmente positivas, polo que anima ao Concello a traballar para que o Servizo Provincial de Costas retome e amplie a restauración dunar, comezada no 2005, nun dos extremos da duna. Para o CES esta vía sería a solución definitiva ante a degradación da duna e as malas prácticas asociadas aos desbroces.

O CES leva varios anos solicitando ao Concello que, naqueles lugares onde sexa imprescindible, fagan un desbroce selectivo, evitando así cortar innecesariamente as plantas dunares tan escasas, medida posible se se formara ao persoal da cuadrilla de limpezas municipal. Ata o de agora só atopamos unha resposta positiva na anterior concelleira, Coral González-Haba, que demostrou unha maior sensiblilidade coa conservación das dunas, comprometéndose a non desbrozar nestas zonas.

Recentemente enviamos un escrito ao novo concelleiro solicitando a rexeneración das zonas degradadas e unha serie de boas prácticas para este espazo dunar, entre elas a de eliminar os desbroces indiscriminados. Tras unha conversa con el e o seu asesor, transmitíronnos a súa intención de solicitar a rexeneración dunar a Costas e mostrouse disposto a visitar o lugar para visualizar in situ a problemática dos desbroces. Dita visita non se chegou a materializar, o Concello comezou sorpresivamente os desbroces, e ante as nosa solicitude reiterada e urxente para paralizalas,   non volveu ter contestación e os desbroces continuaron.

As dunas grises ou fixas (sobre as que discorre o paseo de Baltar) son hábitats prioritarios protexidos a nivel europeo, reservas de biodiversidade, e como tales deben tratarse. Os responsables de limpeza e de medio ambiente do Concello deben comprender que non se trata dun como xardín urbano, sinon dun espazo natural coas súas propias dinámicas que non deben alterarse. As flores dunares son discretas e algunhas de gran beleza, que dan cor á duna sen necesidade de gastos de abono nin rega. Os desbroces privan aos paseantes desta beleza paisaxística natural.

Outro problema asociado a estes desbroces, é que están axudando a propagar unha especie invasora, Arctotheca calendula, que de momento só medra nalgunhas zonas próximas ás pasarelas. Voluntarios do CES levou a cabo varios anos a retirada manual desta e doutras especies, coa colaboración do Concello. Así volta ser contraditorio que por un lado aposten pola retirada de alóctonas e polo outro propicien a súa expansión cos desbroces.

O CES entregará nos próximos días ao Concello unha proposta de ampliación de rexeneración da duna de Baltar, co ánimo de aportar ideas á administración que se poidan aplizar na melllora ambiental da duna. Agardemos que a intención mostrada polo Concello de apostar pola rexeneración dunar de Baltar sexa firme e que o demostren con feitos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s