Milagre en Lourizán

Tiveron que pasar 10 anos (ou 20, que as fontes non se poñen de acordo sequera neste dato) para que as mariscadoras puidesen baixar á praia e recoller ameixas na parte interna da Ría, aquela que vai desde a Punta dos Praceres ata o peirao de Lourido. De forma inesperada, desapareceron todos os impedimentos que facían que ese banco marisqueiro mantivese durante este longo período de tempo a clasificación como zona C pola excesiva presenza de coliformes, unha clasificación que impedía a comercialización directa do seu marisco. A nova clasificación como zona B outorgada polo goberno galego, posibilita a comercialización sempre que os bivalvos se sometan a un proceso de depuración. Un alivio, sen dúbida, para as xentes do mar que teñen na extracción e venda destes moluscos o seu medio de vida!

Pero convén preguntarse que ten mudado na Ría para que sexa posíbel esta reclasificación do banco marisqueiro; que foi o que fixo desaparecer a contaminación microbiolóxica da nosa Ría? A ninguén se lle escapa que os coliformes proceden dos vertidos urbanos á Ría, tanto daqueles que se fan de forma directa, sen depurar, como daqueles outros que saen polo emisario submarino que recolle os procedentes da depuradora de Os Praceres e do complexo ENCE-ELNOSA. Non hai que rebuscar moito nas hemerotecas para atopar explicacións nun feito incontestábel: A DEPURADORA DE OS PRACERES NON DEPURA, É SÓ UNHA BATIDORA DE MERDA!

Poida que sexa consecuencia do novo plan de saneamento da Ría anunciado pola Xunta de Galicia, que -por unha vez- deu os resultados apetecidos? Semella que o simple feito de anunciar melloras na depuradora e a construción dun novo tubo emisario, teña dado xa froitos! Tampouco debemos desbotar que se trate do primeiro efecto do barquiño regalado por ENCE ás confrarías. Pero resulta difícil atopar unha explicación plausíbel! Porque non se pode atribuír a mellora á ausencia de choivas, xa que con anterioridade houbo períodos secos nos que os coliformes campaban ás súas anchas! Máis semella que se trata dun auténtico milagre, por máis que de características ben distintas ás que nos teñen acostumados os santos milagreiros por estes lares.

Debo recoñecer que non acredito moito no tocante aos milagres, pero visto o visto, vou ter que ir reconsiderando a miña posición ao respecto. En efecto, se analizamos a situación sen  prexuízos, teremos que concluír que a posibilidade de que se trate dun milagre cobra forza diante doutras explicacións que, “a priori”, poden semellar máis “científicas”. Ben puidera ser cousa da virxe Peregrina, que querería aproveitar as festas na súa honra para manifestar o seu amor polas xentes da Ría, ou ben -explicación pola que me inclino- que se trate dun favor da virxe de Os Praceres, que se no pasado foi quen de defender ás xentes de Lourizán da entrada dos seus inimigos na Ría, con máis razón poderá hoxe salvar aos seus bancos marisqueiros da chegada dos temíbeis coliformes fecais.

En todo caso, o asunto require dunha fonda investigación que axude a comprender e explicar este extraordinario fenómeno. Estou convencido de que desde a Xunta de Galicia -no tempo libre que lle deixe a busca de solucións que aseguren a permanencia de ENCE e ELNOSA en Lourizán- xa se están a dar os pasos necesarios para que isto sexa así.

Pontevedra, 24 de agosto de 2017

Asdo.: Antón Masa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s